Intervención de Xulio Ríos na entrega do Premio

Intervención de Xulio Ríos na entrega do Premio

Cambados, 25 de xaneiro de 2003.
Sr Representante do Concello, Dignísimas autoridades, amigas e amigos,

Benvidos a esta cerimonia de entrega do Premio de Traducción Plácido Castro que na súa segunda edición insiste en celebrar dobremente o natalicio do autor e a reivindicación dunha maior universalización da nosa lingua e cultura, non soamente a través dunha maior presencia no mundo senón da incorporación do mellor do universo literario ao noso idioma ata facelo igual de propio.

Con este acto de hoxe pechamos o ano do Centenario de Plácido Castro, 365 días para lembrar a súa vida, obra e pensamento, que dende a Fundación quixemos aproveitar para desenvolver un maior esforzo por divulgar a súa identidade entre o conxunto da cidadanía e promover iniciativas de reflexión que afondaran en diversos aspectos da súa traxectoria vital.

Realizamos asi, en colaboración co diario O Correo Galego e o semanario A Nosa Terra, dous suplementos monográficos sobre Plácido; tamén na revista cultural Grial se levou adiante un número bi-monográfico sobre a figura de Plácido; editaronse a II e III Conferencia Anual que foron distribuidas por toda Galicia; colaboramos en programas de radio de varias emisoras centrados na súa figura e en numerosas revistas especializadas e diarios se publicaron artigos pontuais; con ediciós do Castro preparamos unha primeira escolma xornalística dos seus traballos en diferentes medios, a través dos que podemos comprender os seus puntos de vista sobre a democracia e o nacionalismo, Irlanda e o celtismo, a acción exterior de Galicia, a simultánea defensa do progreso e a identidade ou a súa perspectiva da literatura e a traducción; programamos e acometemos conferencias e mesas redondas sobre a súa faceta de traductor, humana ou xornalística. A exposición fotobiográfica que pode contemplarse no Auditorio deste Concello vai percorrer numerosos pobos de Galicia dando soporte á presentación dun libro de homenaxe no que participan, entre outros, Fernando Pérez-Barreiro, Alfonso Alvarez Gándara, Valentín Arias, Luís Álvarez Pousa, Álvaro Álvarez Blázquez, Joao Conde Veiga, Daniel Landesa, Sylvia Gómez, David Reinero ou Vicente Araguas, con caricaturas de Cebreiro ou Conde Corbal ou ilustracións inéditas como a de Laxeiro, Xosé Sesto ou Manuel Prego, tesouros da memoria que logramos recuperar xunto a algunhas poesías inéditas.

Aproveito para agradecer a todos a colaboración e apoio prestados.

O noso obxectivo máis inmediato é culminar a compilación da súa obra. É o maior tributo que se pode facer a Plácido e a mellor garantía de que o seu esquecemento non se producirá nunca máis. Poremos asi, a disposición de investigadores e curiosos, do conxunto da sociedade galega, para as xeracións presentes e vindeiras, unha importante obra, hoxe dispersa e descoñecida, que debe sair das catacumbas para ser divulgada, estudiada e valorizada.

Onte, na IV Conferencia Anual, falabamos de europeísmo lembrando o protagonismo de Plácido na proclamación e recoñecemento internacional de Galicia como unha nacionalidade, un feito histórico que Castelao valora acertadamente e antepón no Sempre en Galiza á súa argumentación da condición nacional do noso país, unha condición innegable pese á ignorancia atrevida dos Jiménez de Parga que pululan por aí.

Pero eu quixera hoxe, cando soplan de novo os absurdos ventos da guerra, lembrar tamén o seu pacifismo, un dos piares intelectuais da Galicia, célula de universalidade na que militaban os galeguistas de entón. Plácido viviu episodios convulsos (primeira e segunda guerra mundiais, a guerra civil, os conflictos de Irlanda, etc) e aborrecía a guerra. Dende as súas tribunas xornalísticas, preconizaba a esixencia de responsabilidades aos políticos que desatan conflictos armados e instaba a fiscalización da política exterior por parte dos cidadáns como unha prolongación máis da política interior, salientando a importancia de que sexan os individuos e non os Estados os suxeitos da paz.

Tamén niso estamos con Plácido.

Armemonos de paz democrática.

Moitas gracias e a miña noraboa aos finalistas e ao premiado.