O Fillo

En Cambados co fillo

O Fillo

Os poemas “Invasor querido”, “Cataclismo cósmico”, “Meu ladrón”, “Ó verte así durmindo…”, “Interrogacións”, “Fror, Volvoreta, Home”, “Tres nenos”, “O pequeno megalito”, “Tí- Tó”, “Ti e o Atlántico”, “Dúbida…”, “Brinquedos”.

 

Invasor querido

Coidei que o castelo do meu corazón
xa estaba seguro
de todo perigo de nova invasión:
pensei que o seu muro,
pra o resto da vida, embora abalado,
tivese durado…
Mais, logo, viñeches, con xestos meiguiños,
coas bágoas tan tenras, cos teus sorrisiños,
con verbiñas novas, nos teus beizos nadas,
coas ledas cantigas, recén inventadas,
e abriche unha fenda, con isas manciñas,
nas defensas miñas:
i entraches no forte, ¡tan presto rendido!
¡Probiño castelo! ¡Invasor querido!

Cataclismo cósmico

Xa dende neno
gustoume a Astronomía,
e veño lendo en libros
-de vulgarización, mais instructivos-
como vai parecendo,
de vez en cando, algún novo Universo,
que cando era rapaz non eisistía.
Por exempro, o de Einstein, cheo, pequeno,
o de Sitter, vasto e tan disperso
ou a inxeniosa, ecléctica invención,
de Lemaitre, cal un cósmico acordeón,
que míngoa e que se estende…

A “Creación Continua” é ideia nova;
como o Cosmos nascido de unha bola.
Hoxe cecais hai outros, ¿Quen pretende
poder manterse ó día
nista vertixinosa Astronomía?
Mais, ¿que importa? si rén de todo esto
pra min mudaba
do Universo persoal o esquema,
e si no meu sistema
eu era o centro en torno do que o resto
sempre xiraba…
Mais, cando ti chegaches,
¡minúsculo fenómeno astronómico!
¡vaia si armaches un bo cataclismo!
¡Como abalaches
o meu cósmico abismo,
cal si foses desintegrante atómico!
E hoxe xa non se rexe o meu sistema
por ningún teorema
de Kepler, Newton… ou por teoría
nascida dunha nova xeometría.
As órbitas e os eixos se reviran,
mistúranse sol, terra, lúa, cometa,
e os corpos grandes, estelares, xiran
arredor do satélite pequeno,
porque chegaches, neno,
¡e agora ti es sol… i eu sou planeta!

Meu ladrón

Roubácheme a soedade,
¡Adeus, soedade miña!
Agora está toda enchida
da túa proisimidade,
¡Ai, veciñanza querida!

Roubácheme o meu silenzo,
¡Adeus, silenzo perdido!
e dos teus berros e risos
o día enteiro está cheo,
¡Ai, alboroto querido!

Algo de amor me roubaches
que tivera para outros,
porque os meus amores todos,
¿dos demais quen vai lembrarse?
non chegan para ti sóio.

Ben difíciles fixeches
tódolos demais amores,
mais cecais, si un día podes,
mais cecais, si un día queres,
fai ti o que eu abandone.

Ben difíciles fixeches
istes meus homildes versos,
ó roubarme o meu silenzo,
mais, ¿que importa? ¡si ti es
o poema que máis quero!

Ó verte así durmindo…

Ó verte así durmindo,
ó verte así sorrindo,
penso que así durmían,
penso que así sorrían,
San Francisco e Nerón,
Pasteur e Napoleón,
Beethoven… e Adolfito…

“¡Que neno tan bonito!”
diría algún veciño,
“¡Que encanto de neniño!”
“¡E a cara de seu pai!”
E cecais unha nai,
ó velo así sorrir,
soñase no porvir
daquelas pequeniñas,
inocentes manciñas…

Interrogacións

¿Facerche cristián?
¿facerche pirata?
¿virán Buchenwalds?
¿virán Olimpíadas?

¿Ensinar a man
a que aperte a doutro,
ou a manexar
un arma de fogo?

