Reúnese na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, o 28 de xuño de 2017 o xurado do Premio de Tradución Plácido Castro na súa décimo sexta convocatoria, correspondente ó ano 2016 (Vigo, 28 de xuño de 2017).
O xurado está composto polos seguintes membros: Sr. D. Xavier Senín (Fundación Plácido Castro), Sra. Da. Ánxela Gracián (Xunta de Galicia), Sra. Da. Estela Villar Nogueira (Asociación de Tradutores Galegos), Sr. D. Xosé Antón Palacio Sánchez (Real Academia Galega), Sra. Da. Liliana Valado (Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo) e Sr. D. Xulio Ríos Paredes (Presidente de Honra do IGADI), quen actúa en calidade de Secretario do xurado, con voz pero sen voto.
O obxectivo deste premio é destaca-la calidade das traducións dos clásicos da literatura universal que a Biblioteca Virtual bivir publica periodicamente na súa páxina web http://www.bivir.com nunha iniciativa que pretende a un tempo colaborar no proceso de normalización da lingua do país e contribuír a enriquece-lo universo literario galego mediante a versión dos autores consagrados que escribiron noutras linguas. Por segundo ano consecutivo, ademais, tamén puideron concorrer outras obras editadas en formato papel e non publicadas en bivir.com remitidas á Fundación a efectos de participar no premio.
Sendo que as bases da convocatoria do premio indican que no fallo do xurado se terán en conta a calidade da tradución galega, a relevancia para o noso sistema cultural da obra traducida, as dificultades intrínsecas da lingua de partida e a súa distancia cultural e a envergadura do proxecto de tradución, o xurado, tras as súas deliberacións, acorda:
- Expresa-la súa satisfacción polas traducións presentadas e reivindicar o papel da Biblioteca Bivir como instrumento para fortalecer a importancia da tradución no sistema literario galego.
- Outorgarlle o premio Plácido Castro 2016 á tradutora Isabel Soto pola obra Fosca, de Iginio Ugo Tarchetti.
- O xurado destaca a fluidez e a solvencia na lingua meta, así como o esforzo de reflectir o estilo arcaizante da linga orixinal nun galego que recupera usos propios dunha época literaria anterior que poderiamos emprazar a finais do século xix ou inicios do xx. Respecto á calidade da tradución, destacamos o acerto no transvasamento de estruturas sintácticas intricadas ao galego.
E para que así conste, asínase a presente en Vigo, a 28 de xuño de 2017.
- Estela Villar Nogueira
- Xavier Senín
- Liliana Valado
- Xosé Antonio Palacio
- Ánxela Rodríguez Rodríguez
- Xulio Ríos