El Pueblo Gallego, mércores 18 de xullo de 1934.
O humorismo é tal vez tanto máis delicioso canto máis lonxe teña estado do ánimo do seu autor de provocar un sorriso. Co humorismo inconsciente que desfila polas columnas da nosa prensa podería confeccionarse unha publicación que superase ás que deliberadamente se propoñen facer rir ós seus lectores. Que xoia, por exemplo, como literatura e como documento social, é aquel recente bando do alcalde de Oleiros que impón a cada bañista a obriga de espirse, bañarse e toma-lo sol a unha distancia de cincuenta metros de calquera persoa do ‘seu distinto sexo’, co fín de non causar ós que pertenzan a outro ‘xénero’ ‘extorsión nin impaciencia nos seus sentimentos morais’. E que obriga ós menores de trece anos a bañarse ‘acompañados polos seus pais ou tutores ou representantes lexítimos’. Marabillosas praias con vixiantes provistos de cintas métricas para medi-lo radio de acción das extorsións morais, a zona de influencia inquietadora dos que leven ‘descubertas as súas formas persoais ó aire libre’, poboadas de xuristas que examinarían a capacidade legal dos acompañantes dos nenos…
Pero non van estas liñas encamiñadas a glosar este bando encantador, aínda ben merecería un máis extenso comentario, dedicado a examina-la mentalidade dos que redactan tales bandos, e dos que os alentan co seu aplauso; estes buscadores de pecados, con espírito envolvido en tebras ancestrais que son, no fondo, as únicas persoas realmente inmorais que acoden as nosas praias. Porque hai algo que supera ó bando do alcalde de Oleiros e lle arrebata a primacia do humorismo inconsciente -un artigo publicado nun dos nosos máis importantes rotativos rexionais acerca das vacacións parlamentarias. ‘Tamén Galicia, declara este diario, identificado coa ideoloxía da maioría dos deputados galegos, debe aproveitar estas vacacións. Os deputados voltarán todos a súa terra e poderán dedicarse con asiduidade ó estudio dos nosos problemas. A eles importalles antes que a ninguén chegar a conclusións unánimemente aceptadas para defender no Parlamento os intereses da rexión… É moi conveniente que a preparación permita toma-la ofensiva para logra-la debida producción a nosa gandeiría, ós nosos bosques, as nosas industrias, sobre todo a pesqueira… O Goberno, resolvendo os problemas máis urxentes, e os políticos e as organizacións que lles seguen, preparando a solución dos que se presentarán para o outono, poden preparar unha gran mellora na nosa vida pública’.
¡Pobres estudiantes políticos que non acadaron aprobar nin ante os tribunais que lles son máis afectos! Resulta que perderon todo o pasado curso. A maior parte deles, e iso que algúns levan máis dun cuarto de século de ‘carreira política’, non conseguiron nin abri-la boca para dicir unha soa palabra. Non son poucos os que nin por fóra coñecen o libro de texto Galicia. Resulta agora, segundo confesión dos seus propios amigos, case poideramos dicir que os pais dos alumnos, que eliximos -é un dicir- para representarnos, a uns señores que non sabían nada acerca dos problemas galegos, e que durante os sete meses de labor parlamentaria tampouco aprenderon nada. Só lles queda o recurso dos malos estudiantes, traballar durante as vacacións. Madrid é unha cidade tan alegre, é tan difícil estudiar alí, hai tantas cousas en que distraerse. E Galicia queda… para as vacacións.
Sen embargo, temos que aplaudi-la iniciativa do citado diario. Cando menos aqueles deputados forasteiros, con nomes que se pode dicir que descoñecemos e que seguramente teñen unha idea moi vaga de Galicia, deben visitarnos para pasar no noso admirable clima uns meses de veraneo. Sempre se enterarían de algo. Daríanse de conta, tal vez, de que aquí a ‘industria pesqueira’ non se limita á pesca, ás veces con artes prohibitivas, das actas que ostentan. Verían que, ademais do "pucheirazo", existe en Galicia algo máis importante, que é o "pucheiro". Observarían que esa gandeiría galega da cal oíron falar, non a constitúen soamente os rabaños de electores, que aparecen teóricamente votándoos, e que despois fan xeme-las máqu