El Pueblo Gallego, Crónica de Londres, martes 10 de xaneiro de 1928.
As discusións das reformas da Igrexa Anglicana celebrada na Cámara dos Comúns, foi por moitas razóns uns dos acontecementos parlamentarios máis interesantes dos últimos anos. Xa era suficiente para prestarlle interés polo estraño, no noso tempo, o espectáculo dunha camara popular que discutía os dogmas dunha Igrexa. Pero non era ese o único aliciente. Por primeira vez desde hai moitos anos os deputados puideron votar ‘segundo a súa conciencia’, pois en tódolos partidos había profundas diferencias de criterio. Ofrecíase a ocasión de ver a distinguidos membros do goberno en discrepancia cos seus propios colegas, e colaborando cos seus máis encarnizados inimigos do partido laborista. Tiña o debate o interés histórico de se-lo primeiro no que se discutían os dogmas anglicanos desde o ano 1668. e sobre todo, ninguén podía predicir con seguridade cal sería o resultado da votación, cousa ben insólita nestes últimos anos no Parlamento británico.
Acaso sexa Inglaterra o único país do mundo onde podía ter lugar un debate parlamentario desta índole, no cal unha cámara popular, da cal forman parte numerosos deputados protestantes non anglicanos, moitos católicos, algúns ateos, e ata un indio, decidiu cales han de se-los futuros dogmas da igrexa oficial da nación. E só poden aceptalo como unha cousa normal os que conozan moi a fondo as características da vida inglesa.
Desde hai trinta anos se introduciron en moitas igrexas anglicanas formas de ritual que se achegan en maior ou menor grao ó catolicismo. A guerra acentuou a tendencia, e moitas persoas sentiron entón a consolación das oracións polos mortos. Pouco a pouco foise ‘romanizando’ o oficio da Comunión, e adoptouse un rito máis complexo do que permitían as doutrinas anglicanas. Chegaronse a reserva-los Elementos Sagrados, co pretexto de facilita-la súa administración ós enfermos, pero en moitos casos pasouse a adoración dos Sacramentos, cousa absolutamente oposta ás doutrinas protestantes. Os bispos toleraron, e en certos casos simpatizaron abertamente con estas tendencias, e, ó fin decidiron que a única forma de ‘restaura-la disciplina’ era a de autorizar algunhas destas innovacións, creando un novo ‘Libro de Oracións’ con oficios alternativos que permitira a cada parroquia adopta-la modalidade de culto máis en consonancia coas súas ideas relixiosas. Era unha tentativa, tipicamente inglesa, de obter unha solución harmónica, en lugar de expulsar ou censurar ós heterodoxos. Aspirábase desta forma a facer da Igrexa Anglicana unha gran ‘igrexa ponte’ que puidera algún día servir de núcleo para a unión de tódalas sectas cristianas. O novo libro foi aprobado polas Asembleas de sacerdotes e fieis e só lle faltaba o consentimento da Cámara para convertirse en lei.
Pero esta tentativa de tolerancia de ritos aproximados ós do catolicismo espertou o protestantismo latente do pobo inglés. Emprendeuse unha campaña contra a reforma, dirixida polo ministro do Interior, o Procurador Xeral e algúns bispos, anegouse o país de folletos propagandistas, formáronse numerosos comités en defensa da fé, celebráronse ‘meetings’ en toda a nación. O ton dalgunha destas propagandas revela a pasión que o tema suscitou. Un folleto fala do ‘necio Arzobispo de Canterbury’ do ‘pomposo e soberbio Arzobispo de York’ e dos ‘bispos renegados’. Nun meeting de Liverpool levantouse un señor e díxolle ó bispo daquela diócese: ‘No nome e coa forza de Deus omnipotente denúnciovos como traidor e covarde’. Tratouse incluso de recurrir ós tribunais contra a decisión dos bispos. Por outra parte, un canónigo anglo-católico levantouse en plena catedral de San Pablo e acusou ó bispo de Birmingham de ser un herexe, polas súas coñecidas ideas darwinistas.
