‘¿Cosmopolitas o ‘castellanos de imitación’?’. El Pueblo Gallego, 15 de setembro de 1928.
Fai uns días publicouse nestas columnas un artigo titulado "Posición del gallego", onde o autor, Johan Carballeira, declaraba que os idiomas de pequena difusión están chamados a morrer, e entre eles o galego, porque é hoxe "inasequible y rural, en lo cotidiano a nuestros oídos imantados del poliglotismo de los altavoces". Os meus coñecementos da técnica da "radio" son sumamente limitados, e non entendo moi ben o que pode significar "el poliglotismo de los altavoces". Pero penso ter lido que un dos meirandes inconvenientes da radio e a confusión que se produce cando se escoitan a un tempo as emisoras de varias estacións. Algo así debe de ser o poliglotismo dos altofalantes. Porque doutro xeito non se comprende como o autor do citado artigo pode crer que a actualidade europea revela o rápido avance do cosmopolitismo e o próximo predominio das grandes linguas.
Ese cosmopolitismo unificador é unha idea do século pasado. Hoxe viáxase moito, porque as facilidades son maiores, pero se viaxa cun criterio de turista. Visítanse países estranxeiros precisamente porque son diferentes do propio. Apréndese doutras nacións tódalas ensinanzas proveitosas, pero utilizándoas sempre para contribuír ó progreso da patria e non co obxecto de conseguir que tódolos países sexan iguais. É certo que está agromando un novo cosmopolitismo, máis, aínda que semelle paradoxal, é un cosmopolitismo nacionalista. Os que o senten teñen como ideal os Estados unidos do mundo, pero estiman que só se chegará a establecer cando se estimule o verdadeiro patriotismo en cada nación, e cando estas nacións sexan xenuínas unidades raciais e sentimentais.
Non se pode disociar a cuestión do idioma do rexionalismo político. E ó longo dos últimos anos os movementos rexionalistas tiveron unha forza extraordinaria. O caso de Alsacia xa é de por si dabondo elocuente. ¿Quen crería hai dez anos na posibilidade dunha disidencia entre Alsacia e Francia? En Iugoslavia, Esteban Raditch acaba de sacrificar a súa vida loitando pola independencia de Croacia. O Imperio Austro-Húngaro esborrallouse e foi substituído por varias pequenas nacións prósperas. Se se leva a cabo a unión de Alemaña e Austria será precisamente porque as semellanzas raciais e lingüísticas das dúas nacións fano inevitable. Por outra banda, as inxustizas dos tratados de paz crearon unha serie de minorías, incluídas en países estraños, que constitúen un dos máis importantes problemas da política europea. Mussolini concede tanta importancia ó idioma, que emprega toda caste de procedementos para rematar co alemán no Tirol… Alemaña, a pesar do cambio de réxime, conserva a súa estructura federal. E a mesma Rusia soviética adoptou igual sistema cando a revolución a deixou na máis absoluta liberdade para escoller o sistema de goberno axeitado. As pequenas nacións non se resignan a perder a súa independencia. Ben o proba a actitude dos países sudamericanos ante o pacto Kellogg. En Bélxica e Suíza, que non son certamente países atrasados, non se tenta establecer a supremacía dunha calquera das linguas que alí se falan.
Nembargantes, acaso sexa o Imperio Británico un dos mellores exemplos do novo cosmopolitismo. O Imperio evolucionou en poucos anos dende o centralismo ata a súa forma actual, a libre asociación de sete países autónomos e iguais en rango. E nalgúns destes países como o Canadá, Australia e a África do Sur fálase inglés e francés. Nas mesmas illas Británicas hai cinco parlamentos -os da Gran Bretaña, Ulster, Estado Libre de Irlanda, Illa de Mann e as illas da Canle- e fálanse catro linguas distintas ademais de moitos dialectos. O Home Rule para Escocia e para Gales figura nos programas políticos de liberais e laboristas ata o socialismo inglés é nacionalista. Lloyd George, que non é precisamente un aquixote, acaba de facer un elocuente chamado ós celtas da Gran Bretaña para que colaboren polo rexurdimento dos seus idiomas e cumpran a súa grande misión no mundo. Dixo o grande estadista galés que o verdadeiro xeito de fortalecer o conxunto da nación británica, era facer resaltar as características das súas distintas razas en lugar de converter ós galeses, irlandeses e escoceses en "ingleses de imitación". Mr Baldwin, o primeiro ministro, presidiu fai pouco nunha reunión do Eisteddfod galés, festa que ten por obxecto conservar o idioma e a música de Gales, e alentou ós seus organizadores a porfiar no seu patriótico labor con entusiasmo. En Gales vaise iniciar o ensino bilingüe nas escolas oficiais para que os galeses, como dixo hai poucos días Mr. William George, "posúan a chave de dúas culturas". O caso de Irlanda é ben coñecido. Alí, logo do éxito da revolución política, a proba máis patente dos nosos tempos da vitalidade do nacionalismo, estase levando a cabo a revolución cultural que consiste en facer revivir o idioma gaélico para que Irlanda poida chegar a posuír unha cultura netamente nacional… E a pesar de todos estes feitos o imperio non deixou de conservar a súa unidade e ten unha solidariedade moi superior á que posuía cando era rexido dende os ministerios de Londres.
A lingua e o rexionalismo político son manifestacións inseparables dun mesmo sentimento, e unha época na que se manifesta unha actividade nacionalista tan evidente non pode ser época de tendencias cosmopolitas.
Ningún idioma chegará a ter tantas probabilidades de se converter en lingua internacional como tivo o latín. Nembargantes, a pesar das lexións romanas, da igrexa católica e da supremacía, que durou moitos séculos, da literatura escrita en latín, esta lingua veu ser suplantada, nalgúns casos por idiomas invasores e noutros por transformacións do mesmo latín. Se hoxe se acadara o establecemento dun idioma universal sucederíalle o mesmo que ó latín. Algo semellante está a acontecer no caso do inglés. Un comité anglo-americano ocúpase actualmente de definir o inglés estándar porque o idioma falado en Norteamérica vai resultando cada vez máis incomprensible para os naturais da Gran Bretaña. Segundo Bernard Shaw o comité nada conseguirá porque na mesma Inglaterra se falan corenta e dous millóns de dialectos, un por habitante. O certo é que lonxe de converterse o inglés nun idioma universal, estase a crear unha variación deste idioma en Norteamérica que chegará a ser dentro de pouco tempo unha lingua norteamericana claramente definida.
As características do noso país e da nosa raza foron modificando o latín -idioma cosmopolita- ata convertelo no galego idioma noso. O feito de ser unha creación do noso pobo é unha razón que abonda para que o galego sexa para nós a lingua máis importante do mundo. Se o cultivamos chegaremos a comprendernos e a expresar as nosas ideas, moito máis importantes para nós que as dun filósofo alemán ou un novelista ruso. Pode ser certo que o noso "pobo medio non sente a lingoa dos seus antepasados". Pero ¿qué pobo medio sente o seu idioma? ¿E acaso sente o noso o castelán máis que o galego? Tamén é verdade que a difusión do noso idioma é pequena. Pero quen valore os idioma segundo a súa difusión ou a súa utilidade práctica pensa cun criterio de emigrante. ¿Acaso deixa de ser Strindber incomparablemente superior a Sardou polo feito de escribir nun idioma de pequena difusión?
De todas maneiras, se nos decidimos a ser cosmopolitas ¿escolleremos para meridiano de Galicia unha cidade tan provinciana como Madrid? Toda a civilización española asociada co castelán fracasou política e practicamente. Non hai razón para que nos atraia a cultura dun país atrasado, máis atrasado en conxunto que a mesma Galicia. ¿Non é razoable, visto este atraso, que busquemos novas bases, puramente galegas, para o rexurdimento de Galicia? Un galeguismo sensato non impedirá que esteamos sempre en contacto coa cultura europea, un contacto máis íntimo que o que manteriamos por medio das traduccións de ideas europeas que nos presentan os pensadores madrileños. Os altofalantes transmítennos as noticias do rexurdimento de pequenas nacións e de idiomas case esquecidos. Escoitándoas aprenderemos a non ser o que Lloyd George chamaría "casteláns de imitación".
P. R. Castro.