1956/07/03 > Autocrítica galega

1956/07/03 > Autocrítica galega


El Pueblo Gallego, 3 de xullo de 1956.


Se contemplámo-la visión da Galicia de hoxe a través dos artigos dos nosos escritores e establecemos unha comparación co fenómeno equivalente de hai unha xeración, creo que sacaremos en consecuencia que o espírito crítico experimentou un notable aumento. Entón –por diversos motivos que agora non vén a conto analizar– pode dicirse que case toda manifestación de cultura galega, calquera mostra de actividade de noso era obxecto de comentarios eloxiosos, ás veces, se se quere, cun exceso de benevolencia. Pola contra, na actualidade a situación é moi distinta. Unha obra galega –poesía, novela, ensaio– áchase sometida a unha crítica bastante máis rigorosa e en ocasións mesmo coa súa apreciable dose de hostilidade.

O mesmo pode comprobarse cando algún comentarista xornalístico enfróntase ás realidades de Galicia en terreos máis ‘prácticos’ que o da cultura, ou cando expresa o seu criterio verbo da forma de ser do seu pobo, a súa psicoloxía, os seus costumes. Pasaron os tempos nos que se podía soster, sinxelamente, que unha cousa era boa só porque era nosa. E tamén o hábito de achacar sistematicamente a elementos exteriores a culpa de todo o que non fose do noso agrado.

A min paréceme que este cambio é, no fondo, saudable. Se se pode admitir certa exaltación de todo o propio cando se trata de presentalo ante ollos alleos, resulta un tanto inxenuo proceder da mesma forma cando dialogamos, por dicilo así, uns cos outros, dentro da nosa propia casa, crendo que damos valor ás cousas polo simple feito de eloxialas. Isto non quere dicir, naturalmente, que o noso, mesmo cando non sexa de calidade superior, deixe de afondar máis os nosos sentimentos e emocións que o alleo, por excelente que sexa. Pero significa, si, que é prudente conservar certo senso da medida e mesmo dicir, cando sexa indispensable, cousas desagradables se queremos contribuír á mellora material e espiritual da nosa terra. Cun sentido crítico contribuiremos máis á superación que cun amor excesivamente optimista e mal entendido. E houbo tempos, cómpre recoñecelo, nos que chegamos en certo modo ata a sentirnos un pouco fachendosos dos nosos propios defectos, porque eran de noso.

Por iso estou convencido de que un ambiente de crítica co seu chisco de controversia, representa un avance no que poderíamos chama-lo coloquio xornalístico galego en torno a nós mesmos. Ora ben, esta especie de autocrítica será tanto máis estimable e beneficiosa canto menos se fraccione en individuos ou grupos que se oufanen de se-los únicos posuidores da verdade e se dediquen con preferencia a criticar ós demais, deixándose a si mesmos a salvo. Esta actitude é moi humana e comprensible, pero non por iso conveniente ós intereses colectivos. O proceso si renderá os seus máximos beneficios se se aproxima a unha especie de exame colectivo de conciencia no que se inclúa tamén, en cada caso, o que escribe e opina. Doutro modo, se á defensa sistemática de criterios persoais engadímoslle o exceso de preocupacións localistas que prevalece en Galicia, non pasaremos de algo así como un campionato rexional intelectual da ‘Serie A’, pero sen chegar a nada constructivo e que redunde nun auténtico beneficio de Galicia e a elevación do seu nivel material e intelectual.

Creo que debemos ter sempre presente no ánimo os que nos preocupamos polos destinos de Galicia e o seu pobo que nas deficiencias que lamentamos, na nosa conciencia de posibilidades non alcanzadas, na comparanza desvantaxosa entre o que é e o que podería ser, temos todos unha parte , maior ou menor, de responsabilidade. Os bens que cobizamos alcanzaranse tanto máis pronto canto máis fuxamos á vez do eloxio desmedido e da acritude e fraccionamento da crítica, recoñecendo sobre todo no labor dos demais –daqueles dos que disentimos– o que poda haber de boa intención e de mérito. Do contrario non se pasará de consegui-la publicación dun artigo máis e a felicitación, acaso duns cantos amigos…

P. R. Castro.