1961/07/25 > Roncesvalles e Compostela

1961/07/25 > Roncesvalles e Compostela

‘Roncesvalles y Compostela’. Faro de Vigo, 25/07/1961.

Mentres estou escribindo estas liñas alusivas á festividade do día, atópome, como en moitos anos recentes, fronte a este amplo e marabilloso mar de Arousa, surcado antano pola barca que trouxo a Galicia o corpo do Apóstolo -nave precursora de todo o que aquel milagre entrañou para a historia e a cultura da nosa terra. Este mar envolto na súa azulada e tenue néboa, na que a distancia se espiritualiza e todos os milagres son imaxinables…

Non podo, nestes días, deixar de lembrar que hai un ano faltei, excepcionalmente, a esta especie de cita habitual coas augas arousás e a ruta mariña do Apóstolo. Mais a ausencia tivo para min unha rica e inesquecible compensación. Porque se é verdade que por estas datas do pasado ano me atopaba moi lonxe de Galicia, de feito noutra das ‘esquinas’ da Península, tamén o é que esa ‘esquina’ era Navarra. O día 25 de xullo estaba precisamente en Sangüesa -Santa María la Real e a igrexa de Santiago- e uns días mais tarde no Alto de Ibañeta e en Roncesvalles…

Ibañeta, antigamente a primeira parada dos peregrinos que chegaban a España, camiño de Santiago, e alí cravaban en terra as súas cruces e estandartes e rezaban de xeonllos a súa primeira pregaria ó Apóstolo en terra española. É alí onde pode un -á vista dos próximos vales e montañas de Francia- experimentar coa maior intensidade e emoción íntima a sensación de atoparse no preciso e tradicional punto de unión de España -e naturalmente de Galicia- co resto de Europa, e comprender todo o significado desta histórica vía internacional creada pola devoción ó Apóstolo Santiago. Significado que unha ducia de axitados séculos non logrou desvirtuar.

Roncesvalles… (Non é esta a ocasión de falar de Carlomagno e de Rolando e dos Pares de Francia). A magnífica Colexiata, a gran Hospedaría, a Igrexa dos Peregrinos de Santiago, a Capela do Santo Spiritu -na súa cripta repousan os ósos daqueles a quen a morte venceu antes de que puidesen acadar a meta da súa devoción- rodeada do fresco verdor da flora pirenaica. O recordo, en fin, deste refuxio contra o cansazo dos camiñantes, a fame, as neves, a bandidaxe, que representa un dos mais tradicionais e sinalados fitos na historia do humanitarismo en Occidente. Refuxio do que se puido dicir nunha antiga crónica que ‘A porta está aberta para todos, non soamente para os cristiáns, senón tamén para os xudeus, para os herexes, para os pagáns, para os vagabundos’.

Así que non é estraño que, para min, os moitos centos de quilómetros -tan pouca cousa para nós, tan enorme distancia para os peregrinos- que me separaban materialmente do ‘meu’ extremo do Camiño de Santiago, se desvanecesen da miña conciencia como por encanto, e que, por así dicilo, me sentise á vez en Navarra e en Galicia, en Roncesvalles e en Compostela -unidas e identificadas polo trazo do Camiño, xurdido porque en Galicia estaba unha das supremas metas da devoción medieval. Non é pois sorprendente que, pasado un ano, volva a vibrar nestes días no meu ánimo a emoción de entón.

Neste ‘Ano Románico’ de Exposicións de Arte en Compostela e Barcelona, e de revitalización do Camiño de Santiago, tal sensación de unidade, de identidade, de conquista do tempo e da distancia material, debe estar máis presente que nunca no noso espírito. E iso inspírame unhas reflexións bastante menos gratas que as que quedan expresadas. Un regresa de Navarra -por grandes que sexan as diferencias de temperamento, de tradicións, de ideas fundamentais- cun profundo, respectuoso e duradeiro afecto e cunha gran admiración cara a todas aquelas xentes -pois se trata de todo un pobo e non soamente dos seus organismos oficiais- que tan ben saben amar, atesourar e coidar as riquezas do seu pasado. Neste Ano Románico lemos noticias da atención que a Deputación Foral de Navarra dedicou ó Camiño de Santiago na súa provincia.

¿Podemos dicir outro tanto en Galicia, para quen o Camiño de Santiago e o Ano Románico deberan ter aínda moita máis significación que para Navarra? Polos indicios que ata agora temos -e hoxe precisamente se inaugura a Exposición en Santiago de Compostela-, moito tememos que a resposta deba ser negativa. Escasos son por agora -¿e para cando quedarán?- os signos de que Galicia aporte algo máis que obras de arte, que xeracións anteriores nos legaron, como complemento da indubidablemente magnífica exposición que se nos vai brindar grazas a un pulo chegado desde fóra. Parece que non temos nada que ofrecer, ou que todo iso pouco nos importa. Nin a inspiración da nosa tradición, nin a actualización desa tradición na Europa de hoxe, se debemos xulgar polas columnas da Prensa. Menos, dende logo, do que poidan resolver uns señores norteamericanos que andan por aí. E non é precisamente que o progreso material nos pareza desprezable. Pero non soamente de petróleo pode vivir o home. E existen chamas seculares, pese a que algúns non as vexan, aínda máis inextinguibles que as dos nosos modernos combustibles…

P. R. Castro.