Nos anos inmediatamente anteriores á proclamación da República regresou a Galicia coa intención de participar na activa vida política de entón. Sempre estivo en contacto coa nosa Terra pero ata daquela tratábase dunha relación máis ocasional, directamente vinculada a estancias de verán ou a un propósito moi concreto (conseguir o título de profesor de Idiomas que tan útil lle resultaría posteriormente).
En 1931 pronuncia a súa conferencia “O nacionalismo, credo moderno”, organizada pola Irmandade da Fala da Coruña. Aposta Plácido, polo nacionalismo como medio para a redención de Galicia e afirma con rotundidade que o nacionalismo é un credo moderno, liberal e progresista, unha política constructiva para facer máis doada a colaboración e a solidariedade entre os pobos e as nacións. O galeguismo, asegura, debe crear as oportunidades para liberar a nosa creatividade. O sentido da súa mensaxe é moi claro: se en plena crise dos anos vinte e trinta, outros, máis poderosos e influintes ca nós, non atoparon verdade algunha, ¿porque imitalos?. As súas reflexións gardan aínda hoxe unha enorme actualidade cando tanta énfase se pon en tildar a todo nacionalismo de reaccionario.
Plácido non cré na idea da nación grande, aposta polas unidades nacionais pequenas por ser máis idóneas para fortalecer o ideal e a práctica da democracia. Precisamente por pequenas son pouco propicias para ceder a tentacións militaristas e imperialistas.
Nesa altura, Plácido é consciente da necesidade de realizar unha intensa campaña de concienciación social. Galicia nunca esixiría os seus dereitos se non tomaba conciencia da súa particular personalidade. Recoñecía abertamente, como asegura o historiador Xavier Castro, que non había un ambiente nacionalista na sociedade, activo, consciente, compartido pola maioría do pobo; pero o mesmo podía afirmarse dun sentimento españolista. Por iso era o momento da explicación, da ilustración.
Persevera na colaboración con determinadas publicacións. Nos seus artigos, Plácido non oculta as súas preocupacións, inquedanzas e valoracións. Así, en A Nosa Terra, revista na que tamén colaborou asiduamente, podemos ler: “¿Como definir Galicia e as súas relacións con España? Galicia é unha colonia, espiritual e economicamente”. Por iso é particularmente acedo cos galegos que exercendo funcións no goberno central, desentendense da súa Galicia natal. En Inglaterra comprobara a diferencia de actitude dos políticos británicos (o galés Lloyd George por exemplo), sempre moi orgullosos da súa orixe. Por iso, as súas conviccións nacionalistas e a propia experiencia persoal inciden nunha fonda lamentación do autoodio das nosas xentes, agora aplicado ó mundo político pero extensible a moitos outros dominios.
Na experiencia política de Irlanda atopará un valioso conxunto de experiencias trasladables a Galicia en numerosas polémicas: as relacións coa metrópole, o entendemento do nacionalismo cos partidos estatais, etc. Como pode comprobarse coa lectura das súas “Impresiones de Irlanda”, serie publicada en El Pueblo Gallego, era un gran coñecedor deste país. Nesta crónica, Plácido realiza unha excelente radiografía viaxeira, humana e política, destas xentes, reivindicando o valor da súa cultura, da súa historia, das súas lendas, ou da propia paisaxe. Formaba un todo inseparable. A súa forza descriptiva transmítese ó lector que experimenta con el a fusión espiritual con todo aquel ambiente no que se advirte un certo xeito de estar, unha comodidade natural.
Unha aplicación inmediata destas percepcións foi o mundo teatral. Cos irmáns Vilar Ponte (a Antón estaba unido por un especial afecto), realizou unha adaptación de dous folkdramas do Nobel William Butler Yeats, a “Catuxa de Houlihan” e “O país da saudade”. A adaptación publicouse por primeira vez como volume LXIX da Editorial Nós, xerida entón por Anxel Casal Gosenge. A mesma obra sería reeditada en 1977, na colección “O Moucho” de Edicións Castrelos. En 1935, a sección de propaganda do grupo galeguista de A Coruña, andivo a prepara-los ensaios dunha representación destas obras, pero que nunca se chegou a efectivizar por mor da guerra civil.
