1930/12/01 > Colonia

1930/12/01 > Colonia

ANosa Terra, 01/12/1930.

Se os argumentos que expoñen os nacionalistas galegos e as arelas de independencia que senten non abondaran para xustificar tódalas súas peticións, sería xustificación suficiente o trato de colonia que dan a Galicia os gobernos centralistas. No caso de Cataluña foi o desterro de Maciá un verdadeiro acto de arredismo, de recoñecemento da personalidade daquel país. Mais non é o goberno menos separatista nas súas relacións coa nosa terra. Non me refiro agora ás liberdades cidadáns perdidas -as mesmas das que nos privaría un conqueridor estranxeiro- xa que nese censo España enteira atópase en situación de pobo asoballado. Mais noutros aspectos ¿qué trato senón o de colonia é o que recibe Galicia?

Consideramos, como exemplo típico, a cuestión do millo. Os aranceis impostos arbitrariamente por gobernos nos que ninguén defende os intereses de Galicia, obrigan ó labrego a dedicar as súas terras a un cultivo que non é necesario nin económico no noso país. Fan subir o prezo do millo que fai falla importar tódolos anos, dificultan a venda do gando galego ó elevar o seu prezo e rebaixar a súa calidade. Restrinxen así a liberdade económica de Galicia e os seus efectos chegan, directa ou indirectamente, a tódolos aspectos da vida da nosa terra. ¿E con que obxecto se fai todo isto? Sen ningunha dúbida, coa fin de protexer intereses alleos a Galicia…

Agora ben, eu coido que abonda con este exemplo ben coñecido da importación do millo para facer unha comparación da política centralista española coa de Inglaterra en Irlanda no século dezaoito e na primeira metade do século dezanove. Tamén alí se protexían inxustamente os intereses trigueiros ingleses. Para desfacerse da competencia irlandesa os gobernos afogaban ás industrias con trabas e prohibicións. Irlanda, tan próspera noutros tempos, chegou a tal estado de pobreza, que os seus habitantes soamente se mantiñan coas patacas que daba o seu chan. E ó cabo chegou o inevitable desastre. Uns anos de colleitas perdidas trouxeran a fame mais terrible a aquela illa. Millóns de irlandeses morreron de fame e de peste, ou tiveron que fuxir da súa patria emigrando a América. Irlanda ficou coa metade da poboación que tivera antes da catástrofe.

¿É ou non é xusta a comparación da Irlanda de entón coa Galicia de hoxe? Eu coido que si. É verdade que os galegos aínda non morreron de fame coma os irlandeses, mais a emigración galega non é senón unha maneira de fuxir da fame. E se coincidiran uns anos de colleitas perdidas coa paralización da emigración, xa se vería cáles son os terribles resultados da política centralista, deste proteccionismo inxusto, protector dunhas rexións a custa doutras, que é no fondo un formidable axente desintegrador da unidade española.

O centralismo, e aínda mais o caciquismo centralista galego, precisa do sometemento, da pobreza, de falla de independencia e de forza nas rexións, para que estas non poidan xurdir esixindo a súa liberación do centralismo e do caciquismo -do mesmo xeito que lle convén ós nosos gobernantes, como cidadán ideal, o que poderiamos chamar o “home-can”, o que lambe a man do amo que o castiga con tal de que algunha vez lle dea un anaco de pan. Os políticos galegos son mestres desta táctica. O meu amigo Antón Vilar Ponte chamoume humorista ó falar nun artigo da miña teoría de que é mellor para Galicia non ter ministros galegos no goberno. Mais eu sostéñoa con toda seriedade. Coido que as inxustizas que Galicia sufriu nestes derradeiros meses débense directamente ó feito de haber no goberno caciques galegos, que desexan administrar sabiamente os seus favores electorais. Caciques que aínda que sexan galegos non merecen ese nome, pois son inimigos da súa terra, axentes dun poder alleo e amigos soamente da súa comenencia persoal. No fondo, a súa forma de gobernar Galicia, téndoa asoballada para mellor mandar nela, é xustamente a que empregaron tantas veces as potencias colonizadoras.

Aceptemos esta situación de colonia na que nos poñen os gobernantes de España, e procedamos como é lóxico en semellante caso. Se como colonia se nos trata debemos considerar como estraños ós que colaboran en gobernos centralistas. Abonda xa de comisións mendicantes, de peticións dirixidas ós mesmos que nos asoballan. Como na derradeira protesta de Galicia, temos que facer sempre as nosas protestas en Galicia -en toda Galicia e non nunha provincia, xa que as provincias son un recurso do centralismo- aínda que nos digan que “pedimos imposibles” os políticos acostumados só a conceder favores e non a facer xustiza. É este un deber elemental do galeguismo. Confiemos en que os brazos galegos que amosaron a súa forza cando estiveron caídos en folga de protesta cidadán, non han de tornar a erguerse para saudar a ningún tirano. Se se nos considera como colonia, temos que actuar como colonia, como todas aquelas colonias rebeldes que ó fin conseguiron a súa liberdade.