Intervención de Francisco Fernández Rei na entrega do Premio

Intervención de Francisco Fernández Rei na entrega do Premio

Cambados, 25 de xaneiro de 2003.
Plácido Castro e as traduccións ó galego
Quero manifestar, ante todo, a miña satisfacción por formar parte do xurado do II Premio de Traducción Plácido Castro, en representación da Real Academia Galega; e así mesmo quero manifesta-la ledicia que me produce estar na vila onde nacín e me criei, no salón de plenos da súa Casa do Concello onde nunca estivera, para intervir no acto de entrega dun premio de traducción ó galego co que se fechan os diversos actos do Centenario do galeguista que dá nome ó devandito premio.

1. A Fundación Plácido Castro fixo en pouco tempo un grande esforzo no estudio e divulgación do fondo compromiso que tivo con Galicia Plácido Ramón Castro del Río, nado en Corcubión o 25 de xaneiro de 1902 e morto en Cambados o 17 de xullo de 1967. Formado en Glasgow e Londres, este traductor e xornalista participara na asemblea de constitución do Partido Galeguista, fora membro do seu Consello Permanente e promovera en 1936, con Álvaro de las Casas, a Asociación de Escritores Galegos.

Home dunha fonda visión universalista de Galicia, a pesar do seu labor de entrega á causa galeguista practicamente era un descoñecido. Cando hai uns catro anos lin no xornal electrónico Vieiros a noticia de que se ía crear unha fundación dedicada a Plácido R. Castro del Río, chocoume que un dos promotores fose o Concello de Cambados. Preguntábame que tiña que ver con Cambados ese galeguista que eu vagamente asociaba cos Villar Ponte e con algunha traducción de Yeats, pero do que, en realidade, case nada sabía.

Despois de que a Fundación botase a andar e logo de ler algún traballo de Xulio Ríos decateime de que ese Plácido R. Castro del Río tiña que ver con Cambados. Que era D. Plásido o Inglés, como na vila lle chamaba moita xente, aínda que para min (e para amigos da infancia) sempre foi o pai dos ingleses, o pai dos xemelgos Ramón e Antonio nados en Inglaterra (e se cadra chamados aí en homenaxe ós irmáns Villar Ponte, como non hai moito me comentaba Susi Castro Sineiro, filla de D. Plácido e presidenta da súa Fundación). Con eses xemelgos teño falado e enredado no paseo da Calzada, feito sobre un antigo areal que unía Fefiñáns con Cambados; e por este paseo cantado por Cabanillas lembro ter visto moitas veces a D. Plásido camiño da súa casa, derrubada no final do franquismo para construír esa torre de pisos tan rechamante que hai na Calzada.

Por Xoán Antonio Pillado souben que Plácido Castro, nos pasados anos 20, viña a veranear a Cambados coa súa nai e que paraban no Hotel Calixto, do que se conserva o edificio nesta mesma praza do Concello. Quen viña de visita a Cambados e quen ía ós baños á illa do Louxo (a turística Toxa) adoitaba parar na Fonda de Calixto Pereira, logo reconvertida en hotel, para o que Castelao sobre 1910 fixo tarxetas publicitarias e decorou o local co cadro O cego de Padrenda, o popular gaiteiro Eugenio de Padrenda. Nos anos da Dictadura de Primo de Rivera, o culto veraneante Plácido Castro que paraba na “Fonda de Calistre”, como aínda che chaman os vellos ó que fora hotel, tivo que apreciar un forte contraste entre a pobre situación política de Cambados e a esplendorosa situación cultural da vila, na que sobranceaban o poeta Ramón Cabanillas e o escultor Franscisco Asorey como figuras que xa daquela transcendían incluso o ámbito galego, tal como ten sinalado Xoán Antonio Pillado.

