Acta da reunión do xurado do Premio de Tradución Plácido Castro 2007

Acta da reunión do xurado do Premio de Tradución Plácido Castro 2007

Vilagarcía, 5 de abril de 2008

Reúnese na Casa do Concello de Vilagarcía o 5 de abril de 2008 o xurado do Premio de Tradución Plácido Castro na súa sétima convocatoria, correspondente ó ano 2008.
O xurado está composto polos seguintes membros: Sr. D. Xosé Luís Axeitos Agrelo (Real Academia Galega), Sr. D. Xosé Castro Ratón (Fundación Plácido Castro), Sr. D. Carlos Arias Iglesias (Xunta de Galicia), Sr. D. Xosé María Gómez Clemente (Asociación de Tradutores Galegos), Sr. D. Xoán Garrido Vilariño (Departamento de Tradución da Universidade de Vigo) e Sr. D. Alberto Álvarez Lugrís (Secretario da Asociación de Tradutores Galegos), que actúa en calidade de Secretario do xurado, con voz pero sen voto.

O obxectivo deste premio é destaca-la calidade das traducións dos clásicos da literatura universal que a Biblioteca Virtual bivir publica periodicamente na súa páxina web http://www.bivir.com nunha iniciativa que pretende a un tempo colaborar no proceso de normalización da lingua do país e contribuír a enriquece-lo universo literario galego mediante a versión dos autores consagrados que escribiron noutras linguas.

Sendo que as bases da convocatoria do premio indican que no fallo do xurado se terán en conta a calidade literaria da tradución galega, a relevancia para o noso sistema literario da obra traducida, as dificultades intrínsecas da lingua de partida e a súa distancia cultural e a envergadura do proxecto de tradución, o xurado, tras as súas deliberacións, acorda:

  1. Expresa-la súa satisfacción pola grande calidade das traducións concorrentes, que mellora ano tras ano.
  2. Outorgarlle o premio Plácido Castro 2007 a Ánxela Gracián pola tradución d’A illa misteriosa de Xulio Verne. Esta tradución consegue recrear con excelencia un espazo histórico-social do século XIX e adaptalo á actualidade galega. O xurado quere destacar moi especialmente a calidade lingüística do texto, en concreto no que se refire á fraseoloxía e léxico de xenea galega e á adaptación á sensibilidade dos lectores galegos actuais.