Acta da reunión do xurado do Premio de Tradución Plácido Castro 2021 (Cambados, 2 de Setembro de 2022)

Acta da reunión do xurado do Premio de Tradución Plácido Castro 2021 (Cambados, 2 de Setembro de 2022)

Reúnese en Cambados, na sede da Fundación Plácido Castro, o 2 de Setembro de 2022 o xurado da XXª edición do Premio de Tradución Plácido Castro, correspondente ó ano 2021.

O xurado está composto polos seguintes membros: D.ª Olga López López (Xunta de Galicia), Dª. Beatriz Fariñas (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación), D. Ramón Caride Ogando (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), D. Alberte Álvarez Lugrís (Departamento de Tradución da Universidade de Vigo), D. Xavier Senín Fernández (Real Academia Galega), D. Xulio Ríos (Presidente de Honra do IGADI), quen actúa en calidade de secretario do xurado en representación da Fundación Plácido Castro, con voz pero sen voto.
O obxectivo deste premio é destaca-la calidade das traducións dos clásicos da literatura universal que a Biblioteca Virtual bivir publica periodicamente na súa páxina web http://www.bivir.com nunha iniciativa que pretende a un tempo colaborar no proceso de normalización da lingua do país e contribuír a enriquece-lo universo literario galego mediante a versión dos autores consagrados que escribiron noutras linguas. Ademais, tamén puideron concorrer outras obras editadas en formato papel e non publicadas en bivir.com remitidas á Fundación a efectos de participar no premio así como as propostas polos propios membros do xurado.

Sendo que as bases da convocatoria do premio indican que no fallo do xurado se terán en conta a calidade da tradución galega, a relevancia para o noso sistema cultural da obra traducida, as dificultades intrínsecas da lingua de partida e a súa distancia cultural e a envergadura do proxecto de tradución, o xurado, tras as súas deliberacións, por unanimidade dos presentes, acorda:

  • 1. Expresa-la súa satisfacción polas traducións presentadas e significar a importancia da tradución no sistema literario galego.
  • 2. Outorgarlle o premio Plácido Castro 2021 á tradutora María Alonso Seisdedos pola obra Canto jo i la muntanya balla/Canto eu e a montaña baila, de Irene Solá.
  • 3. O xurado destaca o valor da novela de aparencia sinxela pero de construción complexa, con pluralidade de voces narrativas, que sinala unha perfecta adaptación dos rexistros da lingua de orixe, reflectindo a súa oralidade con altas doses de precisión. Así mesmo, logra manter o ritmo da narración respectando a atípica puntuación do orixinal.

E para que así conste, asínase a presente a 2 de Setembro de 2022.

Xavier Senín Fernández Olga López López Alberte Álvarez Lugrís

Bea Fariñas Ramón Caride Ogando Xulio Ríos