A Fundación Plácido Castro da que forman parte os concellos de Corcubión, Cambados e Vilagarcía de Arousa, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación e o IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), convoca o Premio Plácido Castro de Tradución destinado a promover versións en lingua galega das grandes obras da literatura universal, con especial atención á súa presenza en Internet e as traducións para o galego de obras doutras linguas. Lémbrase, deste xeito, a figura de Plácido Castro, humanista, liberal, cosmopolita, símbolo da universalidade do nacionalismo galego que quixo estimular coas súas traducións a recuperación explícita da nosa identidade.
- 1.Poderán participar na convocatoria da vixésima edición do Premio Plácido Castro de Tradución obras traducidas ao galego e publicadas no ano inmediatamente precedente en formato papel ou dixital. Tamén poderán concorrer as obras libres de dereitos e publicadas na biblioteca virtual http://tradutoresgalegos.com/bivir.html pola persoa que as asina, ou xa entregadas e pendentes de publicación en BiVir.
- 2. A presentación como candidata ao premio implica a conformidade coas presentes bases.
- 3. As obras que concorran ao premio enviaranse á sede da Fundación Plácido Castro, sita en Rúa Nova, 4 36630 Cambados, Pontevedra, ou por correo electrónico a presidencia@agpti.org ou info@igadi.gal, antes do 1 de maio de 2023. Igualmente, os membros do xurado tamén poderán formular propostas por propia iniciativa.
- 4. O xurado do Premio estará composto por cinco persoas en representación das seguintes institucións: Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación (AGPTI), Real Academia Galega, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo e Xunta de Galicia. Actuará como secretario con voz e sen voto unha persoa en representación da Fundación Plácido Castro. Estará facultado para resolver calquera dúbida a propósito destas bases e poderá instar o asesoramento que considere oportuno.
- 5. O xurado terá en conta fundamentalmente os seguintes criterios: corrección lingüística e ortotipográfica, calidade da versión, criterios de lectura e interpretación do orixinal, relevancia da obra nas culturas de orixe e chegada e adaptación ao destinatario.
- 6. O xurado dará a coñecer de inmediato a identidade da persoa premiada e fará públicas as razóns nas que se fundou para a concesión do premio.
- 7. O premio consistirá nun diploma acreditativo e unha peza escultórica deseñada expresamente para o concurso, obra de Xaquín Chaves. Así mesmo, estará dotado con 2.000 euros.
- 8. A entrega do Premio terá lugar no lugar e data que sinale a Fundación Plácido Castro.