2. En representación da Real Academia Galega formei parte do “Premio Nacional á mellor traducción” do ano 2001 que anualmente organiza o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte para premiar unha traducción dunha lingua estranxeira a calquera das catro linguas oficiais do estado español. Dada a miña total inexperiencia neses premios do Estado, e aínda que tiña liberdade absoluta para facer propostas das que só era responsable ante a miña conciencia, teño que recoñecer que, de entrada, asustábame bastante facer unha escolla, porque desde había anos traducíase moito ó galego, e ben. E porque non é cousa doada valorar unha traducción.

Pero tiven sorte, porque a ceifa de traduccións galegas do 2000 fora moi boa, con versións de clásicos universais e de obras moi recentes que podían ser dignas merecedoras do “Premio Nacional á mellor traducción” do ano 2001. No 2000, de orixinal francés editáranse Os tres mosqueteiros de Alexandre Dumas, en versión de Darío Xohán Cabana, e A Viaxe de Baldassare de Amin Maalouf, traducida por Xavier Queipo e Mª Dolores Torres, que aparecera ó mesmo tempo ou un pouquiño antes cá versión castelá; de orixinal inglés publicárase Unha festa móbil de Ernest Hemingway, traducida por Xesús Araúxo Arias e Frankestein ou o moderno Prometeo de Mary Shelley, en versión de Fernando R. Tato Plaza; e desde o portugués Moncha Fuentes puxera en galego A Loba de Bento da Cruz. Calquera destas obras, e algunha outra, tiña calidade abonda para optar ó premio estatal de traducción, que xa conseguira a versión galega do Pinocchio feita por Antón Santamarina alá polos anos 80 e que nese ano 2001 obtivo Joan Francesc Mira pola versión ó catalán da Divina Comedia de Dante.

Ademais, tiña que eu facer propostas de candidatos para o “Premio Nacional á obra dun traductor” onde se premia o labor de toda unha vida. Neste caso, afortunadamente, hai xente que leva moitos anos traballando e vertendo ó galego monumentos da literatura universal. O patriarca hoxe é Luís Tobío Fernández, que en 1949 fixo unha traducción de poesías inglesas e francesas, en colaboración con Plácido Castro e Delgado Gurriarán; e a Tobío debémoslle versións de obras literarias alemanas, como a Nai coraxe e os seus fillos de Brecht, os Sonetos a Orféu de Rilke e o magnífico Fausto de Goethe, que obtivo o I Premio Plácido Castro, compartido con Valentín Arias, outro clásico no campo da traducción galega, como o é Basilio Losada. Entre os “novos” cun xa longo oficio na traducción salientan, entre outros, Xavier Rodríguez Baixeras, Henrique Harguindey, Darío Xohán Cabana e Manuel Outeiriño.

Participar nestes premios de traducción do Ministerio, onde se premian obras éditas, foi para min unha boa experiencia, que se completou con estoutra do II Premio de Traducción Plácido Castro, onde se valoran obras inéditas en soporte de papel, pero todas elas presentes en Internet na web bivir.com da Asociación de Traductores Galegos, integrada na Fundación Plácido Castro xunto co Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) e cos concellos de Cambados e Vilagarcía da Arousa.

Ó estaren as obras en Internet, calquera persoa e desde calquera lugar do mundo, pode consultalas e, por suposto, valorar se o xurado estivo atinado ou non no seu fallo. Os meus parabéns ós gañadores e a tódolos presentados a este premio, por anosaren obras da cultura universal; e parabéns ós organizadores por faceren posible un premio que estimula a traducción, desde unha fundación privada, despois de que a Xunta de Galicia eliminase o Premio de Traducción Ramón Cabanillas, como eliminou o Premio Álvaro Cunqueiro de teatro.

3. O nivel da vitalidade dunha lingua minorizada como a galega pódese medir de moitas formas. Unha posible é analizar, non a cantidade e a calidade da creación literaria en prosa ou verso, senón a prosa non literaria, a prosa científica producida (ou traducida). E afortunadamente, aínda que queda moito por facer, en galego hai desta prosa, pois escríbese e publícase sobre economía e política, sobre bioloxía e arquitectura ou sobre outras ramas da ciencia, co que desde hai uns anos se demostra que o galego é apto para a expresión de calquera saber e que se pode con el estudiar e difundir calquera aspecto do mundo, desde Galicia e en galego.

