Poemas soltos

Poemas soltos

Os poemas “Ouh, lúa inmerescida”, “Acuarela Divina”, “Universo-Illa”, “Praia”, “Anti-Pigmalión” e “Cereixas Vermellas”.

Ouh, lúa inmerescida

-poema lunático-

¡Ouh lúa inmerescida, é triste o teu destino,
Satélite precario dun Planeta mesquiño!
Eu ollo cada noite
o profundor do Céo, cunha mirada inqueda,
medroso de que os Homes
-os da Fouce e Martelo ou das Barras i Estrelas-
xa tivesen lixados isa branca pureza.

Xa non lles chega ós Homes o seu mundo anguriado,
bébedo do seu sangue: queren deixar cravados,
nisas cinzas arxénteas,
seus farrapos de cores –cecais os devanceiros,
como o foron na Terra,
das hordas que han matarse por isto ou por aquelo,
tinxindo a túa prata de sinistro vermello.

Os “Luniks” e “Saturnos” van percorrer as roitas
do Espacio, unha teima tola e vertixinosa,
pra deixaren marcado
o teu destino, Lúa -¿seres rublo marxista?
¿dólar americano…?
Pentágonos e Kremlins convertiron en ficha
do seu xogo macabro a túa face nidia.

Eramos bós amigos: ¡nos deras tantas voltas,
ouh única veciña dista soidade nosa,
na noite do Universo!
¡Qué ben o mar rexías no encher e devalare!
¡Niste vivir incerto,
qué consolo na ronda seréa das túas fases,
namoro dos poetas, amada dos amantes!

¿Non gardarás aínda, Olímpica Artemisa,
as Frechas vingadoras que certeiras ferían
ousados pretendentes?
Si dos tempos Helenos algo conservas, Deusa,
do poder que tiveches,
¡solaga en torvas áugas da Monstrosa Maréa
istes bichos perversos que xurdiron da terra!

Acuarela Divina

Illas no mar azul,
illas no ar azul…
¿Serán as Casitérides, as illas lexendarias,
efímeras, posibres, cecáis imaxinarias?
Uns fantasmas de illas, unhas illas de fadas,
esvaidas remotas, míticas, ensoñadas,
disolución de illas nos azules do mar,
transparencia de illas nos azules do ar…

¿Azules de Cobalto, de Prusia, Cianino,
Alizarín, Amberes, Cerúleo, Ultramarino?
¿Viridiano, Esmeralda, nos verdes da ribeira?
¿E que? Nomes de cores, de terra de poeira,
pra pintar un ensoño, un feitizo amatista.
¡Oh, divina acuarela! ¡Meu Deus, meu Deus, qué artista!

Universo-Illa

O barquiño está quedo no mar quedo:
duplícanse as estrelas,
e non estou xa baixo un hemisferio
senón no centro da celeste esfera.

O ronsel do barquiño fosforece
e vai creando ignotas nebulosas:
mentres deixan os peixes,
atrás de si, caudiñas de cometas,
e as pingas luminosas
dos remos, fan estrelas supernovas.

O mundo enteiro esváise…
maxínome no centro das galaxias,
como si navegara
na interestelar friaxe, infinda:
e, por un curto instante,
soño que son un universo illa.

Praia

Voume embebedar coas vagas,
bebendo champán do mar
en copa verde esmeralda.

Voume enxabronar coas vagas,
para logo me afeitar
co agudo fío da iauga.

Darme unha masaxe de escuma,
dende o cabelo ata os pés,
unha fricción de burbullas.

Vou dar unhas cantas voltas
no tiovivo do mar,
tomándolle o pulso ás ondas.

E nas augas transparentes,
como si fose arroás,
construír túneles verdes.

Logo no berce flotante,
méntralas ondas o arrolan,
cabecear un instante.

Pentearme cunha brisa,
e secarme con toalla
de febras de sol tecida.

Deitarme na area quente,
e no seu molde facerme
como unha estatua xacente.

Fumar a pipa do opio
da brétema do solpor,
fundindo na noite o corpo.

Sentirme como atraído
pra alén do borde da Lúa,
por vértigo do infinito.

I en silenzo de veludo,
adormecer, cando as ondas
morren nun doce marmullo.

Anti-Pigmalión

E díxolle o Amante, “Meu amor,
non pode ser maior a túa beleza,
e pouco tempo a mesma–
pois o Tempo non sabe do perdón…

I eu sería do mundo o escultor
supremo, e Ti a estatua máis perfeita,
¡Ouh anti-Galatea!
si fose eu un anti-Pigmalión.

Cereixas Vermellas

Estas cereixas vermellas
teñen o gosto do incerto,
son doces e son acedas…

Dúbida no seu sabor,
contraste de arela e medo,
ledicia e tamén door…

E iste seu ton de vermello,
e iste gosto do impreciso,
fanme pensar nos teus beizos,
fanme lembrar os teus beizos…