Reúnese en Cambados, na sede da Fundación Plácido Castro, o 7 de setembro de 2023 o xurado da XXIª edición do Premio de Tradución Plácido Castro, correspondente ó ano 2022.
O xurado está composto polos seguintes membros: D.ª Ánxela Gracián (Xunta de Galicia), Dª. Beatriz Fariñas (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación), Dª. Andrea F. Maneiro (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), Dª. Ana Luna Alonso (Departamento de Tradución da Universidade de Vigo), D. Xosé Antón Palacio Sánchez (Real Academia Galega), e D. Xulio Ríos (Presidente de Honra do IGADI), quen actúa en calidade de secretario do xurado en representación da Fundación Plácido Castro, con voz pero sen voto.
O obxectivo deste premio é destaca-la calidade das traducións dos clásicos da literatura universal que a Biblioteca Virtual bivir publica periodicamente na súa páxina web http://www.bivir.com, nunha iniciativa que pretende a un tempo colaborar no proceso de normalización da lingua do país e contribuír a enriquece-lo universo literario galego mediante a versión dos autores consagrados que escribiron noutras linguas. Ademais, tamén puideron concorrer outras obras editadas en formato papel e non publicadas en bivir.com remitidas á Fundación para o efecto de participar no premio así como as propostas polos propios membros do xurado.
Sendo que as bases da convocatoria do premio indican que no veredicto do xurado se terán en conta a calidade da tradución galega, a relevancia para o noso sistema cultural da obra traducida, as dificultades intrínsecas da lingua de partida e a súa distancia cultural e a envergadura do proxecto de tradución, o xurado, tralas súas deliberacións, por unanimidade dos presentes, acorda:
- Expresa-la súa satisfacción polas traducións presentadas e esaltar a importancia da tradución no sistema literario galego.
- Outorgarlle o Premio Plácido Castro 2022 ex aequo á tradutora Eva Almazán pola obra O ano do pensamento máxico/The Year of Magical Thinking, de Joan Didion; e a Xosé Antón Parada Fernández, pola obra Código de Hammurabi e outras compilacións legais de procedencia babilónica.
- No caso de Eva Almazán, o xurado destaca a excelencia da obra, de aparencia sinxela pero coa dificultade engadida dos diferentes cambios de rexistro. Salienta tamén a elegancia da tradución, por outra banda tan efectiva como a orixinal.
- No caso de Xosé Antón Parada Fernández, destaca a excepcionalidade e dificultade da tradución directa dende unha lingua tan afastada do noso sistema como o acadio, realizada con enorme meticulosidade e numerosas anotacións complementarias. Resalta tamén que se trata dunha obra fundamental na historia da humanidade.
E para que así conste, asínase esta acta a 7 de setembro de 2023.
Xosé A. Palacio Sánchez
Ánxela Gracián
Ana Luna Alonso
Bea Fariñas
Andrea F. Maneiro
Xulio Ríos