Vilagarcía de Arousa, 26 de xaneiro de 2002.
Sobre a traducción en Galicia
“Longo sería facel-a historia do influxo das traduccións no desenrolo das literaturas”.
(Plácido Castro, Lois Tobío e Delgado Gurriarán)
Estas palabras pertencen ó limiar do libro Poesía inglesa e francesa vertida ao galego publicado en 1949 pola editorial Alborada de Buenos Aires.
Hoxe, 52 anos máis tarde, dous dos seus autores, Plácido Castro e Lois Tobío, volven estar xuntos neste premio de traducción. Desde esa primeira cita na emigración ata o encontro de hoxe hai medio século de traballo, primeiro lento e espaciado, agora xa algo movido e menos ventureiro. Todo este tempo está cuberto por un grupo de traductores entre os que sobresae o inxente labor de Valentín Arias. As bibliotecas galegas quedarían ben reducidas se desaparecesen dos seus andeis as traduccións que pasaron polas súas mans.
Cando hai vinte anos iniciamos a colección «Xabarín» con traduccións de clásicos universais de literatura xuvenil, pediamos en público a aparición dun Xulio Verne galego. E, aínda que Méndez Ferrín dicía que non era nada doado, que nin a lingua inglesa tiña o seu Xulio Verne, nós hoxe temos autores propios distinguidos co Premio «Lazarillo» e co Premio Nacional de Literatura Infantil que xa están traducidos a outros idiomas de cultura. A programación daquelas traduccións de literatura xuvenil algo ten que ver co desenvolvemento e éxito máis alá das nosas fronteiras da nosa literatura, dos nosos literatos como Agustín Fernández Paz, Manuel Rivas, Fina Casalderrei, Xabier P. Docampo ou Suso de Toro, autores hoxe presentes en moitos centros escolares fóra de Galicia. Aquí temos un dato para esa historia, longa de facer, da influencia da traducción na nosa literatura.
Esta celebración do primeiro Premio Plácido Castro podería dar a falsa imaxe dunha visión optimista do mundo da traducción en Galicia. É ben certo que hoxe temos estudios universitarios de traducción na Universidade de Vigo; que dispoñemos dunha publicación especializada, Viceversa. Revista galega de traducción; que celebramos cada dous anos un Simposio Galego de Traducción, onde acoden expertos de distintas universidades e escolas de traducción; que temos na rede a Biblioteca Virtual www.bivir.com; que a televisión pública galega emite ó ano centos de películas dobradas, cada vez menos mal, en galego. O mundo da traducción en Galicia chegou xa a ser tema de estudio e hai dous anos que Beatriz Real Pérez presentou na Universidade da Coruña a súa tese de doutoramento A traducción no sistema literario galego (1787-1993) onde dá información das 2398 obras ou fragmentos traducidos ó galego nese longo espacio de tempo. Precisamente a partir de 1993, a nosa revista Viceversa dá información anual de tódalas obras traducidas ó galego, información debida nos últimos números ó profesor Gonzalo Constenla.
Todo isto é ben certo; pero na outra cara da moeda temos unha tendencia á baixa na traducción editorial, e así podemos constatar que en 1990 houbo en Galicia 136 libros traducidos ó galego sobre un total de 577 títulos publicados nesta lingua. Isto representa un 23,5%, porcentaxe semellante á rexistrada polas traduccións de toda España. Dez anos máis tarde, en 1999, de 1333 libros editados en galego houbo só 86 títulos de obras traducidas doutras linguas, un recortado 6,4%; curiosamente case a mesma cantidade de obras galegas traducidas ás outras linguas de España, 89 títulos no ano 2000.
Pensando que esa situación equilibrada de entradas e saídas de textos, para dentro e fóra da lingua galega, era o ideal, bautizamos a nosa revista co nome de Viceversa; pero este equilibrio actual é mera aparencia, pois o mercado galego ten a oferta da literatura universal, do ensaio e da ciencia case exclusivamente en castelán e con miles de títulos cada ano. A producción actual de traduccións galegas non dá para manter nin a media promoción dos traductores que saen cada ano da universidade de Vigo. Hoxe por hoxe en Galicia a licenciatura de traducción produce uns profesionais que a sociedade galega non demanda, dado o nivel de vida cultural do pais. Pero cremos que é totalmente imposible elevar o nivel de vida cultural de Galicia sen traducir ó galego os textos que traducen as sociedades europeas xa normalizadas como por exemplo a portuguesa ou a dinamarquesa.
Ante esta situación quero traer aquí unha conclusión do último simposio de traducción celebrado na Universidade de Vigo en nadal do ano 2000, que tiña como tema «Traducir ciencia ó galego». Sería un paso adiante para a nosa sociedade propiciar, por parte dos responsables de política lingüística, que a literatura médica que acompaña ós cen medicamentos de máis consumo en Galicia, estea tamén en lingua galega. A Asociación de Traductores Galegos ofrece os seus servicios e competencia para levar adiante un programa que normalice un novo campo da comunicación lingüística en Galicia e que cree novas posibilidades laborais ós novos traductores que xa temos e aínda non merecemos.
Finalmente brindo, nesta primeira convocatoria do Premio Plácido Castro, para que todos os presentes e ausentes responsables poidamos non moi lonxe, noutra xuntanza como esta, encher a nosa boca coas palabras que León Felipe escribía no seu ben asimilado Canto a min mesmo:
Esta é…a mellor hora para brindar polo home
con cancións doutras latitudes, trasladas ó noso discurso.
E ¡que alegría cando sentimos que estes zumes estraños son tamén para nós,
que nada lle resulta áspero nin amargo ó noso padal!
O noso padal –o padal galego– non perderá os sabores propios se sabe gozar dos alleos.
Xulián Maure Rivas
Presidente da ATG