Como se afirma na nota dos editores, con este acto, os traductores propoñíanse facilitar ós nosos grupos teatrais uns textos de auténtica raíz popular e de fondo contido histórico-social, reflexo das vivencias dun pobo irmán, capaces de soerguer a alienada e decadente escena galega daqueles tempos. Todos recoñecían que o teatro galego non saíra aínda dos seus primeiros balbuceos. Os louvables intentos de anovamento teatral da Galicia desa época, contrastaban con un panorama caracterizado pola influencia da literatura escénica castelán, calco servil á súa vez da peor e mais serodia literatura escénica do mundo, dicía Antón Vilar Ponte.
Colaborará con “Ser”, autodenominado semanario galego de esquerdas, que se confeccionaba na imprenta “Nós”, con textos bilingües. Esta publicación estaba dirixida por Suárez Picallo e a súa orientación era claramente favorable ó Partido Galeguista. Nela participaron tamén Rodolfo Prada, Paco del Riego e Luís Seoane, entre moitos outros. En 1936, participará con Alvaro de las Casas na fundación da Asociación de Escritores Galegos.
Na Asemblea fundacional do Partido Galeguista (4 a 6 de decembro de 1931), celebrada no salón de festas do Hotel de Madrid, de Pontevedra, Plácido Castro formaba parte da delegación coruñesa, integrada tamén por Víctor Casas, Lugrís Freire e Salvador Mosteiro. Xunto con Bóveda, actuou de Secretario da Mesa presidencial da Asemblea. Foi elixido membro do Consello permanente e directivo provisional, que, inicialmente, terá por misión sintetizar e resumir as aportacións feitas no encontro.
Na II Asemblea, celebrada en decembro de 1932, integrase na Secretaría Executiva para substituír a Alexandre Bóveda na secretaría de organización. É a partir desta Asemblea cando a Secretaría Executiva comeza a despregar unha intensa actividade, adquirindo un maior peso político en detrimento do Consello directivo. Na III Asemblea, crease a secretaría de relacións internacionais que vai ser exercida por Plácido Castro, regresando Bóveda a organización. Plácido é o candidato máis votado para a Secretaría executiva con 1.654 votos. Na IV Asemblea (20-21 de abril de 1935), celebrada en Santiago, repite no cargo.
Durante estes anos, con Castelao, Núñez Búa, Suarez Picallo, Paco del Riego e outros galeguistas, percorre numerosas vilas e cidades de Galicia participando en mitins e actos de explicación do ideario nacionalista. Forma parte da comitiva que participou no mitin de Carral, en 1932, celebrado en honor dos mártires de 1846. No parque de Méndez Núñez da Coruña, preside a tribuna da homenaxe a Curros Enríquez, acto organizado pola Irmandade da Fala da cidade herculina, que el mesmo presidía tamén. Ao seu carón estaban Otero Pedrayo, Vilar Ponte, Castelao, etc. Foi outro dos grandes propagandistas do Estatuto. Plácido figura na lista de doce candidatos propostos pola II Asemblea extraordinaria do Partido Galeguista (15.1.36) para ser incluídos nas listas da Fronte Popular.
Nas eleccións lexislativas de novembro de 1933, o comité electoral do Partido Galeguista designa a Plácido e Paco del Riego como colaboradores da campaña en Lugo, co obxecto de reforzar ós candidatos Alvarez Gallego e Basanta del Río. Desde o centro de operacións establecido no Hotel Méndez Núñez, desprazáronse por tódolos recunchos da provincia. Na asemblea extraordinaria celebrada o 21 de outubro, na que os galeguistas deciden acudir ás eleccións en colaboración cos partidos autonomistas, propúxose a Plácido como candidato. Este, igual que Bóveda, proposto tamén pola asemblea, renuncia a ir nas listas por considerar que é de maior utilidade nas funcións habitualmente desempeñadas no Partido.
En 1933 toma parte no fundamental debate sobre as alianzas do Partido Galeguista con outros partidos. Nun primeiro momento, afirmase como partidario da moderación das críticas ó goberno de Azaña para non perde-lo seu apoio á reivindicación do Estatuto galego. Despois das eleccións, avogará, sen embargo, porque o Partido Galeguista se desvencelle de calquera compromiso ou alianza con outros partidos, mesmo cos autonomistas, por consideralos insinceros e sedicentes, para recuperar a liberdade de acción que lle permita levar adiante unha política menos transixente e evitar que afecte ó Partido o desprestixio doutros.
