1949/07/04 > Christina Rossetti

1949/07/04 > Christina Rossetti

BBC, Spanish Programme. Monday night, 4th July 1949, 22.00-22.45 BST.
Galician Programme No. 23. Edited and presented by Javier Fernández (original broadcast).

A fonda tristura que se refrexa na exquisita musicalidade dos versos de Christina Rossetti, a gran poetisa inglesa do pasado século, fai inevitablemente xurdir no esprito do leitor galego a lembranza da nosa Rosalía Castro. Na escritora inglesa predomiña, é certo, unha resiñada e vaga malencolía, sen outro consolo que a espranza do repouso que ha chegar coa morte. Brilla n-ela esa nota de rebelde e tráxico desespero que vibra no verso de Rosalía…Mais as semellanzas entre estes dous espritos femeninos atormentados danlle un caráiter de irmandade no sofrimento que abonda pra xustificar o intento de facer chegar aos ouvintes galegos, nas amostras da sua obra que séguen, un pouco, o que a tradución permita, dos tristeiro encanto da poesía de Christina Rossetti…

“Esquecéndose das Rosas”

Esquecéndose das rosas,
esquecéndose da espiña,
o segador canso pousa
sobre a mèse recollida:
i-eu, sí quixera..hasta o día.

Frío cal fríos Decembres,
ido, cal días que findan,
hai un só que inda se lembre,
mentras os demais olvidan,
mais un só…lémbrase aínda.

“Eco”

Ven a min no silenzo d-unha noite
no silenzo d-un soño, en que se fala,
con lene rostro e ollos que relocen
cal luz do sol na i-auga,
ven, entre choros,
memoria, espranza, amor dos anos mortos.

Soño doce demais, tan agridoce
como para despertar tan só no Ceo,
onde moran espritos cheos de amores,
que arelantes, sedentos,
ollan a porta lenta
que abre pra entrar, mais que saír non deixa.

Mais ven a min en soños, para que eu poida
na morte fría revivir aquelo ,
en soños ven a min, pra que eu devolva
cada pulso e alento:
fala baixo, incrinado,
como hai anos, amor, hai tantos anos.

“Por fin durmindo…”

Por fin durmindo, loitas e horrores xa findos,
por fin durmindo, pena e tumulto pasados,
fría e branca, invisible pra amigo e amado,
por fin durmindo.

Xa non hai corazón apremido, cansado, sombrizo,
nin dor que atormenta, e incerto temor axexando,
pechada n-un sono sen soños, por fin durmindo.

“Miraje”

A espranza que soñei que era só un soño,
un soño nada máis; e agora acordo
toda desconfortada, e cansa, e vella,
por mor d-un soño.

A i-arpa d-unha árbore penduro,
na lagóa, n-un salgueiral choroso;
crebada, silenzosa, atormentada,
por mor d-un soño.

Quedo meu corazón que crebas, quedo;
corazón, creba quedo o silenzoso:
a vida, o mundo, o propio ser, mudados
por mor d-un soño.

“Amor meu, cando eu morra…”

Non cantes tristes cantos
amor meu, cando eu morra,
nin me prantes âtesta
ciprés sombrizo, ou rosas.
Orballo e choiva mollen
sobre min a herba verde
e, si queres, relembra,
e, si queres, esquece.

Eu non verei as sombras,
Nin hei sentir a choiva,
Nin ouvirei o reiseñor,
que cando canta, chora.
I-en soños, na luz fosca,
-que nin míngoa, nin medra-
pode ser que me lembre,
pode ser que me esqueza…