1965/12/05 > Deportes e himnos irlandeses

1965/12/05 > Deportes e himnos irlandeses

“Deportes e himnos irlandeses”. Faro de Vigo, 05/12/1965.

Estiven agardando con grande interese, que non obedecía soamente a motivos deportivos, a iniciación do último partido entre as seleccións de Irlanda e España en París. A miña adicional curiosidade obedecía a unha circunstancia algo sorprendente, relacionada co partido de Sevilla. Nas cerimonias iniciais de dito encontro a Banda Municipal da cidade andaluza, en vez de tocar o himno nacional de Eire -que é relativamente recente, consecuencia das loitas liberadoras de hai máis ou menos medio século-, fixo oír unha máis antiga e fermosa, pero dende logo menos adecuada música en honra dos xogadores célticos. Trátase dunha fermosa melodía tradicional irlandesa, a quen lle puxo unha non menos bela letra o poeta Thomas Moore que se titulaba “A derradeira rosa do verán”, e da que, por certo, se apropiou Flotow para converterse nunha das arias sobresaíntes da súa ópera “Martha”. Mais, por admirable que fose a melodía, non resultaba, certamente, indicada para a ocasión, pois se ben os seus sons espertarían un eco sentimental nos corazóns dos xogadores irlandeses, a súa letra era máis ben desanimadora e pouco apta para espertar a arela de victoria. Para empezar, dicía así: “Esta derradeira rosa do verán, quedou florecendo solitaria; e tódalas súas fermosas compañeiras, desapareceron, murchas…”.

Unha señora de nacemento irlandés, casada cun español e residente en Sevilla, dirixiuse en carta ó director dun periódico onde se amosa bastante indignada polo que xulgou como un desprezo cara o seu país nativo. Eu creo que en certo modo ten razón, pero quizais non de todo…

Como dixen, e por este motivo eu agardaba con certa curiosidade a ver qué música irlandesa se tocaba no estadio parisiense -non seguro de todo acerca de todo iso, xa que os franceses non sempre acertan en canto á súa información sobre países alleos ó seu-. As esixencias técnicas, ou quizais as publicitarias da televisión, impedíronme satisfacer a miña curiosidade. Cando tivemos a nosa primeira visión do encontro xa transcorreran algúns minutos dende o seu inicio… Pero aínda sen contar con estes datos, quixera engadir algúns comentarios a este estraño incidente sevillano. En primeiro lugar, a Banda andaluza non andou de todo desacertada, polo menos na categoría, na clase de canción que elixiu. Porque “A derradeira rosa do verán” figura entre as “Melodías Irlandesas” de Thomas Moore, que ó lado de baladas sentimentais, emocionadas e románticas exaltacións líricas, na súa maior parte das belezas e valores de Irlanda, contiñan algunhas que durante un século cumpriron a misión de verdadeiros himnos nacionais dun país oprimido. Ou sexa, o papel de manter vivo a inmortal arela de liberdade nacional. Cancións, tamén, case sempre moito máis belas que os himnos nacionais oficiais entre os que poucos destacan polo mérito da súa letra ou da súa música, aínda que os seus sentimentos patrióticos merezan toda consideración… (Lembremos que un dos máis emocionantes e que transcendeu as fronteiras da súa orixe é o “Auld Lang Syne” de Escocia, de Robert Burns).

Thomas Moore ademais de poeta irlandés, foi nas primeiras décadas do século XIX un favorito da sociedade aristocrática e intelectual de Londres pola súa intelixencia e bondade e a xenerosidade do seu carácter. É verdade que non pasou de ser considerado como un “poeta menor”, o que xa non é pouco cando se coincide coa época dos “grandes” do romanticismo inglés. Máis aínda que así fose a súa inmortalidade está asegurada precisamente por aquelas “Melodías Irlandesas”, case todas elas asociadas a tradicionais músicas da súa patria que mantiveron vivo durante o transcurso dun século, fose polo seu sentimentalismo romántico ou porque trala súa manifestación material translucían inextinguibles arelas de liberación nacional necesariamente disfrazadas durante épocas adversas, o espírito de independencia dunha nación.

Entre as melodías de Moore marcadamente patrióticas, habería que sinalar “A Arpa de Tara”, pero sobre todo “The Minstrel Boy”, que dende a súa aparición hai século e medio, ata que o substituíu oficialmente un himno oficial non hai máis de cincuenta anos desempeñou o papel auténtico de canción nacional irlandesa. Polo tanto, como dixen, a Banda de Sevilla non andou desacertada de todo. Escolleu ben os autores -Thomas Moore en poesía e a tradición irlandesa en música -, pero non deu co número adecuado…

Non podo, sentíndoo moito, trasladar a estas columnas a música da ancestral Eire, pero si, e mantendo a mesma forma para que fose posible, cantaría en galego como en inglés a poesía de Thomas Moore. Seria agradable que nalgunha futura e grata visita de xentes de Eire a un “Festival do Mundo Céltico”, un coro desta terra irmá os acollera coa entoación en galego o inglés desta bela canción. Por se para algo serve, aí queda a miña modesta versión de “The Minstrel Boy”:

O mozo trovador

Pra a guerra fóise o mozo trovador
Que nas fías da morte xa se atopa
Cinguíu do pai a espada e pendurou
a sua arpa indómita nas costas
e dixo, “¡Ouh ti, terra do cantar!,
si todos te atraicióan
hai unha espada para te gardar,
e unha fidel arpa que te louva”
Caéu o mozo mais hostil grillón
Non venceu a alma súa orgullosa
A arpa amada nunca máis falou
Pois rachou as suas cordas todas.
E “¡Os ferros “, dixo, “non te han lixar,
De heróis e amantes alma!
Nacéu pra os puros, ceibes, teu cantar,
Nunca, nunca has soar escrava…”.

Thomas Moore.

P. R. Castro.