1932/05/22 > Xustificación do nacionalismo

1932/05/22 > Xustificación do nacionalismo

“Justificación del nacionalismo”. La Nación. Buenos Aires, 22 de maio de 1932.

O recente movemento galego en defensa do ferrocarril Zamora-Ourense-A Coruña, a parte de calquera aspecto político e de toda consideración técnica arredor da citada vía, ten un profundo interese dende o punto de vista galeguista. Estimo, coincidindo coa opinión exposta por Jesús Bal, que o movemento en si ten moita máis importancia que a cuestión que o provocou; e creo que os seus efectos perdurarán na nosa vida política aínda despois de terse resolto o problema da construcción do ferrocarril.

Porque non pode pasar sen ter deixado unha profunda pegada na conciencia de Galicia, unha ocasión na que, por primeira vez en tempos recentes, a nosa terra adquiriu impulsada polos seus propios sentimentos, unha unidade e un sentido de solidariedade que revelaron unha cohesión insospeitada. Non soamente se derrubaron as barreiras de clase, senón que algunhas aldeas que non tiñan interese directo na construcción do ferrocarril, e incluso varias que poderían xulgarse prexudicadas pola nova vía, se sumaron ó movemento, facendo que este sobrepasase tódolos límites do localismo e do provincialismo para adquirir o carácter dun levantamento de Galicia en defensa do que estimaba o seu dereito. Foi un verdadeiro plebiscito, quizais o máis auténtico que se realizou en España; e aqueles que ocupando cargos representativos non lle prestaron a súa adhesión, deixaron de ser, en esencia, representantes xenuínos da vontade popular.

Ó meu entender, este fenómeno do espertar galego é o máis valioso reforzo e argumento máis irrebatible que recibiron os defensores da autonomía de Galicia. Porque se a protesta transcendeu os límites locais, isto debese á existencia dunha conciencia de Galicia, unha ocasión en galeguidade nos habitantes da nosa terra. Algúns homes representativos que militan en partidos ata hoxe opostos a toda forma de descentralización fixeron, con motivo do referido movemento, declaracións favorables á autonomía. É dicir, que os feitos os convenceron e espertaron o seu sentimento de patriotismo galego. Por outra banda, o simpático e rechamante xesto dos habitantes de Sanabria, que se sentiron orgullosos e enaltecidos baixo a bandeira de Galicia e que transportaron cara a Zamora os límites da súa provincia desafiando a toda a burocracia madrileña, demostra plenamente que Galicia é algo máis ca unha división xeográfica, que teñen os elementos sentimentais necesarios, ademais dos materiais, para ser unha nación sexa cal sexa o nome que oficialmente se lle atribúa.

Sen embargo, os que queren a todo transo buscar argumentos para combater o galeguismo, afirman que esta solidariedade de Galicia soamente se conseguiu por motivos económicos, dando a entender que tódolos demais aspectos non interesan a ninguén. Máis eu atrévome a afirmar que se consideramos tódolos aspectos do movemento en defensa do ferrocarril, teremos que recoñecer que a súa extensión e importancia foron debidos á existencia dunha forte emoción galega -latente nuns, consciente noutros-. A protesta foi transcendental e eficaz porque os galegos se sentiron galegos antes que españois. E se así aconteceu, non soamente queda plenamente xustificada a tese nacionalista, senón que se demostra o labor do galeguismo en toda a súa pasada actuación, aínda nas súas fases máis románticas e líricas, que a moitos se lle antollaban un mero xogo inútil e sen aplicación práctica. Sen o labor do nacionalismo galego Galicia seguiría tan insensible como antes e tería soportado con resignación a privación da que querían facela víctima. Pero dende agora Galicia sabe que existe e Madrid sábeo tamén…

E non é soamente na nosa terra onde a conciencia nacional, conservada en tempos difíciles polos nacionalistas, rexurde como un potente factor político. O recente triunfo de De Valera en Irlanda é unha proba máis de que o sentimento patriótico é máis potente e perdurable que as razóns materiais e económicas. Nun próximo articulo falarei deste feito tan significativo na historia dos movementos nacionalistas.

P. R. Castro.