1928/02/05 > Un cidadán admirable

1928/02/05 > Un cidadán admirable


El Pueblo Gallego, Desde Londres, domingo 5 de febreiro de 1928.


As recentes eleccións non tiveron un gran interese político, senón é o ter demostrado que o partido conservador non perdeu tanto terreo no país como se cría. O realmente sensacional desas eleccións foi a revelación dun novo persoeiro na política inglesa. Desde hoxe en diante hai que contar nos só cos partidos conservador, liberal e laborista, senón tamén con Mr. E. A. Hailwood. Porque este señor é, el só, todo un partido. Mr. Hailwood é un excelente conservador que disinte da política do goberno do seu partido. Non é partidario de concesión do voto ás mulleres de 21 anos, quere que se practique unha política de economía, e cre que para salva-las industrias británicas é necesario protexe-los seus productos con elevadas tarifas aduaneiras.

Opina Mr. Hailwood que se o goberno non segue os seus consellos sufrirá unha terrible derrota nas próximas eleccións xerais. E non ve outra maneira de salvalo que combatindo ós candidatos ministeriais en tódalas eleccións parciais que se celebren no país. Por desgracia, o Goberno non agradece esta forma de auxilio, pero Mr. Hailwood está decidido a perseverar a pesar da ingratitude de Mr. Baldwin. O seu papel é acaso único na política mundial. Descubriu unha nova profesión, a de candidato a deputado. Porque en realidade o que lle interesa non é tantoser elexido como asegura-la derrota dos candidatos ministeriais. Fracasou na súa tentativa en Southend e en Faversham, pero triunfou en Northampton. Restou ó candidato conservador os votos suficientes para que fose elexido o laborista. E agora disponse a segui-la súa heroica campaña presentándose en Lancaster.

Non é esaxeración chamar heroe a Mr. Hailwood, se temos en conta o esforzo físico e mental que teñen que realiza-los candidatos nunha elección inglesa –tres semanas de loita e dez ou doce discursos diarios. Unha soa elección é suficiente para cansar ó candidado normal. Pero mesmo Hailwood leva tres meses seguidos pronunciando discursos e disponse a seguir facéndoo indefinidamente. Non é menor o seu sacrificio no aspecto económico. Cada elección cóstalle máis de mil libras e perde ademais en cada ocasión o seu depósito de cento cincuenta libras, por non conseguir unha oitava parte dos votos emitidos. Mais o seu triunfo en Northampton recompensou tódolos seus esforzos; causoulle unha gran ledicia. ‘Conseguin o que desexaba’, dixo, ‘a derrota dun Goberno que non cumple as súas promesas’. E desde agora en diante será a sombra de tódolos candidatos conservadores ‘ata que o Goberno aprenda a súa lección’. Declara que ‘o partido oficial conservador ten un medo horrible de que eu entre na Cámara. Eu son o único candidato libre’. Pero un dos maiores méritos de Mr. Hailwood é o de ser un home transixente. Falando dos seus futuros propósitos, dixo: ‘Aínda non me decidín definitivamente a presentarme en Lancaster. Algúns conservadores rogáronme que me absteña para ver como se porta o Goberno. Acaso conviña darlle outra ocasión de reformarse’. Nestas palabras vése toda a importancia e toda a magnitude de Mr. Hailwood. Compréndese ademais que non o impulsa ningunha ambición persoal. El só, enfróntase con un gran partido, pero está sempre disposto a perdoarlle os seus erros pasados se dá mostras de se ter arrepentido, e a retirarse entón da vida política. En realidade, o Goberno ten que tomalo en serio, porque Mr. Hailwood conta con mil votos en cada distrito e en moitos casos, cando a maioría do antigo deputado conservador non pasa de mil votos, a súa intervención provocaría a derrota do candidato ministerial, como sucedeu en Northampton. O mellor para o Goberno sería que este correlixionario tan singular resultara elixido. Só así, ou dándolle un título, poderán verse libres del. E confeso que me agradaría sobremaneira o seu triunfo. Ben o merece quen amosa tal entusiasmo por unha causa. É unha contradicción vivinte da afirmación de que a política xa non apasiona ós homes, e demostra que os cidadáns xa non estan sometidos ós grandes partidos como se di. Calquera que teña o diñeiro suficiente pode en Inglaterra convertirse en partido político, e desafiar a tódalas organizacións. Baixo un sistema de representación proporcional Mr. Hailwood ocuparía sen dúbida un posto na Cámara. Se conseguiu máis de tres mil votos en tres distritos é lóxico deducir que representa a opinión duns seiscentos mil electores británicos.

Se non vence nalgunha elección, ou se o Goberno non segue os seus consellos, permitíndolle retirarse á vida privada, é terrible pensar no porvir que lle espera –a ruína económica, talvez a morte, extenuado pola súa loita sen tregua. Porque o seu entusiasmo chega ata o estremo de atoparse disposto a combatir en varias circunscripcións á vez, se é necesario, valéndose dun aeroplano para trasladarse con rapidez dun distrito a outro. Sen embargo, o verdadeiro problema non se lle presentará ata que cheguen as eleccións xerais. Entón xa non bastará un aeroplano para recorrer os seiscentos distritos da nación. Pero talvez lle proporcione a ciencia unha solución satisfactoria. A combinación da radio coa televisión permitiralle ser visto e oído en tódolos distritos á vez. Non poderá emprega-lo ‘fonofilm’ porque o partido conservador xa adquiriu o monopolio desta invención. Ese si que sería o momento decisivo da carreira política de Mr. Hailwood. Exporíase a gastar unhas setecentas mil libras, pero se triunfaba nuns centos de distritos, ¡Sería o dictador de Inglaterra!…

Ó atoparnos cun personaxe tan singular como Mr. Hailwood o máis natural é que riamos, como se riron os seus compatriotas. Pero no fondo a súa actuación ten un aspecto moi serio. E a nos talvez debera inspirarnos envexa máis ben que risa. O só feito de que mister Hailwood exista xa é un motivo de orgullo para o país en que vive. Porque a súa actuación política só é posible nunha nación onde reina a tolerancia e a liberdade. Cando un cidadán pode enfrontarse con tódalas organizacións políticas da súa patria é tan digna de admiración a tolerancia desa nación como a valentía do cidadán. E se Mr. Hailwood ten algo de tolo, tamén é verdade que alí onde se permite a excentricidade non se corre o perigo de afoga-lo individualismo. A posición de Mr. Hailwood, o ultraconservador, ten no fondo moito de liberal. E é unha posición netamente inglesa. Non podemos chamarlle un inglés representativo en canto encarna nunha forma extremada a rebeldía e o individualismo que son as bases principais da vitalidade do pobo inglés, aínda que a maioría dos ingleses fagan compatible o seu individualismo coa organización… Onde existen homes como Mr. Hailwood, hai liberdade, e hai opinión individual… ¿Non é verdade que non fan moita falla en España uns cantos Hailwoods?

P. R. Castro.