Reúnese en Cambados, na sede da Fundación Plácido Castro, o 2 de setembro de 2024 o xurado da XXIIª edición do Premio de Tradución Plácido Castro, correspondente ó ano 2023.
O xurado está composto polos seguintes membros: D. Xesús Riveiro Costa (Xunta de Galicia), Dª. Patricia Buxán (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación), Dª. Andrea F. Maneiro (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), D. Xosé María Gómez Clemente (Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo), D. Xulio Ríos (Real Academia Galega) e D. Jacobo Domínguez Pedreira, quen actúa en calidade de secretario do xurado en representación da Fundación Plácido Castro, con voz pero sen voto.
O obxectivo deste premio é destaca-la calidade das traducións dos clásicos da literatura universal que a Biblioteca Virtual BIVIR publica periodicamente na súa páxina web http://www.bivir.com, nunha iniciativa que pretende a un tempo colaborar no proceso de normalización da lingua do país e contribuír a enriquece-lo universo literario galego mediante a versión dos autores consagrados que escribiron noutras linguas. Ademais, tamén puideron concorrer outras obras editadas en formato papel e non publicadas en bivir.com remitidas á Fundación para o efecto de participar no premio así como as propostas polos propios membros do xurado.
Sendo que as bases da convocatoria do premio indican que no veredicto do xurado se terán en conta a calidade da tradución galega, a relevancia para o noso sistema cultural da obra traducida, as dificultades intrínsecas da lingua de partida e a súa distancia cultural e a envergadura do proxecto de tradución, o xurado, tralas súas deliberacións, por unanimidade dos presentes, acorda:
- Expresa-la súa satisfacción polas traducións presentadas e resaltar a importancia da tradución no sistema literario galego.
- Outorgarlle o Premio Plácido Castro 2023 a Tamara Andrés e Oriana Méndez pola obra “As iluminacións”, de Arthur Rimbaud.
- O xurado destacou a especial dificultade da tradución que ofrece unha nova achega a un autor fundamental da literatura universal. Igualmente, mantén a capacidade de evocación das imaxes e textos orixinais así como a sonoridade. Por último, ofrece unha versión creativa particular que enriquece vivamente a compresión lectora.
E para que así conste, asínase esta acta a 2 de setembro de 2024.
Xesús Riveiro Costa
Xosé María Gómez
Clemente Xulio Ríos
Patricia Buxán
Andrea F. Maneiro
Jacobo Domínguez