Nun primeiro momento, no seu discurso, insiste moito na necesidade de que os esquerdistas comprendan e apoien a autonomía, que “non é unha cousa de dereitas e reaccionaria”. A través da súa columna “Autonomía”, no diario El Pueblo Gallego, expresará con posterioridade, a frustración dos galeguistas coa política republicana a propósito da autonomía galega, criticando moi severamente o comportamento do PRG de Casares Quiroga.
Plácido aposta porque o Partido Galeguista abandone a loita por un Estatuto modesto, de segunda, pois nin sequera estaba garantido que un así se concedería a Galicia. Deixando de actuar na política española, manteriase a pureza do nacionalismo galego, robusteceriase a autoorganización como garantía suprema da defensa dos intereses do país. En definitiva, pasou a ser partidario da idea de que os galeguistas actuasen completamente sós, a imitación dos irlandeses do Sinn Fein, priorizando a concienciación da sociedade, e postergando conscientemente a batalla autonómica para cando o galeguismo fose tan forte que puidese trunfar sen necesitar o apoio de ningún outro partido.
Era o momento da creación dun gran partido de masas que abriría o camiño para a alianza coas esquerdas e a realización da autonomía.
Compre ter presente que, desde os seus primeiros anos de aproximación intelectual e política ó galeguismo, Plácido considerou sempre que o nacionalismo debía establecer un novo estilo de política, facer da honestidade o principal baluarte da pureza e a dignidade cidadán.
Con el polemiza Johan Carballeira, partidario tamén da actuación do galeguismo, illada do resto dos partidos, pero engadindo que, asimesmo, dividido en dúas frontes, unha de dereitas e outra de esquerdas. Esta tese é combatida por Víctor Casas, Ramón Villar Ponte e o propio Plácido, entre outros. Estes coidan que, ata conquerir o autogoberno, é imprescindible a unidade do galeguismo nunha única fronte política. Segundo Plácido non era o momento aínda desa división; agora todos debían subordinar a súa propia ideoloxía á reivindicación primeira de que Galicia poida controlar o seu destino. A polémica prolongarase cando o Partido Galeguista decide colaborar cos partidos republicanos de esquerda, en 1936, vendo daquela Johan Carballeira confirmada a súa tese, coa ruptura por parte dos galeguistas de dereita.
Uns anos antes, con este mesmo galeguista, mantivera outra interesante polémica sobre o cosmopolitismo unificador e a morte do idioma galego, algo que Plácido consideraba absurdo, “unha idea do século pasado”. Non se trata, dicía, de que tódolos países sexan iguais senón de enriquecerse mutuamente a partir do propio. Comprendía á perfección a necesidade de que os nacionalistas fosen abertos, máis universalistas sempre que os rancios cosmopolitas, precisamente para combater a idea de que o nacionalismo pretende aillar do mundo, erguer fronteiras, etc. Non se trata dunha táctica oportunista, senón dunha convicción sincera baseada no repudio tanto do centralismo unitario coma do internacionalismo uniformador.
A súa erudición e coñecemento de idiomas obrigarianlle a desempeñar un significativo papel nas relacións que o galeguismo mantivo cos medios estranxeiros.
Secretario de Relacións Internacionais, representou ó Partido Galeguista no IX Congreso de Nacionalidades Europeas (C.N.E.), celebrado no Hotel Savoy de Berna os días 16, 17 e 18 de setembro de 1.933. Este foi, sen dúbida ningunha, o evento que determinará a inevitable presencia de Plácido Castro na historia moderna de Galicia.
O C.N.E. era unha organización internacional autónoma que mantiña estreitas relacións coa Sociedade das Nacións. Nela participaban diferentes grupos nacionais organizados no seo dos Estados europeos. O seu obxectivo fundamental era a protección e defensa dos dereitos elementais das minorías nacionais. A participación galega producíase nun momento en que os mais fondos conflictos da política internacional relacionabanse coa problemática das minorías e das autonomías, e cando en España insistiase na negación do recoñecemento a Galicia da súa especifica personalidade. A prensa galega (El Pueblo Gallego, A Nosa Terra, etc) deron conta do acontecemento, de importancia capital, pois era a primeira vez que se podía escoitar a nosa voz no gran concerto internacional dos pobos. Pero tamén a prensa europea deu conta da participación galega.