¿A outra meixela?
¿leccións de boxeo?
¿que o Código leas,
ou os evanxeos?

¡Ai, quen o soupera,
pra decircho, neno!

Fror, Volvoreta, Home

Este casulo
vai ser axiña
rosa frorida:
e na súa prena
maturidade
ha desfollarse.

Esta crisálida
en volvoreta
tórnase, bela:
hasta que un día,
na súa beleza,
o ar a leva.

Mais iste neno,
non ha ser, de home,
máis belo que hoxe:
e xa de vello,
cheo de rugas…
caricatura.

Tres nenos

Nise marco están tres “fotos”…
o avó de neno… está morto,
teu pai de neno… está así,
e o neno neno, que es ti.

Non me causa pena velos
polo avó non ser xa neno,
nin porque o pai foi así,
senón por ser neno ti
agora… e logo non selo.

O pequeno megalito

Un dentiño
tés, meu neno,
un megálito
pequeno.

Nós, postramos
e adoramos
-cal Druídas
de eras idas-
iste primeiro
milagro,
dun vindeiro
circo sagro.

Tí- Tó

¿Lémbraste de “Tí-Tó”?
Cando ti eras pequeno,
-así- moi pequeniño,
el era moi pequeno,
moi pequeniño -así-
e chamábalo ti,
“¡Tí-Tó!”, “¡Tí-Tó!”, “¡Tí-Tó!”
Era moi pequeniño,
mais, ¡érache tan pillo!

Ti eras sempre moi bo,
craro está, mais “Tí-Tó”
cando se incomodaba,
pateaba e choraba
no espello do armario,
i era malo, ¡tan malo!

Ti chegábaste ó espello
e petabas coa man,
pra que saíse o neno
xunto de ti a brincar;
e el se ría e se ría,
mais, nada, non quería
saír de onde estaba,
por mais que ti chamabas
“¡Tí-Tó!” “¡Tí-Tó!” “¡Tí-Tó!”

¿Lémbraste daquel neno,
cando ti eras pequeno?
“¡Tí-Tó!” “¡Tí-Tó!” “¡Tí-Tó!”
Era moi pequeniño,
mais¡érache tan pillo!

Ti e o Atlántico

Cando por primeira vez
se crebaban ós teus pés
as vagas do mar aberto,
vendo o Atlántico inmenso;
aquel meio mundo de auga,
de ondas azules e brancas,
sen asombro e a sorrir,
só lle dixeches “¡Abita!”
como cando nos pedías
un vaso de Mondariz…

¿E que os nenos son moi grandes
ou moi pequenos os mares?
¿Ou vemos eiquí un presaxio
de que dentro dalgúns anos
xa nun pequeno cerebro
pode caber o Universo?

Dúbida…

Díxome o neno:
“¡Olla, papá, como a nai anduriña
mete no bico do fillo a mosquiña!

¿Debín eu dicirlle…
“Iso, meu neno, demostra a esperteza
e a previdencia da Nai Natureza”?

¿Ou ben engadirlle…
“Mais pode ser que as Mamás dos inseitos
coiden que a idea ten certos defeitos?

Brinquedos

Enche o teu mundo unha tanxible maxia
de bolas, trens, monecos e cabalos,
¡ai, en que gratos deuses nos convertes!
¡ai, que bonito ceo te fabricamos!

Ti crebas todo, e déixalo pasado
cheo de ídolos mortos, esquecidos,
mais que se ven axiña reemprazados
por outros ídolos, nistes aniños,
aniños breves, nos que aínda eisisten
a túa providencia e o teu ceo…

Mais ha chegar un día no que fiques
sen ídolos, ou só con algún moneco
grotesco, de guiñol, ou cun tristeiro
brinquedo do esprito, imaxinario.
E cando crebe, e fique o ceo baleiro,
¿con que novos brinquedos renovalo?

¡Goza, meu neno, agora da presencia
de ídolos de madeira e de cartón,
o cabalo de carne, cando o teñas,
vai ser menos real que ista ilusión!
¡Goza, goza a ledicia, meu pequeno,
diste ceo fuxitivo de brinquedo!