A Fundación Plácido Castro da que forman parte os concellos de Corcubión, Cambados e Vilagarcía de Arousa, a Asociación de Tradutores Galegos, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación e o IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), convoca o Premio Plácido Castro de Tradución destinado a promover versións en lingua galega das grandes obras da literatura universal, con especial atención á súa presenza en Internet e as traducións para o galego de obras doutras linguas. Lémbrase, deste xeito, a figura de Plácido Castro, humanista, liberal, cosmopolita, símbolo da universalidade do nacionalismo galego que quixo estimular coas súas traducións a recuperación explícita da nosa identidade.
- Poderán participar na convocatoria da décimo novena edición do Premio Plácido Castro de Tradución obras traducidas ao galego que reúnan as seguintes características:
- Libres de dereitos e publicadas na biblioteca virtual http://tradutoresgalegos.com/bivir.html pola persoa que as asina, ou xa entregadas e pendentes de publicación en BiVir.
- Libres de dereitos e publicadas en formato papel ou dixital por unha editora, sempre que se conte coa autorización da devandita editora para que se publiquen en BiVir.
- Suxeitas a dereitos de autor, sempre que se conte coa autorización da persoa autora da obra ou os seus descendentes e, no caso de que estean transmitidos os dereitos de explotación, tamén da persoa que ostenta estes dereitos para que a tradución se publique en BiVir.
- A presentación da obra como candidata ao premio implica o outorgamento do dereito a publicala na biblioteca virtual BiVir por parte da persoa autora da tradución ou da editora que ostente estes dereitos.
- As obras que concorran ao premio enviaranse á sede da Fundación Plácido Castro, sita en Rúa Nova,4 36630 Cambados, Pontevedra ou por correo electrónico a info@tradutoresgalegos.com, antes do 1 de maio de 2020.
- O xurado do Premio estará composto por seis persoas representantes de cada unha das seguintes institucións: Fundación Plácido Castro, Asociación de Tradutores Galegos (ATG), Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación (AGPTI), Real Academia Galega, Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo e Xunta de Galicia. Actuará como secretario con voz e sen voto unha persoa en representación do IGADI.
- O xurado terá en conta fundamentalmente os seguintes criterios: corrección lingüística e ortotipográfica, calidade da versión, criterios de lectura e interpretación do orixinal, relevancia da obra nas culturas de orixe e chegada e adaptación ao destinatario.
- O xurado dará a coñecer de inmediato a identidade da persoa premiada e fará públicas as razóns nas que se fundou para a concesión do premio.
- O premio consistirá nun diploma acreditativo e unha peza escultórica deseñada expresamente para o concurso, obra de Xaquín Chaves. Así mesmo, estará dotado con 2.000 euros.
- A entrega do Premio terá lugar no lugar e data que sinale a Fundación Plácido Castro.