Plácido presentou ó Congreso unha declaración, leída primeiramente en galego e logo traducida ó inglés por el mesmo, na que se afirmaba que Galicia era unha nación, reivindicando o dereito innegable do pobo galego a dispor de sí. Este documento, asumido plenamente polos participantes e acompañado dunha memoria elaborada por Vicente Risco, sintetizaba os informes recollidos previamente polo Secretario xeral do Congreso, o periodista estonio Edwald Ammende, nunha visita efectuada a Galicia no mes de abril daquel ano, invitado en San Sebastián por Otero Pedrayo, aproveitando a xira que estaba realizando por España para conocer os casos catalán e basco, de maior proxección internacional e presencia anterior na súa organización.
O representante galego foi acollido cordialmente tanto polo Presidente do Congreso, Josip Wilfan, como tamén polo Presidente do Parlamento suizo, M. Motta, formando parte do Comité Permanente que cumprimentou ó primeiro ministro noruegués e Presidente do Consello da Sociedade de Nacións, M. Mowruchel.
A transcendencia política da participación galega é decisiva. Como o mesmo Plácido Castro encargouse de sinalar en El Pueblo Gallego: “Calquera que sexa o réxime político en que Galicia viva, a nosa Terra, autónoma ou non, está xa proclamada moralmente como unha nación”. Xa non eramos unha ficción; estabamos recoñecidos por unha organización internacional tan poderosa e influinte como para ser obxecto de consideración por parte da Sociedade de Nacións (a ONU de entón).
Plácido Castro non asistirá a mais Congresos, por dificultades varias e seguras discrepancias coas orientacións desta organización, crecentemente dominada polas minorías alemanas e que motivarán igualmente o abandono dos grupos xudeus.
En febreiro de 1934 participará no Pacto de Compostela. Na reunión de Galeuzca, celebrada no Bar Victoria de Santiago, a delegación galega estaba formada por Otero Pedrayo, Gómez Román, Enrique Peinador, Paco del Riego e Plácido Castro. Realizou varias xestións para a organización de Galeuzca. Un ano despois, en febreiro de 1935, representa ó Partido Galeguista no Consello Galego de Galeuzca, no que tamén estarán representados Ultreya e a Federación de Mocedades Galeguistas.
Finalmente, polo que atinxe á súa ubicación no espectro político galeguista, Alfonso A. Bozzo, inclueo entre os denominados sectores radicais do galeguismo, sensible ós temas sociais, xunto con Lois Tobio, Víctor Casas, Ricardo Carballo Calero ou Anxel Casal. De feito, na III Asemblea da Federación de Mocedades Galeguistas (xaneiro de 1936) presenta unha comunicación na que avoga, xunto con Bóveda e Lois Poza, por unha posición de esquerdas no seo do nacionalismo. O historiador Dionisio Pereira asegura que estaba vencellado a medios obreiros da Coruña, quizais pola súa participación no despacho xurídico-laboral que abrirá Luís Seoane nesta cidade en 1934. Para Martínez López era un filo-comunista. Sen embargo, nin tan sequera existe baseamento certo para encadralo entre os marxistas (daquela Tobio, Emilio Pita, Agustín Baladrón, Luís Seoane ou Victoriano Buxán, entre outros). Á lus da súa propia experiencia británica, a proposta social de Plácido Castro sintonizaba co movemento cooperativo que o Partido Galeguista apoiaba, unha proposta que no seu entender favorecía o entendemento entre as diferentes correntes de pensamento que coexistían no seo do Partido.
Lendo as súas crónicas e artigos, seguindo o seu traballo político, a súa constante e xenerosa aportación financeira ó movemento galeguista pode observarse un apasionamento, unha claridade de ideas e entusiasmo que debeu truncarse brutalmente coa experiencia da guerra civil. Mesmo no seu carácter produciranse cambios substanciais. Pouco antes daquel verán fatídico, decepcionado pola incomprensión do centralismo, reflexionando sobre o feito de que realmente a Galicia non lle deixaban mais opción que o separatismo, nun ton melancólico e nostálxico, de derrota, de abatemento, asegura intuír a chegada de “tempos aínda máis tráxicos”.