Arredor dun titulo

Arredor dun titulo

“En torno a un titulo”. Céltiga.

Ó escribir unhas liñas para unha revista que se publica en Bos Aires e que se titula Céltiga, o primeiro que xorde no ánimo é un sentimento de alegría, ó pensar que ese título tan significativo atravesou o Atlántico, o océano que constitúe unha parte tan esencial da vida dos celtas do occidente de Europa. É un trazo revelador da forza do espírito tradicional dos celtas o feito de que os galegos de Bos Aires escolleran precisamente ese nome para a súa revista de tantos que podían ocorrérselle. Preocupados inevitablemente na súa vida cotiá co comercio e a industria, coas cousas materiais da vida, buscaron sen embargo como emblema dos seus ideais a palabra que expresa máis intensamente a sensibilidade, a espiritualidade, a imaxinación. O afastamento non conseguiu mudar a maneira de ser destes galegos emigrados, do mesmo modo que o transcurso dos séculos non puido modificar as características da raza galega.

É para min un dos fenómenos máis notables da historia a persistencia do espírito céltico nas rexións do extremo occidente de Europa. Explícase ata certo punto en Irlanda, país afastado, que non sufriu a invasión romana e que xamais perdeu o contacto coa súa antiga civilización. Posuía xa cando foi invadida por Inglaterra unha alta cultura céltica, unha literatura considerable, unha valiosa tradición artística, tódolos elementos dunha nacionalidade ben definida. A dominación inglesa limitouse durante longos anos a unha zona pequena arredor de Dublín, e cando se estendeu a todo o país tivo sempre en fronte a unha forte cultura nacional. En Gales tamén contribuíron moitos factores á conservación do celtismo. A influencia romana non foi prolongada e cando os romanos se retiraron ante o avance dos anglos e dos saxóns, volveu a converterse Gales nunha nación céltica, que perdurou ata a invasión inglesa na Idade Media. A Igrexa Céltica foi outro poderoso axente que tivo igual efecto. Escocia, nación tamén apartada, mantívose completamente independente de Inglaterra ata principios do século XVII, no que se uniron as coroas dos dous países, pero a verdadeira unión dos reinos non se levou a cabo ata o século XVIII. No século XVI aínda era Escocia non soamente unha nación independente senón en moitas ocasións un serio rival de Inglaterra. Aínda hoxe conserva a súa independencia en moitas esferas da súa vida e ten un sentido nacionalista e un orgullo patriótico máis forte que os da mesma Inglaterra. Ademais destes factores, a política inglesa non foi nunca centralista, e o estado interveu sempre o menos posible na vida dos cidadáns. Hoxe procura precisamente estimular o amor ó propio de cada nación británica para fortalecer a verdadeira unión nacional. En fin, en tódolos países célticos das Illas Británicas a supervivencia do idioma, a existencia dunha literatura céltica e moitas outras causas tenden a facer comprensible as diversas formas do nacionalismo céltico despois de séculos de loita con civilizacións máis potentes que a súa.

Pero en Galicia as circunstancias foron incomparablemente máis adversas. A dominación romana foi máis completa e prolongada. O idioma celta desapareceu nunha época remota e non queda del nin o recordo. As invasións góticas trouxeron novas influencias estrañas. A relixión tivo unha tendencia universalizadora e non creou unha igrexa céltica, nacional, como nos países do norte. A independencia de Galicia foi de curta duración e os gobernos estraños desde os tempos dos Reis Católicos tiveron por ideal a unidade española, unidade entendida á súa maneira superficial. A nosa literatura non mantivo a continuidade espiritual de Galicia pois deixou de existir durante séculos, e soamente volveu a rexurdir en tempos comparativamente recentes. E sen embargo, aínda que sería natural o máis completo esquecemento do celtismo, cando o nacionalismo galego quixo atopar a súa inspiración ideolóxica foina buscar a través dos dous mil anos de historia. Volveu espiritualmente a aqueles tempos en que os romanos aínda non nos impuxeran a súa cultura e os seus métodos de goberno. A única influencia favorable á conservación do celtismo foi a tradición popular. O pobo inculto demostrou un xuízo máis certeiro, un sentido intuitivo da realidade máis acertado que o das xentes educadas. Tódolos pobos célticos conservan un recordo racial, unha tradición popular de tempos remotos e felices. Sexa ou non xustificado este recordo, demostra que ningunha cultura posterior foi satisfactoria para os celtas. Despois de centos de anos tivemos que volver ó pobo para buscar a inspiración nacional e salvar o que aínda queda da alma da raza. En todo caso, observando a historia, o fenómeno do renacemento céltico é ben sorprendente, e en Galicia máis que en ningunha parte.

Cando comecei este artigo pensaba falar da influencia dos celtas na vida inglesa, da predominancia dos seus estadistas na política británica, e a dos seus artistas e escritores na cultura da nación, cunha literatura que atopa precisamente nos elementos célticos a base da súa grandeza. Pensaba aludir tamén á significación na política norteamericana, e ata na internacional dos irlandeses dos Estados Unidos, e do seu importante papel na loita de Irlanda pola independencia e na actual política interna do Estado Libre de Irlanda. A situación destes irlandeses emigrados ten moitos puntos de comparación coa dos galegos de América, e do estudio da súa actuación poderían sacarse interesantes deduccións. Pero o tópico require demasiado espacio e non deixa de ser algo delicado. Soamente podo sinalar estes diversos feitos como mostras da importancia do celtismo na actualidade política e cultural.

Acaso estea chamado o celtismo a desempeñar un papel decisivo no desenvolvemento da cultura mundial. Ten moitas das calidades que converten a súa ausencia na causa fundamental do actual desequilibrio do mundo. Pode ser socialmente un freo contra o materialismo que é unha das ameazas máis serias que se nos presentan, e canto máis se estudia a producción artística actual máis evidente se fai a necesidade da delicadeza, da fantasía e do soño dos celtas para sacarnos da desorientación que padecemos. Pode liberarnos dos dous extremos (que hoxe dominan case toda a arte), da extravagancia incoherente e do realismo vulgar.

¿Sería ilusión pensar que se o celtismo sobreviviu case milagrosamente, se hoxe renace con nova puxanza, é porque ten esta alta misión cultural que cumprir? Non debemos perder de vista estes aspectos máis amplos do nacionalismo, aínda que o esencial sexa a súa influencia dentro de cada país da raza celta. Non poderá exercer unha influencia mundial sen atopar primeiro a súa plena realización dentro dos núcleos célticos. É un camiño indirecto pero é o único seguro.

E o título da revista Céltiga de Bos Aires, é un símbolo do cumprimento desas dúas misións do celtismo: intensificar o sentimento céltico entre os celtas e levar ó mesmo tempo o seu espírito a través dos mares.

P. R. Castro