Irlanda e Galicia

Irlanda e Galicia

“Irlanda y Galicia”. Céltiga.

Unha viaxe a Irlanda ten que ser para un galego unha peregrinación emocionante. Poucos países teñen unha historia tan dramática, unha literatura e unha cultura tan atraentes. Os lazos tradicionais e raciais fan que esa illa sexa para nós a nación máis interesante do mundo. Pero, aínda a parte desas coincidencias sentimentais, hai unha gran semellanza entre as condicións materiais e os problemas prácticos dos dous países. A xeografía e o carácter o fan inevitable. Son dous países de clima temperado e húmido, de solo fértil e paisaxe verde, de costas atlánticas, nas que se suceden os acantilados maxestosos e as rías amplas e apracibles.

Abonda resumir algúns dos aspectos da vida irlandesa para comprender canto se parece á de Galicia. Case toda a terra se atopa dividida entre os que a cultivan, gracias ás excelentes medidas do goberno irlandés para o reparto da propiedade. Nas rexións do oeste, as que máis se parecen a algunhas comarcas de Galicia, a división é excesiva e hai bastante pobreza. En consecuencia emigran a Norteamérica moitos habitantes desas rexións. A metade dos habitantes de Irlanda depende exclusivamente da agricultura, e a pesca tamén é un factor importante da economía da rexión. A industria está pouco desenvolvida. É Irlanda un país admirablemente adaptado para o turismo que está chamado a contribuír considerablemente á súa prosperidade. Ten, como Galicia, unha gloriosa cultura antiga e un idioma nativo que atravesaron un longo período de decadencia. A poboación de Irlanda é de preto de tres millóns de persoas, pero non é tan densa como en Galicia. En ambos países é típica a diseminación da poboación por toda a súa extensión, en pequenas aldeas e poboacións, máis ben que a concentración en grandes cidades…

Pero ¡que orientacións tan distintas seguen estes pobos tan semellantes!. O goberno irlandés comprendeu que nun país onde a propiedade da terra se atopa moi dividida é indispensable a cooperación, incluso obrigatoria, de tódolos agricultores. Contempla a agricultura como a actividade máis importante da nación e estudia tódolos medios de contribuír á súa prosperidade. Fai préstamos ós agricultores e ás cooperativas. Fiscaliza a calidade dos productos dedicados á exportación e se a súa calidade non é inmellorable non permiten que se exporten, de forma que estes productos se buscan con preferencia nos mercados ingleses e se venden en cantidades cada día maiores.

Axiña se subministrará a todas as rexións do país enerxía eléctrica a prezo de custo, aproveitando a forza do río Shannom. Cada ano van a Irlanda máis turistas debido a unha intelixente propaganda de atracción e á existencia de bos hoteis. As comunicacións son boas, especialmente as estradas, o cal é esencial nun país de poboación diseminada.

Renace o amor á antiga cultura e á tradición e nelas atopan a súa inspiración os admirables escritores irlandeses destes últimos tempos. O goberno estimula por tódolos medios ó seu alcance a resurrección do idioma gaélico e esixe o seu ensino nas escolas. Todo o sistema de instrucción pública foi reorganizado e pode hoxe compararse ó de calquera nación. O goberno concede tanta importancia á educación que ten o propósito de facer obrigatoria a asistencia dos nenos ata cumprir dezaseis anos.
A obra do goberno irlandés durante estes últimos anos é sorprendente, sobre todo se temos en conta as condicións difíciles nas que iniciou o seu labor, nun país anarquizado e sementado de ruínas materiais e de odios persoais. Este labor non podería levalo a cabo máis que un goberno irlandés, doutra forma o pobo chamaríalle tiranía á enerxía dos ministros. E soamente poderían comprender tódolos aspectos da vida de Irlanda e tódolos problemas, homes que naceron e pasaron a súa vida no mesmo país. Ademais os intereses económicos de Inglaterra, país case exclusivamente industrial, e Irlanda, nación case esencialmente agrícola, eran case sempre antagónicos e as diferencias de temperamento non permitiron nunca que os dous pobos colaborasen amigablemente. O resultado da independencia foi que os gobernantes irlandeses puideron dar ó seu país unha orientación netamente nacional, que o leva pouco a pouco á prosperidade. E as consecuencias espirituais non foron menos satisfactorias. Irlanda en lugar de ser un motivo constante de discordia e dificultades para Inglaterra, converteuse nunha colaboradora dentro do Imperio Británico e nun lazo de unión entre os pobos de fala inglesa…

