Reúnese na sede do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI, o 3 de xuño de 2015 o xurado do Premio de Tradución Plácido Castro na súa décimo cuarta convocatoria, correspondente ó ano 2014.
O xurado está composto polos seguintes membros: Srª. Dª. Jesusa Castro Sineiro (Fundación Plácido Castro), Sr. D. Carlos Arias Iglesias (Xunta de Galicia), Srª. Dª. Camiño Noia Campos (Asociación de Tradutores Galegos), Sr. D. Xosé Antón Palacio (Departamento de Tradución da Universidade de Vigo), Sr. D. Antón Santamarina (Real Academia Galega) e Sr. D. Xulio Ríos Paredes (Director do IGADI), quen actúa en calidade de Secretario do xurado, con voz pero sen voto.
O obxectivo deste premio é destaca-la calidade das traducións dos clásicos da literatura universal que a Biblioteca Virtual bivir publica periodicamente na súa páxina web http://www.bivir.com nunha iniciativa que pretende a un tempo colaborar no proceso de normalización da lingua do país e contribuír a enriquece-lo universo literario galego mediante a versión dos autores consagrados que escribiron noutras linguas.
Sendo que as bases da convocatoria do premio indican que no fallo do xurado se terán en conta a calidade da tradución galega, a relevancia para o noso sistema cultural da obra traducida, as dificultades intrínsecas da lingua de partida e a súa distancia cultural e a envergadura do proxecto de tradución, o xurado, tras as súas deliberacións, acorda:
- Expresa-la súa satisfacción polo número de traducións presentadas, un total de catorce nesta edición.
- Outorgarlle o premio Plácido Castro 2014 ex aequo á tradutora Mona Imai pola obra Botchan, de Natsume Soseki; e mais a Alejandro Tobar, pola súa tradución O forasteiro misterioso, de Mark Twain.
- O xurado sinala, no caso da tradución de Mona Imai, a sutileza e a capacidade para traer para o galego unha obra creada nunha cultura distante como a xaponesa, e tamén, no caso de Alejandro Tobar, a viveza do estilo e a naturalidade da lingua que leva a un pracer lector certamente estimable.
E para que así conste, asínase a presente en Pontevedra, a 3 de xuño de 2015.
Xulio Ríos
Susi Castro
Camiño Noia
Xosé Antonio Palacio
Carlos Arias Iglesias
Antón Santamarina