1927/03/20 > A nova Inglaterra

1927/03/20 > A nova Inglaterra


El Pueblo Gallego, domingo 20 de marzo de 1927.


O cambio efectuado no carácter inglés durante os últimos anos nótase, como din, en case tódalas manifestacións da vida. No mesmo instante de desembarcar comeza a experimentarse. O oficial de emigración preguntoume: ¿De que color político é o xornal no que vostede escribe?’. ¡Canto estrañaría tal pregunta hai uns anos! Na estación de Waterloo vixía un policía para que ninguén se leve equipaxe que non lle pertenza, pois en Inglaterra existe o sistema de talóns para facturar. É estoutra novidade desagradable, polo que ten de síntoma. Cando se encarga algo nun comercio xa non se pode te-la seguridade como antes de que o pedido será executado ó seu debido tempo. Podería citarse toda unha serie de detalles coma estes que revelan unha gran diferencia entre a Inglaterra de onte e a de hoxe. A moza que me arromba a habitación di: ‘É o socialismo. Todo está así dende que gobernou o Labour Party’. Quizais sexa verdade o contrario, que gobernou o Labour Party, coa súa ideoloxía algo estraña ó carácter inglés, precisamente porque o país cambiou.

Unha xeración que creceu no ambiente febril da guerra non pode xa adaptarse ás antigas normas da vida inglesa. O periodo de axitación guerreira rompeu a continuidade da traición, cambiou o punto de vista dos que pasaron por el.

Como xa apuntei, os ingleses levan hoxe unha vida máis repousada. Andan máis lento, saborean tranquilamente o café mentres charlan ou len o xornal, como podería facelo calquera español. E polo contrario, as súas diversións, continentalizándose tamén, aceleráronse. Ó ‘music-hall’ seguíulle o ‘night-club’ cos seus bailes ata a madrugada. O vello Empire, o ‘music-hall’ máis célebre de Inglaterra, vaise converter en cinematógrafo.

Así como antes o orgullo do inglés era segui-la tradición, o afán de hoxe é distinguirse facendo algo novo, algo que que o diferencie a un dos demais.

Ben sei que estes son síntomas da vida londinense tan só e que Londres non é Inglaterra. As grandes cidades son sempre, o menos típico dun país. Pero é nelas onde primeiro se notan as innovacións que lógo se van estendendo polo resto da nación. Non quixera da-la impresión de que a transformación de Inglaterra é completamente desfavorable. Élles preciso recordar non obstante que a marcha perfecta e suave da vida inglesa non foi nunca debida a unha disciplina imposta polas leis. Proviña de certo sentido espontáneo de civismo práctico que levaba en si todo inglés. Por esa razón, por se-la sociedade esencialmente individualista, pode ter consecuencias tan graves o cambio que parece ter sufrido o carácter individual. Unha sociedade constituída desta forma ten que resentirse en canto se modifican as bases e as normas de conduta dos seus compoñentes. E estas normas, a forza da tradición, a calma no pensamento, a actividade na vida práctica, non cabe dúbida que se modificaron profundamente.

Non me parece aventurado supoñer que o descenso na potencialidade comercial da nación non se debe tan só á situación económica do mundo. Depende tamén, en gran parte, das transformacións espirituais que observamos. É imposible predicir se a transformación será pasaxeira. Se non o é pode asegurarse que a Inglaterra futura vai a ser ben distinta da antiga, e será esta unha das consecuencias máis sensibles da guerra mundial.

Creo que se pode deducir destes feitos unha ensinanza nacionalista – que un pobo é tanto máis admirable e eficiente canto menos se deixa influenciar polo resto do mundo. ¡Agora compréndese que o ‘espléndido illamento’ era en verdade espléndido!

P. R. Castro.