Acta da reunión do xurado do Premio de Tradución Plácido Castro 2018 Cambados, 28 de maio de 2019

Acta da reunión do xurado do Premio de Tradución Plácido Castro 2018 Cambados, 28 de maio de 2019

Reúnese en Cambados, na sede da Fundación Plácido Castro, o 28 de xuño de 2019 o xurado do Premio de Tradución Plácido Castro na súa décimo oitava convocatoria, correspondente ó ano 2018.

O xurado está composto polos seguintes membros: D.ª Olga López López (Xunta de Galicia), D. Fernando Moreiras (Asociación de Tradutores Galegos), D.ª Ana Luna Alonso (Departamento de Tradución da Universidade de Vigo), D. Xosé Luís Franco Grande (Real Academia Galega), Víctor Caamaño Rivas (Fundación Plácido Castro) e D. Xulio Ríos (Director do IGADI), quen actúa en calidade de secretario do xurado, con voz pero sen voto.

O obxectivo deste premio é destaca-la calidade das traducións dos clásicos da literatura universal que a Biblioteca Virtual bivir publica periodicamente na súa páxina web http://www.bivir.com nunha iniciativa que pretende a un tempo colaborar no proceso de normalización da lingua do país e contribuír a enriquece-lo universo literario galego mediante a versión dos autores consagrados que escribiron noutras linguas. Ademais, tamén puideron concorrer outras obras editadas en formato papel e non publicadas en bivir.com remitidas  á Fundación a efectos de participar no premio.

Sendo que as bases da convocatoria do premio indican que no fallo do xurado se terán en conta a calidade da tradución galega, a relevancia para o noso sistema cultural da obra traducida, as dificultades intrínsecas da lingua de partida e a súa distancia cultural e a envergadura do proxecto de tradución, o xurado, tras as súas deliberacións, por unanimidade dos presentes, acorda:

  1. Expresa-la súa satisfacción polas traducións presentadas e reivindicar o papel da Biblioteca Bivir como instrumento para fortalecer a importancia da tradución no sistema literario galego.
  2. Outorgarlle o premio Plácido Castro 2018 á tradutora Antía Veres Gesto pola obra A Lost Lady/Unha muller perdida, de Willa Cather.
  3. O xurado destaca a capacidade de recreación da autora así como o acerto do uso dun galego extremadamente natural e próximo, empregando unha fraseoloxía propia sen alterar a atmosfera orixinal da novela. Ademais chama a atención sobre a significación da autora e a obra elixidas, inédita ata agora no noso sistema literario, que gozou sempre de amplo recoñecemento tanto nos EUA como a nivel mundial.

E para que así conste, asínase a presente a 28 de xuño de 2019.

 

Xosé Luís Franco Grande        Olga López López                           Ana Luna Alonso         Fernando Moreiras                   Víctor Caamaño                        Xulio Ríos