Acta da reunión do xurado do Premio de Tradución Plácido Castro 2019 (Cambados, 22 de xuño de 2021)

Acta da reunión do xurado do Premio de Tradución Plácido Castro 2019 (Cambados, 22 de xuño de 2021)

Reúnese en Cambados, na sede da Fundación Plácido Castro, o 22 de xuño de 2021 o xurado do Premio de Tradución Plácido Castro na súa décimo novena convocatoria, correspondente ó ano 2019 que por mor da pandemia foi prorrogado ata 2020.

O xurado está composto polos seguintes membros: D.ª Olga López López (Xunta de Galicia), D. Gabriel Álvarez (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación), D. Xosé María Gómez Clemente (Departamento de Tradución da Universidade de Vigo), D. Xavier Senín Fernández (Real Academia Galega), Constantino Cordal Rodríguez (Fundación Plácido Castro) e D. Xulio Ríos (Presidente de Honra do IGADI), quen actúa en calidade de secretario do xurado, con voz pero sen voto.

O obxectivo deste premio é destaca-la calidade das traducións dos clásicos da literatura universal que a Biblioteca Virtual bivir publica periodicamente na súa páxina web http://www.bivir.com nunha iniciativa que pretende a un tempo colaborar no proceso de normalización da lingua do país e contribuír a enriquece-lo universo literario galego mediante a versión dos autores consagrados que escribiron noutras linguas. Ademais, tamén puideron concorrer outras obras editadas en formato papel e non publicadas en bivir.com remitidas á Fundación a efectos de participar no premio.

Sendo que as bases da convocatoria do premio indican que no fallo do xurado se terán en conta a calidade da tradución galega, a relevancia para o noso sistema cultural da obra traducida, as dificultades intrínsecas da lingua de partida e a súa distancia cultural e a envergadura do proxecto de tradución, o xurado, tras as súas deliberacións, por unanimidade dos presentes, acorda:

  • 1. Expresa-la súa satisfacción polas traducións presentadas e reivindicar o papel da Biblioteca Bivir como instrumento para fortalecer a importancia da tradución no sistema literario galego.
  • 2. Outorgarlle o premio Plácido Castro 2019 a Laureano Araujo pola súa tradución de “Schlumpf, Erwin: Homicidio”, obra do escritor suízo Friedrich Glauser.
  • 3. O xurado destaca a moi elevada calidade desta tradución, que mostra unha gran fluidez e dominio tanto do alemán como do galego. Igualmente chama a atención sobre a dificultade de incorporación dos dialectalismos propios do cantón alemán de Suíza, así como o recurso ás notas a pe de páxina que axudan a contextualizar a obra. Supón a primeira tradución ao galego deste escritor, moi recoñecido como autor de novela policial ata o punto de existir un premio que leva o seu nome.

E para que así conste, asínase a presente a 22 de xuño de 2021.

Xavier Senín Fernández

Olga López López

Xosé María Gómez Clemente

Gabriel Álvarez

Constantino Cordal

Xulio Ríos