Bases da XXIV Edición do Premio Plácido Castro de Tradución

Bases da XXIV Edición do Premio Plácido Castro de Tradución

XXIV Premio de Tradución Plácido Castro

Bases

A Fundación Plácido Castro, da que forman parte os concellos de Cambados, Catoira, Corcubión e Vilagarcía de Arousa, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), convoca o Premio Plácido Castro de Tradución, destinado a promover versións en lingua galega de obras literarias doutras linguas. Lémbrase, deste xeito, a figura de Plácido Castro, humanista, liberal, cosmopolita, símbolo da universalidade do nacionalismo galego, que quixo estimular coas súas traducións a recuperación explícita da nosa identidade. 

 

  1. Poderán participar na convocatoria da vixésimo cuarta edición do Premio Plácido Castro de Tradución obras traducidas ao galego e publicadas no ano inmediatamente precedente (2025) en formato papel ou dixital. En ningún caso se poderán presentar obras cuxas autoras ou autores recibisen este galardón nalgunha das tres edicións anteriores.
  2. Poderán presentar candidaturas tanto tradutoras e tradutores coma editoriais, sen que exista un límite de obras por tradutora ou tradutor.
  3. A presentación como candidata ao premio implica a conformidade coas presentes bases. 
  4. O xurado do premio estará composto por cinco persoas que actuarán en representación das institucións seguintes: Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI), Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, Real Academia Galega e Xunta de Galicia. Actuará como secretario con voz e sen voto unha persoa en representación da Fundación Plácido Castro. Estará facultada para resolver calquera dúbida a propósito destas bases e poderá instar o asesoramento que considere oportuno. 
  5. As candidaturas que se presenten ao premio estarán compostas pola documentación seguinte:
    1. Unha mostra de entre 5 e 10 páxinas representativas do libro, en PDF. Non será preciso que sexan as páxinas iniciais do libro nin que se trate de páxinas consecutivas.
    2. Unha breve xustificación da proposta, dun máximo de 1000 palabras e en PDF, na que se terán en conta os criterios de valoración que figuran no punto 10 destas bases. 
  6. As candidaturas enviaranse por correo electrónico ao enderezo info@igadi.gal antes do 7 de marzo de 2026
  7. Aceptaranse obras de calquera xénero literario, sempre e cando se trate de versións íntegras.
  8. Entre as candidaturas presentadas, cada membro do xurado escollerá unha obra preferente e unha suplente. As obras preferentes conformarán as finalistas. Só se recorrerá ás obras suplentes nos casos seguintes:
    1. De forma obrigada, se houber dúas ou máis obras dunha mesma tradutora ou tradutor. Deste xeito, exclúese a posibilidade de que unha persoa sexa finalista con dúas ou máis obras.
    2. De forma opcional, se houber coincidencia entre membros do xurado e se quixer esgotar o número máximo (cinco) de finalistas.
  9. Do máximo de cinco obras finalistas, que se darán a coñecer ao público, a Fundación será a responsable de facerse cos exemplares, que enviará aos membros do xurado para a súa valoración.
  10. Os membros do xurado terán en conta, tanto na preselección de finalistas coma na selección da obra gañadora, os criterios de valoración seguintes e atendendo a esta orde de preponderancia:
    1. O traballo tradutolóxico realizado pola autora ou autor da tradución, que incluirá, entre outros aspectos, a corrección lingüística (tanto de estilo coma de ortotipografía), a calidade da versión, a dificultade do orixinal, os criterios de lectura e interpretación do orixinal, a adaptación ao lectorado etcétera.
    2. A relevancia da obra nas dúas culturas.
  11. O xurado reunirase en setembro para deliberar e dará a coñecer de inmediato a identidade da persoa premiada. Fará públicas as razóns nas que se fundou para a concesión do premio.
  12. O premio consistirá nun diploma acreditativo e unha peza escultórica deseñada expresamente para o concurso, obra de Xaquín Chaves. Así mesmo, estará dotado con 3000 euros.
  13. A entrega do premio terá lugar no lugar e data que sinale a Fundación Plácido Castro.