Haberá quen pense que o peso demográfico da nosa lingua é moi cativo e que non paga a pena investir tantos cartos en editar prosa científica (e traducións). Efectivamente, o galego ten un tamaño pequeno comparado co do alemán ou do español, pero non é tan cativo se pensamos que os 2,5 millóns aproximados de galegofalantes son a metade dos 5 millóns que falan danés ou finés; por outra parte, temos tantos falantes como o letón, máis cós 2 millóns do esloveno e bastantes máis có millón e medio que fala estoniano. Letón, esloveno e estoniano, linguas de recentes estados, non han tardar moito en seren linguas oficiais da UE.

As traduccións das grandes obras da literatura universal poden ser outra excelente fonte para ver cal é a vitalidade social dun idioma en situación de minorización. E polo que puiden apreciar como membro do xurado do II Premio de Traducción Plácido Castro, a pesar de que aínda faltan ferramentas lingüísticas que o traductor ten que suplir con moito esforzo, en conxunto apréciase un gran nivel no galego das traduccións. E así o fixo constar o xurado na acta da sesión do pasado 18 de xaneiro en Baiona.

Boa proba disto é a obra gañadora, Pola banda de Swann, libro I de Á busca do tempo perdido do francés Marcel Proust, obra canónica da literatura universal, cunha sintaxe difícil, con frases moi longas e moita oración subordinada, que Xesús Riveiro con acerto soubo verter ó galego. Hai léxico e fraseoloxía do galego literario, pero tamén do galego oral, seguramente do que Riveiro aprendeu da xente da Costa da Morte de onde é orixinario, da costa de Carnota tan castigada desde hai semanas polo piche do Prestige.

E calidade teñen as dúas obras finalistas, que poderán participar na convocatoria do vindeiro ano. Alexandra Koss fixo unha excelente traducción de Os contos de Antón Chekhov, que soan a galego do comezo ó final, a pesar da gran distancia lingüística e cultural que hai entre o ruso, lingua de partida, e o noso idioma. Emma Lázare, no conto O cura de Tours do francés Honoré de Balzac fai que o lector se enganche e non o deixe ata o remate, pola gracia do conto e pola boa traducción. Nestes anos Lázare fixo traducións doutros textos franceses, pero tamén realizou o proceso inverso, pois trasladou ó francés capítulos do Amor de Artur de Méndez Ferrín.

Neste II Premio de Traducción Plácido Castro houbo outros traballos que tamén foron finalistas, que sen dúbida serían merecentes de honra e comentario neste acto; pero as bases só establecen a concesión dun premio e de dous finalistas.

4. Os galeguistas e nacionalistas da Xeración Nós e os do Seminario de Estudos Galegos, onde se encadraría xeracionalmente Plácido R. Castro del Río, tiñan moi claro que galeguismo e universalismo eran totalmente compatibles, que se podía estar no mundo en galego, e que a lingua propia de Galicia era apta para traducir textos de calquera das grandes linguas da cultura universal. Plácido Castro demostrouno ben ó longo da súa vida. En 1935 traduciu, xunto cos irmáns Villar Ponte, folk-dramas de Williams B.Yeats, escritor irlandés que loitara pola independencia da súa patria e que acadara o Nóbel de literatura en 1923; e no franquismo, á parte das traduccións de poesía inglesa e francesa en colaboración con Tobío e Gurriarán a que antes me referín, Plácido Castro traduciu obras como As Rubáyiát de Omar Khayyám, sobre unha traducción inglesa de E. Fitzgerald.

En 1926, no número 32 da revista Nós, apareceron en versión galega varias páxinas do Ulysses de James Joyce, obra que revolucionou a narrativa do séc. XX despois da súa publicación en 1922. Ramón Otero Pedrayo, que sempre estivo ó tanto da cultura moderna, era quen asinaba esa traducción do Ulysses, a primeira nunha lingua hispánica, de exceptuarmos “La última hoja del Ulises”, de 1925, en versión de Jorge Luís Borges. A versión francesa da novela de Joyce aparecería en 1929.

