1961/08/27 > Laios gaélicos

1961/08/27 > Laios gaélicos

“Lamentos gaélicos”. Faro de Vigo, 27/08/1961.

Son numerosas, e moitas veces teñen sido obxecto de estudio e comentario, as comparacións que se poden establecer entre Irlanda e Galicia en diversos aspectos da súa existencia. Unha delas refírese ó florecemento, decadencia e rexurdimento da poesía. Irlanda, como Galicia, coñeceu una magnifica creación poética medieval chamada “Antiga” e que vai dende o século VIII ó X. Séguelle a propiamente chamada “Medieval” en Irlanda, dende o século XIV ó XVI. E logo vén un período de decadencia, titulado “Moderno”, durante o século XVII e parte do XVIII. A poesía máis antiga ten por tema principal os motivos relixiosos e o canto dos paxaros. A “Medieval”, o amor. A “Moderna”, na que se escoitan menos e máis débiles voces líricas con notas nativas, corresponde a unha época de lamentacións. A vella Irlanda, nos seus valores fundamentais, semella destruída, as batallas pérdense e os patriotas van ó exilio. E tarda máis dun século en volver vibrar intensamente a lira céltica, nese rexurdimento os efectos do cal chegaron ata hoxe en día, se ben agora predominantemente en idioma inglés…

Os mellores poetas da Irlanda contemporánea coidáronse de facernos chegar en forma lírica, unha versión da riqueza poética do pasado da súa patria, cun senso de plena comprensión dos valores da poesía gaélica e dos seus sentimentos máis íntimos. Estas versións inglesas teñen que resultarnos máis atraentes que as que nos ofrecen os filólogos, supoñemos que moi fieis como traducción, mais xeralmente pouco poéticas.

Desgraciadamente, non semella probable que se nos brinde, polo de agora, ós galegos, un contacto máis directo coa poesía irlandesa en idioma gaélico, sirva para iso desculpar unhas versións de “segunda man”, que a pesares deste defecto quero crer que seguen soando en galego, gracias ás circunstancias e ó idioma máis que ó traductor, coma se fosen algo case noso.

Os tres poetas dos que incluímos unha mostra, figuran entre os máis destacados da última e máis dolorosa etapa da poesía gaélica irlandesa.

Egan O´Rahilly, traducido por James Stephens, é o autor do poema titulado “Inis Fai”:

“Podémonos voltar, secar as bágoas,
esquecernos do medo e mais das mágoas,
todo se foi toda boa cualidade,
a xentileza e hospitalidade,
cortesía e ledicia xa mor ron.
Fóixe a música, o arte de cantar-
Calémonos, ¿pra qué chorar?, si rén
nos fica enteiro que puido crebar,
si nada fica xa do noso bén”.

Raftery, o violinista cego que percorría tódolos camiños de Irlanda, tocando as vellas melodías con escasa recompensa, conserva nembargantes certo humorismo en medio da súa melancolía. Douglas Hyde transmítenos os versos gaélicos nos que o poeta fai o seu propio retrato:

“Sou Raftery, o Poeta,
cheo de amor é de esperanza,
con ollos que non teñen luz,
e con tenrura sin pena,
Vou cara ó Ponte en pelerinaxe
pola luz do corazón,
débil e canso
deica o fin do camiño.
Olládeme ágora,
cara á parede,
a petos valeiros”.

E, finalmente, poucos poemas irlandeses nos revelarán tan intensamente as tristezas daquela Irlanda, e nos serán tan comprensibles, coma o “Laio por Irlanda” de Seamus Cartan, a versión inglesa do cal débemola a Lady Gregory:

“Non sei de cousa algunha baixo o ceo
que axude ó Gael ou que lle seña amiga,
si non é o mar onde temos que ir
ou o vento que vai levando a porto
o barco que de Irlanda nos arreda.
I-é con razón que son nosos amigos,
íste mar que medróu coas nosas bágoas,
o vento errante cheos de sospiros”.

P. R. Castro.