Baiona, 21 de xaneiro de 2006.
Reúnese na Casa do Concello da vila de Baiona o 21 de xaneiro de 2006 o xurado do Premio de Tradución Plácido Castro na súa quinta convocatoria, correspondente ao ano 2005.
O xurado está composto polos seguintes membros: Francisco Fernández Rei(Real Academia Galega), Xulián Maure Rivas (Fundación Plácido Castro),Carlos Arias Iglesias (Xunta de Galicia),Xosé María Gómez Clemente(Asociación de Tradutores Galegos),Aurea Fernández Rodríguez(Universidade de Vigo) e María del Mar Gómez (Igadi), que actúa en calidade de secretaria do xurado, con voz pero sen voto.
O obxectivo deste premio é destaca-la calidade das traducións das das obras que a Biblioteca Virtual BIVIR publica periodicamente na súa páxina web www.bivir.com nunha iniciativa que pretende a un tempo colaborar no proceso de normalización da lingua do país e contribuír a enriquece-lo universo literario galego mediante a versión dos autores consagrados que escribiron noutras linguas.
Sendo que as bases da convocatoria do premio indican que na resolución do xurado se terán en conta a calidade literaria da tradución galega, a relevancia para o noso sistema literario da obra traducida, as dificultades intrínsecas da lingua de partida e a súa distancia cultural e a envergadura do proxecto de tradución, o xurado, tras longas deliberacións, acorda:
Outorgarlle o premio Plácido Castro 2005 ex aequo a Fernando Pérez-Barreiro Nolla, pola tradución de Breviario do pensamento clásico chinés, e a Iolanda Galanes Santos e Marta Panero Louzán, pola tradución de A herdanza dos caracteres adquiridos, de Michel Delsol.
Igualmente declara como Finalistas, a Ramón Iglesias Míguez, pola tradución de A Casa de veraneo de Kneller, de Etgar Keret, primeira tradución do hebreo ao galego; e a Xoán Garrido Vilariño, pola tradución de Historia de Shoah, de Georges Bensoussan.
E para que así conste, asínase a presente en Baiona, a 21 de xaneiro de 2006.
Francisco Fernández Rei, Xulián Maure Rivas, Carlos Arias Iglesias, Xosé María Gómez Clemente, Aurea Fernández Rodríguez, Mª del Mar Gómez.