El Pueblo Gallego, xoves 31 de marzo de 1927.
¡Hai que ter coidado cos intelectuais! Vai sendo cada vez máis necesario para os que aínda cremos nos ideais liberais defendernos das teorías antidemocráticas tan de moda entre os máis eminentes homes de letras de todo o mundo. Fai uns anos eran máis ben os mozos os que se deixaban levar polo desexo de diferenzarse pola multitude formando grupos coma a Acción Francesa ou o núcleo do fascismo. A democracia parecía entón unha cousa vulgar, plebea. Hoxe voltou presentarse en Europa a necesidade de reconquista-las liberdades perdidas. (Debemos agradecerlle á reacción o proporcionarnos unha causa digna pola cal loitar).
É neste momento tan grave para a democracia, cando as voces dos mestres intelectuais debía oirse defendendo unanimentente todo o que consideramos coma a esencia mesma da nosa civilización moderna, sucede precisamente o contrario. Non todos chegan ó extremo de orgullo e de intransixencia dun recente caso español, pero é en xeral a falta de humildade intelectual o que induce a tantos homes eminentes a opoñerse ós ideais democráticos.
Motiva estes comentarios un discurso pronunciado por Mr. Wells na Sorbonne. Mr. Wells foi un dos grandes novelistas de Inglaterra cando só se preocupaba de crear obras artísticas ou fantasías científicas. Pero agora Mr. Wells volveuse político e xornalista. El mesmo di que a súa obra principal debe chamarse xornalística. E en lugar de deleitarnos coas producións artísticas da súa fértil imaxinación adícase a propaga-los seus ideais políticos e sociais. Hai que confesar que as fantasías de Mr. Wells valían bastante máis que as súas ideas. Vese o pouco que ten que dicirnos politicamente ó le-lo seu último discurso da Sorbonne. Para el, o noso tempo é ‘a idade da revisión da democracia’. A democracia trouxo como consecuencia o enxalzamento do nacionalismo. Os políticos non teñen a capacidade suficiente para controlar esta gran organización económica que é a vida moderna. A democracia foi un proceso de disolución e é necesario emprende-la reorganización. Para iso teñen que desaparece-lo parlamento e o sistema electoral porque os votantes son indiferentes, ignorantes e incapaces. Mr. Wells aínda que se declarou anti-comunista e anti-fascista cre que a futura organización política se baseará sobre minorías de voluntarios que se encarguen do goberno. A minoría activa e aventureira da humanidade é para Mr. Wells a única parte da humanidade que ten importancia. (É de presumir que os demais homes serían os seus escravos).
Non creo que o concepto do mundo coma unha organización económica, á cal hai que subordinar tódalas demais actividades da vida humana sexa aceptable para a maioría dos homes. É a única afirmación de Mr. Wells que merce a pena discutirse. Contra as súas ideas sobre as minorías voluntarias non fai falta aducir argumentos. Temos argumentos sólidos e tanxibles que valen máis que tódalas razóns.
O que non me explico é como un home da intelixencia de Mr. Wells poida dicir cousas semellantes. E só podo atribuílo, como xa dixen, á falta de humildade. Mr. Wells é anti-fascista e anti-comunista, non porque estes rexímenes lle parezan malos como formas de goberno, senón porque non están de acordo coas súas ideas persoais.
O importante para Mr. Wells é que, Mr. Wells forme parte da minoría gobernante e o respecto do país que se deixe gobernar. Acaso ocorreríanselle ós meus lectores algúns casos paralelos que aconteceron en España.
E eu pregúntome: ¿Se apartamos do noso ánimo toda idea de estimación que Mr. Wells nos merece como artista, podemos tomar en serio as súas ideas políticas? ¿Non están abusando da súa autoridade política, e acaso para levar consigo a moitas persoas que se deixen seducir polo prestixio dun nome?
Por iso dixen ó principio que hai que ter coidado cos intelectuais. Hai que temer a estos literatos metidos a políticos, cando queren transmuta-lo seu orgullo de minoría selecta de gobernantes voluntarios.
Fixo ben Mr. Wells en dicir estas cousas en París. Se as dixera en Londres talvez o elector ‘ignorante’ tivera a intelixencia suficiente para rirse del.
P. R. Castro.