Vilagarcía de Arousa, 26 de xaneiro de 2002.
Señoras e señores:
Pídeseme que, como membro que fun do xurado que outorgou os premios deste ano, ou desta convocatoria máis ben, diga unhas palabras sobre eles, sobre os premiados ou sobre o que significan estes premios que se convocan anualmente digamos que baixo a sombra protectora e simbólica de Plácido Castro.
Porque é oportuno e simbólico que estes premios leven o nome deste galego egrexio que témo-la obriga de recuperar e de ir deixando no lugar que lle corresponde. Porque el, xustamente, foi un dos primeiros homes no tempo que se decataron da importancia que ten traducir ó galego textos doutras linguas, sexan afíns á nosa ou sexan moi distantes dela. Plácido Castro, pois, foi un dos primeiros traductores galegos, e foino porque sentiu a necesidade de que a nosa lingua se sometese á proba que toda traducción supón.
Pois traducir é algo moi importante, por diversas causas: porque somete á lingua a unha aproba de expresión que é unha maneira máis de vitalizala, isto é, de cultivala, e, por iso mesmo, de ennobrecela; porque é unha maneira máis de prestixiala: unha boa traducción de Goethe ó galego, ou de Diderot, ou de Camus, por exemplo, achegan prestixio a unha lingua que tanto precisa del; porque, ó cabo, unha traducción tamén ten moito de intercambio cultural, de apertura a outras culturas, o que sempre é bo e beneficioso para a lingua á que se traduce, o galego neste caso.
Permitídeme que lembre agora un feito de hai máis de corenta anos: a traducción galega de “Da esencia da verdade”, de Martín Heidegger, que pode ser moi ilustrativo do que estou decindo. Naquel momento, o prestixio da filosofía de Heidegger, as coñecidas difcultades da súa expresión filosófica, a escasa tradición de traduccións que por aquel entón padecía Galicia, todo isto, e que o texto non estívese aínda traducido ó castelán, aconsellou editar ese traballo de Heidegger, co que se pretendía subliña-las notas ás que aludin: prestixio, revitalización lingüística, intercambio cultural ou apertura ó mellor que o mundo nos pode ofrecer. E, por riba de todo, prestixia-la lingua.
Porque, ó meu ver, o prestixio da lingua é un dos primeirisimos valores que, no caso noso, compre ter en conta. Non hai a menor dúbida de que se a xente se acostuma a ler e a empregar textos estranxeiros de sona en galego, ese feito é xa unha contribución ó prestixio e dignidade da lingua, máis alá ou con independencia do valor práctico ou instrumental do texto de que se trate.
Hoxe, unha vez máis, premiamos a dous traductores galegos, a dous traductores que, dende lingua moi diferentes, converxen en que un e mailo outro poñen a proba a lingua galega vertendo a ela obras cimeiras da cultura universal, como Goethe e Diderot.
Luis Tobío tennos deixado varias versións galegas de textos alemáns moi salientables, como a dos “Sonetos a Orfeo”, de Rainer María Rilke, , ou o “Fausto” de Goethe, que hoxe se lle premia. As notorias distancias entre as dúas linguas non impediu que Tobío nos dese uns textos galegos moi lexibles, expresivos, limpos, que lemos con naturalidade. Porque, ademais de gran coñecedor da da lingua de Goethe e da de Rosalía, demostrou ser home de bo gusto, con sensibilidade literaria, experto coñecedor dos recursos expresivos da lingua galega, que nos seus textos está chea de riqueza, de versatilidade e de forza comunicativa.
E Valentín Arias é un coñecido traductor galego, mayormente do francés ó galego. O seu labor como traductor vén de lonxe, hai moitos anos que vén traducindo ó galego, eu diría que case con teima, por todos coñecida a gran variedade de libro e traballos por el vertidos á nosa lingua. Penso que xa era hora de lle recoñecer estes méritos; penso que o xurado atinou ó telo presente para compartir “ex aequo “ este premio con Luis Tobío. Penso que como membro que fun do xurado debo comunicar aquí o meu gozo, que foi o de todos, por saber que un traballo, un bo traballo, se recoñeza e se premie.
Hai algo máis que quixera dicir: estes son os premiados, pero houbo moitos outros que non o foron e que podían selo. Porque había –e aquí sí que penso que no xurado había unanimidade- un moi alto nivel nos demais concursantes. Asegúrovos que para min foi un gozo ler traduccións de textos clásicos, latinos e gregos, dunha pulcritude e acerto moi destacados, ou de linguas pouco habituais, como algunhas centroeuropeas. Mesmo por iso foi tamén moi difícil decidir quen debían se-los nomeados como finalistas ou merecentes de mención especial. Aquí era aínda máis difícil o acerto. Ó cabo, foron nomeados a estes fins Xosé Carballude Blanco e Xosé María Liñeira Reboredo pola traducción Sobre a amizade de Cicerón e Ana María Valladares Fernández pola traducción de O espertar de Kate Chopin.
Todo isto quere dicir que estamos no bo camiño, que así hai que seguir, que os premiados deben alegrarse, pero tamén os que non pudieron selo, que case seguro que o van ser nas vindeiras edicións. Haberá sitio e tempo para todos.
Moitas gracias.