Acta da reunión do xurado do Premio de tradución Plácido Castro 2015 Pontevedra

Acta da reunión do xurado do Premio de tradución Plácido Castro 2015 Pontevedra

Reúnese na sede do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI, o 23 de xuño de 2016 o xurado do Premio de Tradución Plácido Castro na súa décimo quinta convocatoria, correspondente ó ano 2015.

O xurado está composto polos seguintes membros: Sr. D. Xavier Senín (Fundación Plácido Castro), Sr. D. Carlos Arias Iglesias (Xunta de Galicia), Sr. D. Fernando Moreiras (Asociación de Tradutores Galegos), Sr. D. Xosé Antón Palacio Sánchez (Real Academia Galega) e Sr. D. Xulio Ríos Paredes (Director do IGADI), quen actúa en calidade de Secretario do xurado, con voz pero sen voto.

O obxectivo deste premio é destaca-la calidade das traducións dos clásicos da literatura universal que a Biblioteca Virtual BIVIR publica periodicamente na súa páxina web http://www.bivir.com nunha iniciativa que pretende a un tempo colaborar no proceso de normalización da lingua do país e contribuír a enriquece-lo universo literario galego mediante a versión dos autores consagrados que escribiron noutras linguas. Este ano, ademais, tamén puideron concorrer outras obras editadas en formato papel e non publicadas en bivir.com remitidas á Fundación a efectos de participar no premio.

Sendo que as bases da convocatoria do premio indican que no fallo do xurado se terán en conta a calidade da tradución galega, a relevancia para o noso sistema cultural da obra traducida, as dificultades intrínsecas da lingua de partida e a súa distancia cultural e a envergadura do proxecto de tradución, o xurado, tras as súas deliberacións, acorda:

  1. Expresa-la súa satisfacción polo número de traducións presentadas, un total de trece nesta edición.
  2. Outorgarlle o premio Plácido Castro 2015 á tradutora Marta Dahlgren Thorsell pola obra Kallocaína, de Karin Boye.
  3. O xurado destaca o feito de que sexa unha tradución directa do sueco, unha lingua pouco traducida ao galego, feita con mestría, rigor e viveza, trazos habituais no estilo dunha tradutora consolidada e directamente relacionada coa formación de novos profesionais da tradución. Igualmente sinálase que se trata dunha obra actual que conecta á perfección coas novas xeracións de lectores e lectoras.

E para que así conste, asínase a presente en Pontevedra, a 23 de xuño de 2016.

Xulio Ríos, Xavier Senín, Fernando Moreiras, Xosé Antonio Palacio, Carlos Arias Iglesias

Arquivos anexos a descargar: