1956/-/14 > A beleza natural de Galicia pode ser respectada polos avances industriais

1956/-/14 > A beleza natural de Galicia pode ser respectada polos avances industriais

La Noche, 14 de — de 1956.
As festas locais teñen unha estreita relación coas actividades turísticas dunha poboación non só no que concirne ó excursionismo da comarca senón no que se refire á atracción de forasteiros vidos de máis afastadas terras, españolas ou estranxeiras. Por iso paréceme oportuno contribuír a este extraordinario de La Noche dedicado ás festividades vilagarciás, con algunhas observacións relacionadas co turismo. Sen que eu me atribúa a categoría de especialista na materia, tal vez unha longa e variada experiencia viaxeira e un considerable coñecemento de turistas de diversos países me conceda unha modesta autoridade para opinar sobre o tema.

É indubidable que Vilagarcía goza, en canto ó turismo, de valiosos atractivos presentes e de aínda máis prometedoras posibilidades futuras. Nos seus habitantes inflúe tamén poderosamente o afán de incrementa-la súa potencia industrial. En torno a esta última cuestión, preséntase en Galicia unha controversia que me parece un tanto absurda ou que alomenos en moitos comentarios xornalísticos se sacou do terreo do senso común. Ninguén que o teña será quen de opoñerse a unha industrialización axeitada ó carácter do noso país, pero tampouco unha persoa sensata deixará de comprender que a beleza natural é unha riqueza en potencia tan valiosa coma calquera outra. Ha de procurarse que calquera avance industrial non dane esta beleza da nosa terra, que é á vez un tesouro espiritual e material. Non é lirismo trasnoitado –como algúns pretenden– este afán de conserva-los encantos da Natureza. En Galicia, mesmo cun criterio meramente materialista, é perfectamente lóxico soster que o turismo, para o cal esta beleza é unha base indispensable; pode chegar a ser unha das principais, se non o principal entre as dúas cousas, o progreso industrial e a conservación da súa beleza. Entre elas, cun criterio sensato, non ten por qué haber incompatibilidade.

Outra observación que me parece oportuna é a de que o turismo galego non debe apreciarse con criterios localistas, senón harmonizando os intereses locais cos comarcais e rexionais. Ningunha poboación, por importante que sexa, pode estructurar debidamente as súas actividades turísticas sen relacionalas coas do país que as rodea. E en particular Vilagarcía, que á parte dos seus valores propios posúe a grande vantaxe de atoparse situada nunha das rutas fundamentais do turismo en Galicia, a que une a Compostela coa Toxa e logo coa costa galega máis ó sur. E o día en que se leve a cabo a construcción da proxectada estrada do turismo ó longo da costa da provincia coruñesa esta situación estratéxica de Vilagarcía adquirirá aínda máis valor. O que é unha mágoa é que aínda falten os medios axeitados de transporte para sacar pleno rendemento desta posición privilexiada. Non se esqueza que non tódolos turistas veñen en coche de seu ou gustan das viaxes en rabaño da excursión organizada. Moitos prefiren face-las viaxes á súa maneira, ir de un sitio a outro cando lles parece, emprender excursións dende calquera centro que se lles faga grato. Para iso, ó meu entender, resulta imprescindible a organización de mellores comunicacións por estrada, entre elas moi principalmente, dende o punto de vista de Vilagarcía, un servicio estival e turístico de autocars, cómodos, rápidos e limpos –malia que o custo da viaxe fose superior ó normal– que unisen a esta poboación con tódolos pobos situados ó sur da ría, ata a Toxa, o Grove e a Lanzada, e enlazase con servicios similares que chegasen pola costa á capital da provincia. Poucas rutas serían quen de ofrecer tanta e tan variada beleza ós turistas. Pero creo que todo o mundo recoñecerá que os nosos servicios de ‘liña’ non están en condicións –por moitos motivos que non hai lugar para expoñer aquí– nin tampouco teñen horarios axeitados.

P. R. Castro.