“Miscelánea en torno a la poesía y su traducción”. Faro de Vigo, 05/06/1966.
Lin nestas columnas nun recente domingo dúas novas ou referencias, ás que quixera engadir un pequeno comentario. Unha delas – en “Arte y Letras”- salientaba a publicación de traduccións ó francés e ó alemán dos poemas do autor irlandés “AE” -pseudónimo de George William Russell- á que se lle engadía unha bela versión galega dun poema seu “S. S” que “Plácido R. Castro traduciu hai anos ó galego varios poemas de “AE”.
Así foi, en efecto, e como admirador de “AE” hei celebrar que a súa poesía, pouco coñecida ata o de agora fóra do ámbito do idioma inglés, se vaia difundindo nos ambientes intelectuais doutos países europeos. Mais o que me impulsa a escribir estas liñas foi antes o desexo de facer un comentario literario, a lembranza -¡qué horror!-, de fai case corenta anos dun breve, pero para min, inesquecible encontro con tal sinalado personaxe da vida literaria irlandesa daquela época.
Unha das miñas principais “guías” no ambiente intelectual e social dublinés daquel entón foi Thomas Esmonde, deputado do”Dail Eiremann”, e fillo do gran terratenente do mesmo nome, “baronet” e camareiro de S. S. o Papa. O seu fillo, meu amigo, tivera nos tempos máis incertos que precederon á independencia irlandesa non poucas misións aventuradas curiosas. Entre elas a de ser enviado a Australia como embaixador dun estado irlandés que aínda non existía oficialmente, o que fixo que a súa estadía nun Dominio tan pro británico fose, naturalmente, sumamente breve. Outra experiencia de Esmonde foi a de vir a España para investigar se o Duque de Tetuán -un O´Donell que segundo os irlandeses tiña certo dereito a ser considerado coma rei de Irlanda- estaba disposto a apoiar ó “SinnFein”. Tampouco neste caso tivo apreciable éxito o meu amigo. Pero ó fin aquí estaba, ocupando moi merecidamente un escano no Parlamento do entón “Estado Libre de Irlanda…”.
Unha tarde díxome Esmonde, “Imos esta noite a unha recepción na casa de “AE”. Aclimatado eu ás normas londinienses da convivencia social non puiden menos de exclamar, abraiado, “¡Pero se non me invitaron e nin sequera lle fun presentado!” “Non importa”, respondeume, “os venres vai todo o mundo. Só é preciso ir de smoking”… E alá fomos e o poeta recibiu ó forasteiro descoñecido coa mesma cortesía e cordialidade que amosaba para os habituais dos seus “venres”, ou sexa, todo o “Dublín”, o das letras, as artes e a política, que circulaba pola gran sala ou formaba grupos nos que se escoitaba esa conversa de incomparable enxeño que caracteriza á capital irlandesa, dende os máis selectos salóns ata as tabernas onde o pobo trasfega con admirable asiduidade un dos máis prezados productos da súa patria, a negrísima e aveludada cervexa “Guiness”…
Quixera algún día -e cantas cousas van quedando para ese”algún día”- volver falar das miñas lembranzas inesquecibles daquelas semanas irlandesas. Mais hoxe non podo facer máis que contar esa anécdota e se se me pode perdoar, reincidir na publicación dunha versión galega dun dos máis característicos poemas de “AE”. Despois de todo, o bo -e refírome ó orixinal, non á traducción- soporta ben a repetición… Velaí, pois, o poema de “AE” titulado “Inmortalidade”:
“Como o fume temos deesvairnos, ou vivir do espirito no fogo;
pois nin nós, nin o fume podemos tornar para a chama:
si a vontade en arela se troca si se troca o pensar ensoño,
como fume nos esvairemos, anque o fogo arda.
Compaixón infinita que estrelas os crepúsculos nosos , cincentos,
desertos que en ti mora a ialma, o alento inmortal
ou vivimos no fogo do amor, ou por moitos camiños iremos,
por camiños de ensoño, que morte nos han de levar”.
Unhas breves liñas para permitirse o atrevemento de “corrixir” unha cita de William Shakespeare contida na sempre amena sección “Lese, escóitase, lémbrase…”, aparecida o mesmo domingo. Saíu como segue: “O mal que fan os seres humanos sobrevívelles; o ben vai parar á fosa cos seus ósos”. Ignoro se esta foi unha traducción “ad hoc”, ou se procede dalgunha versión castelá das obras do “Cisne do Avon”, que así interpretado, máis ben semella un non tan elegante pato. Como amante do inmortal Bardo, da poesía en xeral e do idioma inglés, molestoume un pouco esta prosaica e non moi fiel versión dunha cita dun dos máis marabillosos discursos que endexamais se inventaran, moi superior seguramente, ó que de feito pronunciou Marco Antonio ante o cadáver de Xulio César, e no que Shakespeare, coma en tantas outras ocasións, se amosa máis elocuente, cando menos coa pluma, cós oradores de tódolos tempos. Ben merece, pois, que un tente aproximarse algo máis ó senso e ata ó metro do que escribiu o poeta, e mesmo se lle engada outro medio verso que a completa. Porque, ó fin e o cabo, o que Shakespeare dixo por boca de Marco Antonio, foi:
“The evil that men do lives afer them,
the good is oft interred with their bones;
so let it be with Caesar…”
que vén a ser algo así como:
“O mal que os homes fan os sobrevive,
o ben soe enterrarse cos seus osos;
qué así seña con César…”
O que é máis fiel ó orixinal, soa mellor que a cita de referencia e non sae do todo mal en galego.
P. R. Castro.