Vilagarcía de Arousa, 25 de xaneiro de 2005.
Hoxe en Vilagarcía, reunímonos para entregarlle o premio de Tradución Plácido Castro a Xela Arias e Moisés Rodríguez Barcia. Como presidente da ATG quero agradecerlle, en primeiro lugar ao Concello de Vilagarcia, o feito de que nos acolla para realizar este acto. Tamén, en nome da Asociación, quero agradecer o traballo do xurado que outorgou o premio e, evidentemente, o traballo dos tradutores que o gañaron. Con este acto, unha vez màis, lembramos e reivindicamos a figura de Plácido Castro, un dos pioneiros da tradución na Galicia contemporánea que continou, con outros, a xeira, longa, xa iniciada na Idade Media, de presentar na nosa lingua a literatura, o pensamento, as voces das culturas alleas. Tamén quero que este acto teña tamén un carácter de lembranza para unha persoa que xa non está entre nós pero que nos deixou a súa obra: Xela Arias. O Spleen de París de Baudelaire é, grazas a ela, unha obra fermosa escrita na nosa lingua. As calidades do seu traballo fixérona merecente do premio que hoxe entregamos.
A tradución é un dos piares básicos na normalización do uso da lingua en todas as súas facetas (literaria, científica, audiovisual) e xoga un papel transversal que abrangue múltiples actividades e ámbitos sociais, culturais e profesionais. A tradución é unha marca máis da normalidade cultural, unha normalidade que nos permite comunicarnos con outras culturas e que nos enriquece como sociedade e como persoas. En Galicia, no século pasado, a tradución naceu como un compromiso co país, un compromiso que asinaron Plácido Castro, Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro, entre outros e que continuaron tantas e tantas persoas, incluídas as que hoxe reciben o premio. O seu traballo, xunto co das editoriais, a Administración, as Asociacións de Tradutores, a ATG e AGPTI, a Universidade, a Fundación Plácido Castro, fai que hoxe teñamos un conxunto de textos traducidos ao galego, mesmo unha Biblioteca Virtual de Traducións, unha idea de Xulián Maure, que nos permite ser optimistas. Os alicerces están botados e agora cómpre ir construíndo a casa ata poñer o ramo. Como dar termo a este traballo?
En primeiro lugar temos que mirar para atrás e, ao mesmo tempo que nos sentimos compracidos polo traballo feito, enxergar o que non saíu ben. Cómpre un maior implicación da Administración para apoiar a tradución, para apoiar a difusión do libro en xeral, para dinamizar a lectura, tanto de obras autóctonas como das traducidas, para dotar as bibliotecas de fondos suficientes. As editoriais deberían facer maiores esforzos por presentar obras atractivas para o lector e para aumentar o número de obras traducidas. Mesmo a ATG tería que exercer un labor máis visible na sociedade, tentando animar, coordinar e levar adiante os proxectos que cómpren para a tradución no noso país. Tamén é necesario planificar, cómpre organizar o que se traduce e fixarnos obxectivos para o futuro. Isto evitaría certas sensacións de sorpresa que teñen os lectores cando ven certas obras traducidas ao galego. Tamén nos permitiría dirixir a nosa ollada cara determinadas literaturas que non se traducen adoito e fornecerlles aos galegos eses textos que non se poden coñecer mesmo en traducións feitas a linguas achegadas a nós e de doada comprensión. Planificar implica ademais traducir textos científicos e técnicos, crear coleccións de divulgación e de especialidade que sirvan para os nosos estudantes. Planificar implica fixarse no mundo audiovisual: debemos ter a oportunidade de ver películas subtituladas ao galego sen ter que pasar obrigatoriamente polo español. E planificar, por último, implica a formación de tradutores, o ensino de linguas menos difundidas, implica garantir a calidade das traducións.
Todo isto hai que facelo nunha sociedade que estea disposta a ler. Polo tanto, a sociedade galega debe superar ese certo desinterese que ás veces, ou moitas veces, mostra pola súa lingua e a súa cultura, desinterese motivado por unha multitude de factores que sería difícil resumir. Sen unha sociedade dinámica, que demande cantidade e calidade de produtos culturais, nada se pode facer.
Tamén, a partir de agora, teremos que comezar a fixarnos máis noutro aspecto da tradución. A tradución da literatura galega a outras linguas. Temos que entender que para que nos oian temos que falar alto e falar noutras linguas. Debemos apoiar o recoñecemento dos nosos creadores noutros sistemas culturais, debemos vender a calidade das súas obras. Se o conseguimos, poñeremos unha pedra máis para a construción da casa. No congreso da ATG do vindeiro mes de febreiro reuniremos a escritores e os seus tradutores a outras linguas. Será un bo momento para tratar destes temas.
Quero rematar cunhas palabras de Plácido Castro escritas como introdución á súa tradución das Rubáiyat de Omar Kayyám:
“Eu quixera ter a ilusión e a esperanza, e con elo sentiríame plenamente satisfeito, e compensado da mestura de ledicia e tormento que é a traduciòn de un texto amado, se nestes modestos versos galegos tivese ficado un pouco, inda que non fose máis que un reflexo, da beleza do orixinal, ou mellor cabería dicir, neste caso dos orixinais. Tan sequera o suficiente para que algún lector galego puidese experimentar algo da emoción que eu sentín, ha mís anos dos que quixera contar, cando por primeira vez tiven nas mans estas Rubáiyyát de Omar Khayyám e de Edward Fitzgerald”.
Con esta mestura de ledicia e emoción, sen nos esquecer da dureza do traballo, tamén deberemos nós seguir enfrontándonos aos retos que implica un compromiso con labor de traducir á nosa lingua.
Grazas.
Xosé María Gómez Clemente,
presidente da Asociación de Tradutores Galegos.