Intervención de Xulio Ríos na entrega do Premio

Intervención de Xulio Ríos na entrega do Premio

Vilagarcía de Arousa, 25 de xaneiro de 2005.

Sr alcalde, autoridades, membros do Xurado, amigos e amigas,

Quixera, en primeiro lugar, agradecer a hospitalidade do concello de Vilagarcía que, como é tradicional, sempre nos acolle con xenerosidade e afecto, expresión mais dunha colaboración habitual que ven mantendo de xeito activo e comprometido coa Fundación Plácido Castro dende a súa constitución, aquí mesmo, nesta vila, o 5 de abril de 2001. Quero recoñecer aquí o excelente labor de apoio desenvolvido dende entón por Roberto Araújo, concelleiro de Cultura.

Espero, sinceramente, que todos gozasen con este DVD, a última entrega da Fundación que preside Susi Castro Sineiro, e que dende aquela data, con escasos medios e múltiples vontades, procura o desenvolvemento de iniciativas que permitan ao conxunto da nosa sociedade, coñecer mellor a vida, a obra e o pensamento de Plácido Castro. Este DVD vai contribuír, de seguro, a valorizar mais esta figura, comezando polo elemental labor de divulgación. Noso agradecemento tamén a todos os que o fixeron posible.

Froito do esforzo destes poucos anos de traballo, nos que mediou o centenario do seu nacemento (2002) hoxe contamos con varios libros publicados que recollen parte da súa obra xornalística ou poética; suplementos e monográficos de varios xornais; unha exposición que leva percorrido numerosos concellos de Galicia e que se atopa permanentemente en ruta polo país adiante; relatorios en diversos Congresos, etc. Naturalmente non faltamos á cita co seu natalicio que serve de escusa para convocar unha Conferencia Anual, que vai xa pola súa 6ª edición, e que celebramos o pasado martes en Vigo, evocando o significado da súa obra tradutora, tan importante e avanzada para o seu tempo, como dixeron Valentín Arias e Alberto Á. Lugrís. A edición dos textos destas Conferencias supón unha garantía mais de perennidade.

Propiciamos igualmente unha homenaxe no pasado mes de setembro de 2003, para lembrar a súa decisiva participación no Congreso de Nacionalidades Europeas setenta anos antes, en representación do Partido Galeguista, alentando un Acto Cívico, que foi masivo, e a instalación dunha placa na rúa Reconquista de Vigo, no lugar que el elixiu para vivir os seus primeiros anos de desterro, despois da guerra civil. Sen dúbida, todos eses esforzos contribuíron a espertar a curiosidade e o interese pola reedición dalgúns materiais, ata hai pouco practicamente ignorados, como vai acontecer cunha parte significativa das súas traducións ou dos traballos sobre Irlanda.

Ademais de perseverar nos vellos empeños, este ano decidimos convocar un Congreso monográfico sobre “Plácido Castro e o seu tempo”, que terá lugar en Corcubión, na vila onde naceu, os días 17 e 18 de setembro. No comité científico participan prominentes especialistas de diferentes campos e de diferentes Universidades, galegas e non galegas, e queremos contar tamén coa implicación activa dalgunhas entidades que son inseparables do seu periplo vital, dende o Jornal de Noticias ata a BBC. O Congreso quere abrir novas vías de investigación, afondar na singularidade desta figura no orbe galeguista e atraer o interese dos especialistas. Faremos canto estea na nosa man para que resulte un éxito de participación e de contidos.

Como todos saben, na Fundación agrúpanse os concellos de Corcubión, Vilagarcía de Arousa e Cambados, a ATG e o Igadi, entidades en aparencia tan diferentes e sen embargo coincidentes inequivocamente á hora de reivindicar o legado de Plácido. Nós comezamos a tirar deste carro, pero xusto é recoñecer que nesta andaina atopamos moitos e numerosos apoios, dende particulares como Amador Lede a institucións como a Xunta de Galicia, e quero aproveitar esta ocasión para, en nome de todos os patronos, expresar o noso mais sincero agradecemento.

Moitas grazas e noraboa aos premiados nesta edición, a IV, do Premio de Tradución, con esa lembranza especial para Xela, a quen tantos levamos aínda no corazón.

28 de xaneiro de 2005