1927/04/07 > Inglaterra e Rusia

1927/04/07 > Inglaterra e Rusia


El Pueblo Gallego, xoves 7 de abril de 1927.


Lin recentemente en EL PUEBLO GALLEGO dous artigos sobre as relacións anglo-rusas, un de Augusto Barcia e o outro de Gonzalo de Reparaz. Ó artigo do señor Barcia só quixera poñerlle un reparo. Paréceme unha esaxeración facer da pugna pola supremacía asiática o centro da loita entre Inglaterra e Rusia. Nestes momentos da crise china é comprensible tal interpretación, e aínda o propio goberno inglés parece darlle ás veces á contenda un carácter de loita en defensa do imperio. Pero a súa actitude non é máis que unha fase da táctica política, porque nin o nacionalismo chino se inspirou no sovietismo, nin é seguro que se trunfan os suristas implantarán o rexime soviético, aínda cando aceptaron o apoio de Rusia.

A cuestión asiática non é máis ca un aspecto da loita. Inglaterra enviou as súas tropas a China porque é esencial defende-las vidas e os bens dos seus súbditos nestes momentos de anarquía. A preponderancia de Inglaterra en China débese á potencia comercial e en circunstancias normais Rusia nunca poderá competir comercialmente con ela. Tampouco se pode considerar seriamente a Rusia como rival de Inglaterra na pugna pola supremacía mundial porque non teñen as calidades raciais nin o talento organizador que lle permitan crear un imperio comparable á comunidade de nacións británicas unidas polos lazos de sangue, de ideais e de democracia.

O que Inglaterra comprende é que Rusia é o inimigo máis temible da democracia que hai no mundo, non polo seu potencial militar senón polos seus métodos insidiosos de propaganda. Ó señor Reparaz parécenlle admirables os diplomáticos rusos porque saben crearlles dificultades a Inglaterra. Mais a diplomacia que só se propón crear dificultades non require un gran talento. Porque este é o papel de Rusia no mundo como o é o dos grupos comunistas en cada nación.

Os sóviets escolleron a Inglaterra coma a grande inimiga do seu rexime comprendendo que é o país que conseguíu a estabilidade e democracia dentro do sistema capitalista. Metres o mundo teña ante si os exemplos de Rusia e de Inglaterra coma as consecuencias de dous sistemas de goberno, non lle será difícil a elección.

Poderá concedérselle certo inxenio nas súas falcatruadas ós diplomáticos bolcheviques pero non pasa de aí o seu talento. Non cesaron de insulta-los xefes máis significativos do laborismo, o único partido inglés que podería sentir algunha simpatía pola súa política. Conseguiron con esta admirable táctica que Ramsay Macdonald apoiara a nota de Sir Austen Chamberlain e que Snowden lles chamara un goberno de anormais a quenes hai que tratar como anormais. Nos momentos de maior cordialidade nas relacións anglo-rusas lanzaron ó mundo as absurdas cartas e proclamas de Zinavieff demostrando un descoñecemento absoluto da mentalidade británica e provocando a caída do goberno laborista que se non é polo incidente da carta de Zinovieff talvez estivera aínda no poder. Non creo que haxa moito que temer de diplomáticos de tal calibre. O perigo consiste en que os axentes rusos actúan sobre as masas de persoas ignorantes e suxestionables que existen en tódolos países perturbando a paz interior de cada nación.

Pero a súa mesma falta de intelixencia fai que polo menos en Inglaterra non sexan un perigo tan terrible coma o Goberno quere facer pensar ós bos burgueses. Adoptan a táctica máis propicia para darlles votos ó partido conservador. Un partido que é anti-nacionalista e que ataca un dos fundamentos da vida inglesa, o dereito a expresar libremente a opinión, nunca pode ter éxito en Inglaterra. O que consegue é que moitas persoas abandonen o partido laborista que non teñen a valentía suficiente para rexeita-lo apoio destes alborotadores. Como dixo Lloyd George ós comunistas de Southwark: ‘Se sodes un exemplo do partido laborista non me extraña que o doutor Guest o abandonara’. A tal extremo chegou a táctica alborotadora dos comunistas que xa se está considerando a posibilidade de tomar medidas para anula-las eleccións onde un candidato non teña liberdade para expoñe-lo seu programa.

O señor Reparaz ve o ascenso da diplomacia rusa acompañado por un correspondente descenso na inglesa. Tampouco podo compartir esta opinión súa. Foi precisamente Lloyd George, estatista que comete infinitas disparates segundo o señor Reparaz, quen ofreceu a Rusia a oportunidade de entrar na comunidade de nacións europeas. Os rusos desdeñaron a súa oferta, ou máis ben aceptárona en apariencia para seguir intrigando contra Inglaterra e para conseguir que ó final un socialista inglés coma Mr. Snowden lles chame publicamente un goberno de anormais. Creo ademais que Inglaterra fixo un servizo inestimable ó mundo nos anos da postguerra porque foi a nación que coa súa diplomacia serena colaborou con máis eficacia na pacificación de Europa. Deus sabe a que traxedia nos houbese arrastrado a política de Poincaré se Inglaterra non chegara a opoñerse á ocupación do Ruhr.

E ante todo os estatistas Ingleses salvaron o seu país como mostra do que debe ser unha nación culta e civilizada, cando outras nacións parecen telo olvidado. Se algunha vez Albión foi pérfida, coñecendo a Inglaterra, case se lle pode perdoa-la súa perfidia. Na miña opinión o campo da loita anglo-rusa non é en China, é en Inglaterra. E Inglaterra non está inspirada por moitos imperialistas; procura unicamente defende-lo seu modelo de democracia e rexeitar calquera intento por parte dunha potencia estranxeira de intervir na súa política interior. E ó meu entender calquera demócrata que non estea cegado pola anglofobia terá que recoñecer que a causa de Inglaterra é tamén a da democracia europea.

P. R. Castro.