“A sério… e a brincar!”. O Jornal de Notícias, 24/03/1949. Aquí, Londres… (Do cronista especial do Jornal de Notícias).
Londres.- Un grande diario londiniense, o de maior circulación, inaugurou a súa nova sección “chistes do día” cunha historia que parece xustificar o agradable pasatempo de extraer deduccións algo serias de casos un tanto triviais.
Velaí a historia:
-¿Que estás a facer?- pregunta a muller ó marido, que está a limpar un revólver.
-Prepárome para ir matar a John Strachey, respondeu el.
-Mais, por Deus, non fagas tal cousa, suplicou a consorte. Han prenderte.
-Non me importa. O que non podo é soportar por mais tempo que ese home escolla as miñas comidas.
E metendo o revólver no peto, o candidato a homicida saíu para a rúa. Dúas horas despois, xa estaba de regreso na casa.
-¿Que aconteceu? Inquiriu, ansiosa, a esposa.
-Non conseguín aproximarme a el. Había unha bicha enorme…
John Strachey é o Ministro dos Abastecementos da Gran Bretaña. A parte de Inglaterra, ¿haberá moitos países en que un xornal poida contar este chiste ós seus catro millóns de lectores sen que ninguén se escandalice ou haxa consecuencias desagradables?. Parécenos que serán poucos… como tamén serán poucos aqueles en que o chiste ou a caricatura política se publican máis co desexo de divertir que o de ferir -agora no fondo non lles falta un anaco de intención… Procuran mesmo facer rir a “víctima”- se ela non carecer totalmente de sentido do humor. E calquera cousa de semellante ó que sucede no Parlamento británico, onde o humorismo e a ironía constitúen armas moito máis poderosas que o ataque directo e a oratoria rebuscada, permitindo dicir, a rir, cousas máis fortes que aquelas que se poderían dicir en serio. Esta facilidade para o humorismo ten moito que ver coa ausencia total de hostilidade entre os homes públicos da vida política inglesa.
Pensando nestes e noutros chistes similares, lembramos a importancia que eles teñen no coñecemento mutuo dos pobos, incluso en detalles que poden parecer triviais. Nunca poderemos esquecer, por o termos lido, como en 1914 os alemáns confiaban enormemente nas actividades subversivas das sufraxistas inglesas e na sublevación dos nacionalistas da Irlanda. E por fin, as sufraxistas gañaron o dereito de voto contribuíndo co seu esforzo, ata ó máximo, para a victoria da patria; en canto á sublevación de Irlanda, cando xurdiu non tivo ningunha influencia na marcha da guerra se a compararmos coa heroica contribución de centenas de millares de irlandeses que loitaron nas fileiras dos exércitos británicos.
Un pouco de coñecemento da psicoloxía de ingleses e irlandeses evitaría ós alemáns caeren neste e noutros erros parecidos que os levaron a iniciar a guerra contra un inimigo que xulgaban menos forte do que era na verdade. Certamente que no caso do “nazismo” esta clase de erros deben terse repetido a grande escala.
Tampouco dubidamos que este chiste arredor do sr. Strachey teña pasado, a través de algunha embaixada instalada en Londres, ós arquivos de calquera estadista distante atrincheirado por detrás de espesas murallas. E tal vez el refregue as mans pensando que catro millóns de ingleses están á espera de vez para poderen “liquidar fisicamente” o seu Ministro dos Abastecementos.
Confiamos en que non pasará que o destino veña a desenganar ós que entenden máis das súas ambicións e creacións persoais que do espírito, psicoloxía e humor dos pobos estranxeiros.
Castro del Río.