Acta da reunión do xurado do Premio Plácido Castro de Tradución 2025
Cambados, 12 de setembro de 2026
Reúnese en Cambados, na sede da Fundación Plácido Castro, o 12 de setembro de 2026 o xurado da XXIVª edición do Premio de Tradución Plácido Castro, correspondente ó ano 2025.
O xurado está composto polos seguintes membros: D.ª Ánxela Gracián (Xunta de Galicia), Dª. Monica Caldeiro (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación), Dª. Andrea Fernandez Maneiro (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), Dª. Ana Luna Alonso (Departamento de Tradución da Universidade de Vigo), D. Xosé María Gómez Clemente (Real Academia Galega), e D. Jacobo Domínguez Pedreira (Secretario da Fundación Plácido Castro), quen actúa en calidade de secretario do xurado en representación da Fundación Plácido Castro, con voz pero sen voto.
O obxectivo deste premio é destacar a calidade das traducións de obras clásicas da literatura universal e doutras obras de notable calidade, nunha iniciativa que pretende a un tempo colaborar no proceso de normalización da lingua do país e contribuír a enriquece-lo universo literario galego mediante a versión dos autorías consagrados que escribiron e escriben noutras linguas. Puideron concorrer obras publicadas en formato papel no ano 2025 remitidas á Fundación.
Sabendo que as bases da convocatoria do premio indican que no veredicto do xurado se terá en conta o traballo tradutolóxico realizado pola autora ou autor da tradución, que incluirá, entre outros aspectos, a corrección lingüística, a calidade da versión, a dificultade do orixinal, os criterios de lectura e interpretación do orixinal, a adaptación ao lectorado e a relevancia da obra nas dúas culturas, o xurado, tralas súas deliberacións, por maioría dos presentes, acorda:
- Expresa-la súa satisfacción polas traducións presentadas e eloxia-la importancia da tradución no sistema literario galego.
- Animar as editoriais a destacar na portada dos libros o nome dos tradutores e tradutoras para unha merecida valoración do seu traballo, así como a coidar e revisar as edicións tanto a nivel ortotipográfico coma lingüístico.
- Outorgarlle o XXIV Premio Plácido Castro 2025 á tradutora Patricia Buxán Outeiro, pola obra Un cuarto propio de Virginia Woolf da editorial Aira.
- O xurado destaca a excelencia da tradución por, entre outros motivos, recrear as peculiaridades da escrita da autora, a riqueza lingüística empregada e o ritmo conseguido. Cómpre destacar tamén que a tradutora soubo trasladar o estilo ensaístico-literario da obra orixinal ao galego, cunha escolla léxica e sintáctica axeitada. Débese sinalar o excelente traballo de documentación que aparece, especialmente, nos paratextos tan enriquecedores, así como a dificultade de manexar a diversidade textual da obra. Por último, hai que pór de relevo a importancia da recepción que pode ter o texto entre o público lector galego polo feito de tratar temas de enorme vixencia.
E para que así conste, asínase esta acta a 12 de setembro de 2026.