Moito proveito podemos sacar os galegos da vida e a historia de Irlanda. E entre as ensinanzas máis interesantes deste estudio está a circunstancia de que Irlanda venceu na súa loita contra Inglaterra non tanto pola violencia -que por desgracia tivo que empregar- como porque o pobo expresou claramente o seu desexo de independencia, ano tras ano, en tódalas eleccións que se celebraron, ata que a victoria electoral do Sinn Fein en 1918 lle deu unha forza moral irresistible á causa irlandesa. E tampouco debemos esquecer canto contribuíu o amor á antiga cultura nacional a estimular e acender o patriotismo irlandés e a darlle unha base firme ó sentimento de nacionalidade. A nosa tradición quizais non estea tan viva no noso ánimo pero aínda non se perdeu o seu recordo…

Finalicemos estas liñas cunhas palabras dun entusiasta do celtismo: “Estamos loitando polo idioma dos celtas, a tradición dos celtas e pola misión e a mensaxe dos celtas no mundo… En Gales non falamos o noso idioma coma se tiveramos vergoña del. Sentímonos orgullosos da expresión que deu a través dos séculos ós sentimentos máis fondos e nobres da alma humana… Este non é un intento de crear no reino británico unha división de razas, unhas fronte a outras… Temos tanto cariño ó Imperio Británico coma calquera descendente dos saxóns, os daneses ou os escandinavos… Pero a variedade de matices, cada un adaptado á rexión na que se produciu, dan forza, variedade e interese ó conxunto… Non soamente cómpre a variedade de calidades senón a de matices… E o matiz máis distintivo das Illas Británicas é o céltico. Non vos imaxinedes que convertendo ós galeses, irlandeses e escoceses en ingleses de imitación unificaredes ou fortaleceredes o Imperio. Ó contrario, debilitarédelo… Non vos falo como político senón como un celta que cre na tradición, na misión e na mensaxe dos celtas para o mundo enteiro. Por iso como celta galés, prégovos ós celtas escoceses que sexades fieis ás nosas gloriosas tradicións e á nosa misión neste mundo”.

¿De que soñador, de que visionario céltico serán estas palabras? Pois son un extracto dun discurso pronunciado en Escocia hai poucas semanas por un político tan práctico como o ex primeiro ministro da Gran Bretaña, Mr. David Lloyd George. Non debe pois, ser tan extravagante falar do espírito céltico e da súa importancia no mundo. Nós tamén temos a nosa parte, quizais máis pequena e de distinto carácter, pero ó fin, unha parte desa gloriosa herdanza e desa misión que inspirou o discurso do estadista inglés.

Cando visitei ó profesor Eoin MacNeill, ex ministro de Instrucción Pública e ex presidente da Cámara que foi un dos inspiradores máis activos da rebelión e o organizador dos Voluntarios Irlandeses, e que é un dos historiadores máis eminentes da nación, recibiume coas seguintes palabras:

“Canto me alegro de recibir a unha persoa que vén de Galicia. É vostede da terra dos nosos antepasados”. Moito me agradou esta frase, que me fixo sentir, como se sente sempre en Irlanda, a transcendencia que para Galicia teñen os lazos espirituais e as tradicións que son a común herdanza dos pobos célticos. Os nosos descendentes irlandeses conservaron con máis cariño ca nós a tradición da súa raza, polo menos nas súas manifestacións culturais. Se queremos recobrar algunha parte da tradición perdida é na súa terra onde teremos que buscala.

P. R. Castro