1936/04/08 > George Borrow en Galicia

1936/04/08 > George Borrow en Galicia


El Pueblo Gallego, nº 3.953, 8 de abril de 1936.


Poucos títulos poderían espertar en min tanta curiosidade coma o do folleto publicado polo eminente escritor galego Álvaro das Casas e que contén unha conferencia pronunciada no Instituto de Noia sobre o tema ‘Mr Borrow por Finisterre’.

George Borrow, figura fascinadora, cunha das vidas máis inquietantes da Inglaterra do século XIX, obra literaria que lin e relín case desde que abrín un libro por primeira vez. E Fisterra, nome cheo de suxestión para tódolos galegos, símbolo do noso celtismo atlántico –e máis aínda para os que nacemos e vivimos á vista da ousada silueta desta avanzada Europa deica o Océano.

Cando o Dr. Kuapp, paciente e laborioso investigador da vida de Borrow veu a España para seguir paso a paso a existencia aventureira do autor de ‘A Biblia en España’, a única terra peninsular que deixou de visitar foi Galicia. ¿Por que iría Borrow ó seu país salvaxe, sen civilizar, á verdadeira ‘Beocia de España’? E coma o pouco imaxinativo biógrafo non soubo contestar a súa propia pregunta, optou por non concedernos á honra de recibi-la súa visita.

En parte lamentámolo. El incansable investigador descubriría interesantes datos a prol do paso de Borrow a través de Galicia. Pero, por outra banda, ó deixar este labor sen facer, tamén proporciona ós nosos escritores unha magnífica ocasión de realizar unha obra que poida redundar en beneficio do prestixio da nosa cultura e que constitúa, ó mesmo tempo, unha homenaxe ó insigne autor da ‘Biblia en España’.

Homenaxe debida, pois aínda que Borrow fose algunha vez inxusto con nós, aínda que non chegara a comprender as realidades da nosa terra, non esquezamos que os seus informadores, dentro e fóra de Galicia, foron da mesma categoría mental que os que, medio século máis tarde, dixéronlle a Kuapp que isto era ‘a Beocia de España’. O certo é que Borrow dedicou a Galicia un cento de páxinas dunha das obras mestras da literatura inglesa, que aquí lle aconteceron algúns dos episodios máis pintorescos e fantásticos das súas aventuras, que soubo deixarnos fermosas inscricións e observacións certeiras e cheas de interese e que, aínda non se dera plena conta da realidade galega, atinou cando menos a comprender que se atopaba nun país e entre xentes que diferían completamente do que ata entón coñecera na península.

‘¡Que estraño país, este de Galicia!’, exclamou ó atravesar as nosas fronteiras, esa calidade do misterioso e do remoto, foi o que o impulsou a vir aquí e o que constitúe unha resposta á pregunta algo parva, que se fixo o Dr. Kuapp.

Sen que esta sexa a única razón para explica-la verdadeira obsesión que o gran escritor inglés sentía por visitar este país. Hai outros motivos perfectamente claros. El propagandista protestante do evanxeo tiña forzosamente que senti-la necesidade de realiza-la súa misión, que cría redentora, no lugar que el consideraba coma a ara da idolatría católica. Por iso veu a Compostela e detívose alí tanto tempo. E cando non lle quedaba máis ca un exemplar do ‘Novo testamento’ sentiu outra atracción. Levaba nas súas veas sangue celta de Cornuvall, o fisterre británico quixo que aquel derradeiro volume da mensaxe cristiá fóra a parar a mans dalgún habitante da nosa Fisterra. E alí deixoulle a Antonio de Traba, ‘o valente de Fisterra’, terror dos franceses, o último dos cinco mil testamentos que fixera imprimir en Madrid. Xesto típico dunha das figuras máis atraíntes e extraordinaria da Inglaterra do século pasado.

O Cabo Fisterra foi a primeira terra da península que divisou o que habería de inmortalizarse coa súa obra sobre España e ante os seus cantís, batidos polas ondas atlánticas, estivo a piques de naufragar o navío que o conducía. A impresión non se borrou xamais do espiritu de Borrow e reviviuno cando se atopou sobre o cume do promontorio. Co centenario do seu paso ante as costas de Gailcia –reseñado xa nun artigo de César Alvajar e noutro do noso chorado compañeiro Antón Vilar Ponte- coincide esta conferencia de Álvaro das Casas, na cal se seguen as andanzas do escritor inglés pola comarca de Fisterra, identifícanse e relátanse multitude de curiosos detalles sobre os lugares e as persoas que se mencionan en ‘A Biblia de España’. Un traballo, en suma, que amosa plenamente as dotes do escritor imaxinativo e de hábil investigador das que deu tantas probas o distinguido escritor galego.

Agardamos que o ano próximo, centenario da estancia de Borrow en Galicia se vexa sinalado por manifestacións literarias que resalten toda a importancia da conmemoración e que sexan á vez unha mostra digna da inquietude espiritual da nosa terra e unha valiosa contribución ó estudio dunha das personalidades máis interesantes da literatura inglesa. O camiño xa o sinalou Álvaro das Casas con este traballo merecedor do máis caloroso eloxio.

P. R. Castro.