Todo este conflicto de sentimentos fortes e sinceros concentrouse na discusión celebrada na cámara. Pode dicirse que loitaban alí dous principios xenuinamente ingleses: a tendencia a lograr un acordo harmónico, de tolerancia, e o profundo sentimento protestante, anticatólico das masas (…). Paradóxicamente os máis protestantes defendían un ríxido criterio dogmático pouco afín ó protestantismo, mentres que os anglo-católicos a pesar das súas tendencias romanizantes eran os defensores da tolerancia. E o protestantismo dogmático venceu. Os deputados alleos á disputa, predispostos a aproba-la reforma porque non se dixera que limitaban a liberdade da igrexa, deixáronse convencer pola elocuencia e pola evidente sinceridade dos inimigos da reforma. Os discursos alcanzaron unha altura poucas veces coñecida. Dise que ningunha discusión foi tan emocionante desde a sesión en que se declarou a guerra de 1914. A pesar das excelentes razóns que a favor da medida aduciron os seus defensores máis eminentes, como o primeiro Ministro, e o primeiro Lord do Almirantazgo, tiveron máis forza convincente os apaixoados discursos do ministro do Interior e do Procurador xeral, os que, con palabras ás veces afogadas pola emoción, expoñían todo o resentimento dos leais membros da igrexa ó ver como se introducían innovacións para eles odiosas, co propósito de contentar ós rebeldes e desobedientes e de mantelos dentro da igrexa anglicana. Dixeron que a igrexa con esta medida traspasaba a liña divisoria que a separou ata agora da Igrexa Católica, e que nunca máis podería unirse coas demais igrexas protestantes. Manifestaron que esta suposta tentativa de modernización era en realidade unha regresión á idade media, ó clericalismo, e que desconfiaban dos bispos que toleraron as tendencias romanizantes e que agora pretendían ‘legalizar ilegalidades’. Uns deputados tras outros foron expoñendo a súa fe, as súas crenzas, e o voto que a súa conciencia lle aconsellaba. Algúns lembraron as loitas de pasados séculos, os mártires que deron as súas vidas, os miles de puritanos que preferiron abandoa-la súa patria antes de acepta-las mesmas crenzas que agora se pretendía implantar, homes que sufriron para que hoxe se puideran discutir estas cuestións nun ambiente tan distinto do de hai trescentos anos. Como dixo un periódico: ‘Empezou a esperta-la historia’. E ó esperta-la historia volveuse a senti-la grandeza daquela loita pola reforma e pola liberdade que costou tantas vidas e causou tantas traxedias. Na tribuna política e ata nos escanos, había quen se secaba as bágoas. Sentíase no ambiente como a soa mención dunha aproximación a Roma, dunha traición ás ideas tradicionais, ía aumentando pouco a pouco o número dos opostos á reforma. E ó fin venceu a tradición como vence sempre en Inglaterra. E entre o xúbilo dos triunfadores saíu chorando o venerable Arzobispo de Canterbury que vía derrumbarse nun intre o labor de trinta anos. Máis todo ten que ceder ante a vontade do pobo nun país onde reina a democracia.
Fracasou unha noble tentativa, a de crear unha igrexa tolerante, na que os fieis puideran gozar dunha ampla liberdade nas súas crenzas, conservando ó mesmo tempo unha harmónica unidade. Pero triunfou outra gran causa, a tradición, o espírito do pobo, o dereito dos fieis a decidir en contra das xerarquías eclesiásticas, cales deben se-las doutrinas da súa igrexa. Porque para eles, segundo as palabras do ministro do Interior, ‘a igrexa é… Como dixo o bispo de Birmingham, ‘os representantes do pobo inglés salvaron as doutrinas da igrexa inglesa’. E triunfou tamén o parlamento coma institución. Unha asemblea onde se poden discutir cuestións tan complexas e delicadas no ambiente de sinceridade, de tolerancia e de emoción que reinou durante o debate non é facilmente reemplazable por ningunha outra forma de goberno. ‘O parlamento sorprendeuse a sí mesmo’, dixo ó día seguinte un periódico. E ademais sorprendeu ó país e aumentou extraordinariamente o seu prestixio. O que causa maior sorpresa e que o parlamento se teña emocionado máis ó discutir unha cuestión de doutrina relixiosa que ó trata-los problemas máis trascendentais da vida práctica da nación.
A votación viu a recordar á Igrexa Anglicana que os privilexios dos que goza unha igrexa oficial entrañan necesariamente unha obriga de someterse á vontade do pobo, cousa que debía ter presente toda a igrexa oficial. Non se pode dicir aínda se a Igrexa Anglicana optará pola obediencia ou pola liberdade. Pero o que quedou definitivamente establecido é que unha igrexa oficial non pode gozar das avantaxes que esa posición implica e disfrutar ó mesmo tempo da autonomía.
Mr. Jack Jones, un dos humoristas do partido laborista puxo fin ó debate manifestando que ós obreiros ingleses lles importa máis o ‘libro de alugueres que o das oracións’. Talvez teña razón. De tódolos xeitos lles sobran ós ingleses relixións de tódolos matices en que escoller e afortunadamente hoxe xa non se pode queimar ós herexes. Todo se resolve con discursos parlamentarios.
Este capítulo na historia relixiosa da Gran Bretaña debe parecer algo estraño mirado desde o punto de vista español. Non podo facer máis para explicalo que citar unhas palabras de Mr. Baldwin: ‘A posición da Igrexa Anglicana talvez pareza ilóxica. Pero é que os ingleses non pretendemos ser un pobo lóxico’.
P. R. Castro.