Se pasamos á noite do franquismo, en 1956 Ramón Piñeiro e Celestino Fernández de la Vega editaron en galego a Esencia da verdade de Heidegger, antes de que o orixinal alemán Von Wessen der Wahreit aparecese en castelán. Estes dous galeguistas editaran en 1952 o Cancioneiro (o Altkeltische Dichtungen) de Julius Pokorny, premio de traducción da Editorial Bibliófilos en 1951, do que fora finalista a versión galega dos Carmina de Horacio feita por Aquilino Iglesia Alvariño.

Nos últimos anos, na revista A Trabe de Ouro teñen aparecido en versión galega textos de autores universais dos que non se coñecía obra en castelán, como ocorreu coa escolma ventureira que en 1994 Manuel Outeiriño fixo da poesía de Seamus Heaney, uns anos de que lle desen o premio Nóbel de Literatura a este escritor irlandés de escrita inglesa. Desde o primeiro número da Trabe en 1990, editáronse en galego diversos ensaios (ás veces inéditos) de grandes filósofos actuais como Badiou, Labica ou Balibar, sempre en versión de Francisco Sampedro. En 1993 a Trabe publicou no orixinal portugués poemas de Kay Rana Xanana Gusmão, hoxe ben coñecido por ser presidente da República de Timor, pero daquela practicamente descoñecido en Galicia. A finais de 2001, na mesma revista, Joaquín Silva puxo en galego unha escolma de poesías do “descoñecido” poeta palestino Mahmud Darwich, un dos máis grandes poetas árabes contemporáneos. Meses máis tarde o nome dese poeta foi noticia nos media cando Israel arrasou en Ramallah a Casa da Cultura palestina (creo que se chamaba así), que o propio Darwich dirixía nesa vila cisxordana sede da Autoridade Palestina.

Como son membro do consello de redacción de A Trabe de Ouro, rogo que os presentes desculpen a inmodestia e a autogabanza. Moita xente en Galicia ignora feitos como os que acabo de citar, pero esta ignorancia é inexplicable, por ex., en traductores galegos que se achegaron a Seamus Heaney despois de serlle concedido o Nóbel. E xa que estamos nun acto onde se premian traduccións galegas creo de xustiza facer unha mención a xente como Manolo Outeiriño, Paco Sampedro e tantos outros, como algúns dos presentes, que caladamente contribúen a anosar cando ocorre no mundo.

O editorial do primeiro número de A Trabe de Ouro encabezábase co texto “Estamos abertos a todos e a todo; teimamos que nada do noso tempo e Terra nos sexa alleo”, tirado de Galiza, unha folla poética que se editou en Mondoñedo o 25 de xullo de 1930 e que contiña poemas de Cunqueiro, Bouza Brey, Blanco Amor, Amado Carballo, Manuel Antonio e outros poetas da xeración de Plácido R. Castro del Río. Estou plenamente convencido que D. Plásido o Inglés subscribiría ese texto, que para a xente da Trabe é un guieiro desde xaneiro de 1990, como estou seguro que o suscribe quen me precedeu no uso da palabra, Xulio Ríos, que desde un edificio fronte ó mar de Baiona está no mundo, e en galego, a través do IGADI.

Se Plácido Castro visitase hoxe a sede deste Instituto sería feliz, como tamén o sería vendo que nestes comezos dun novo milenio o nacionalismo galego e o universalismo son plenamente compatibles, porque o nacionalismo galego segue sendo progresista e tolerante; e ó igual que no séc. XX, o nacionalismo é a avanzada na democratización e modernización de Galicia.

Remato cunhas palabras de Xulio Ríos, publicadas hai uns días en A Nosa Terra: “O discurso de Plácido Castro, tan actual, debería ser a bandeira de enganche do nacionalismo no mundo”.