Intervención de Rosario Álvarez Blanco na entrega do Premio

Intervención de Rosario Álvarez Blanco na entrega do Premio

A esta xa IV edición do Premio de Tradución Plácido Castro concorreron 17 obras verquidas ao galego, por outros tantos tradutores, os máis deles aínda sen un nome labrado neste campo profesional e artístico, mais augurio dun futuro moi esperanzador. Os resultados acadados, dun nivel moi notable, a pesar da dificultade intrínseca das máis das obras escollidas, permítennos enxergar un gran futuro, tanto no que se refire ao seu labor individual coma ao conxunto da tradución ao galego.

O ramallo contiña obras moi diversas, sobre todo de narrativa, pero tamén de teatro e poesía. Obras espalladas entre o século XVIII e a creación máis recente. Obras dunha grande densidade conceptual e estilística, e obras cunha bagaxe máis lixeira. En moitos casos, obras recreadoras dun mundo e sociedade moi distantes dos nosos. Todas elas, en definitiva, por unha razón ou outra, son obras que supoñen un reto para o tradutor ou tradutora e supoñen, antes de nada, un acto de valentía e de coraxe, que lles hai que agradecer, e que o xurado valorou moi positivamente.

A maior parte das obras foron verquidas do todopoderoso inglés, e en menor medida do francés, pero non só. Non estraña este xesgo na abundancia, pois ao cabo estas son linguas que teñen detrás de si grandes literaturas coñecidas e recoñecidas por todos, e por tanto con obras que semella imprescindible ofrecer en galego para facer posible un ampla e rica formación cultural a través da nosa lingua. Foi para nós unha satisfacción atopar entre o ramallo tamén obras traducidas do catalán, do portugués, do romanés e, incluso, un conto persa.

Unha grande obra literaria ten unha compoñente que responde de maneira indiscutible ao xenio do seu autor: un individuo xenial pode producir obras xeniais, e é unha mágoa que nin todas as linguas nin todas as culturas dispoñan da súa cota de individuos xeniais capaces de facelo. En grande parte isto ocorre porque non abonda co individuo xenial como flor illada: crea dentro dunha tradición e é escusado pensar que sen ela se poida producir o milagre. Con certeza, nin Ovidio foi o primeiro que poetizou en latín, nin Shakespeare o primeiro que fixo comedias en inglés. A nosa literatura, que xa ten logrado algúns fitos, necesita tamén o seu tempo; e necesítao non só para ir creando o pouso da súa propia tradición, senón para o facer no seo dunha tradición máis ampla que lle chega a través do traballo imprescindible dos tradutores.

O mesmo que se pode dicir das grandes obras literarias pódese dicir tamén das traducións. Por ben escollida que estea a obra e por moi experiente e xenial que sexa o tradutor, é difícil chegar aos máis altos cumes nos albores da tradución a unha lingua. A creación e consolidación dunha tradición permite establecer un chan cada vez máis firme para os seus artesáns, que teñen unha dobre vertente técnica e artística. Por iso a necesidade de promover a tradución ao galego, de esixir aos tradutores que vaian sempre un paso máis aló e de recompensalos por un esforzo (mal retribuído) que nos ofrecen a todos, coma un galano.

Para nós, como xurado, e para a toda a familia dos tradutores, é especialmente emotivo que este premio compartido teña dunha banda a Xela Arias. É un premio merecido por esta obra, á parte de pola súa contribución a este campo, e non só unha cumprida homenaxe. Da outra banda a Moisés Rodríguez Barcia, persoa acreditada entre os profesionais técnicos de tradución, ao que desexamos e demandamos un frutífero labor no futuro.