1928/02/10 > A avalancha do automóbil

1928/02/10 > A avalancha do automóbil


El Pueblo Gallego, España adiante, venres 10 de febreiro de 1928.


Deberiamos estar acostumados, pola maneira brusca de pruducirse que teñen o nosos ríos, ó réxime de avenidas violentas. Réxime alterno de seca e inundación. Sen embargo, é difícil habituarse ás pragas. Hoxe bótasenos enriba outra crecida, outra avalancha; pero -adiantémonos a dicilo- benéfica, favorable, civilizada. Falo dela nese sentido, considerándoa como algo ameazador porque temo que veña a sorprendernos mal preparados. Quero falar hoxe da avalancha do automóbil por tódalas rutas de España.

Máis dunha vez, neste mesmo periódico, tratei co debido eloxio o progreso das nosas estradas. Os últimos dez anos fixeron variar por completo o cadro dos camiños españois. Primeiro foron os plans de Obras Públicas e as famosas, menosprezadas estradas parlamentarias. O menosprezo poderá ser merecido atendendo ó favoritismo na orde de prelación; pero non creo que sexan moitas as estradas innecesarias. Por onde queira que se trace un camiño, alí fai falla e é de utilidade pública, aínda que outro poidera ser máis preciso.

Andando polas vilas, máis que polos salóns madrileños, consideraría inxusto non acordarnos de Rafael Gasset e da súa insistencia en dá-la maior eficacia á súa lei de camiños veciñais. Gasset repetiu con abstinación dous ou tres motivos que o país aprendeu de memoria, e que acaso, pola falta de desenrolo orquestral, chegaron a cansarlle un pouco. Pero os camiños veciñais non son música. Fomento traballou ben e os Concellos comezaron a responder mostrando por primeira vez vontade, espertando e axudándose a si mesmos. A construcción de camiños veciñais foi o ensaio, case sempre (…) Encaixa perfectamente este coidado nunha concepción militar de España. As consignacións para conservación eran mesquiñas e se llas aumentou, sen dúbida por comprender ó actual réxime que apoiándose nunha ‘política de realidades’, co criterio do século XVIII anterior ós doceanistas, conviña mellorar os camiños. O camiño, ademais de instrumento para a circulación da riqueza , é o mellor cartel de propaganda a favor ou en contra dun país.

A actualidade chega neste momento a un alto desde o cal imos descubrir un novo panorama. Debemos servila, sen temor a desmpeñar funcións humildes porque tamén servimos á Historia. Vimos onte a curiosidade do pobo de Madrid agolpándose a contempla-lo coche máis xigantesco e máis cómodo que entrou na meseta. O que noutro tempo foi o Pullmann, e agora o autobus de liña, o autobus para grandes viaxes internacionais. Só con ve-la impoñente masa destes monstruos comprendemos que empeza unha nova época para as estradas ó mesmo tempo que para a vida española. Van estar sometidas a unha proba moi dura se as consideramos como a continuación das rutas de Europa, non só os grandes camiños interurbanos, senón tamén os outros, máis modestos, que levan a lugares de turismo. Eu sei –porque as miñas viaxes destes últimos anos mo ensinaron- que a maioría das estradas importantes están ben. Os viaxeiros terán ó chegar esa sorpresa; moi agradable, aínda que lles desfaga o seu prexuízo do pintoresco. Nalgunha outra cousa se desquitarán. Ben construidas, ben conservadas, son perfectamente trnsitables; normais en Europa.

Pero a rede é complicadísima e a medida que xa internándose, o viaxeiro chega a camiños antigos, apenas reformados, e entra na zona abandoada, onde non é que sexan malos, senón que non os hai. Non falo desa súa posta ‘Siberia extremeña’ –que non é tal Siberia fóra deste trazo da falta de camiños-. Falo de moitas rexións que agardan, o complemento de obras xa comezadas: o camiño que une dous trozos xa construídos; a estrada de enlace. E sobre todo imaxino o que será dentro de pouco o tránsito por estrada, cando a competencia das marcas ponga o coche e a camioneta ó alcance das xentes do campo.

Este cambio vai a ser moi brusco. Empezou xa nalgúns lugares; non moitos aínda. Pero ven a marcha rapidísima. Eu creo que debe organizarse como un plan de campaña con estudios serios, con orzamento adecuado, a defensa dos camiños.

P. R. Castro.