Complexas circunstancias familiares supoñenlle un revés de tipo económico que lle obriga a abandonar Londres e regresar a Galicia. Xa cumprira integramente a pena de quince anos de inhabilitación absoluta que lle fora imposta en 1940.
Incorporase como profesor de inglés no Instituto Laboral de Vilagarcía. No curso 1956-57 pronuncia a lección inaugural sobre “A importancia do coñecemento do idioma inglés”. É autor dun magnifico traballo, inédito, sobre a aplicación do inglés ó ensino profesional, co que pretendía suplir a carencia de manuais que daquela existía nesta materia. Admirados, os seus alumnos antepoñíanlle sempre un “don” cariñoso, froito dunha veneración natural polo seu saber e comprensión.
Precisamente, pola súa cualificación e valía, ocupando o cargo de profesor numerario de lingua inglesa neste Instituto, a proposta do Ministerio de Educación e Ciencia e da Dirección Xeral de Relacións Exteriores, representa a España como delegado na V Conferencia Europea de Educación (“Da civilización do país da lingua que se ensina”) adicada ó estudio do ensino dos idiomas modernos celebrada en Baden (Viena) en 1964.
Regresa á prensa. Colaborador esporádico do Diario de Pontevedra e de El Pueblo Gallego, en 1960 comeza a publicar os seus artigos en Faro de Vigo. Manterá esta relación ata dous meses antes do seu pasamento. Froito dun permanente desexo de aportar ós problemas e de valorizar o noso, manifesta un particular interese polo tratamento dos problemas vencellados ó turismo. A súa admiración pola organización do transporte urbano en Londres, permitiralle advertir a importancia desta cuestión cando escribe as súas “Consideraciones sobre el turismo”. Pouco ou nada do que referiu sobre este asunto perdeu actualidade.
Plácido parte da defensa do noso patrimonio natural como valor mais valioso ó que debe supeditarse todo avance industrial. Rexeita o localismo e aposta pola mellora das comunicacións, polo esforzo en publicidade (recomenda convidar -estamos en 1962- a periodistas estranxeiros para que visiten a nosa Terra), enfatizando sempre a revalorización do propio. En Galicia, os visitantes deben atopar o noso, o verdadeiramente típico. O noso debe ser por iso conservado, dignificado e elevado á condición de arte.
Expresa a súa devoción polas romarías populares, acertando a diferenciar claramente entre a celebración lúdica e a propiamente litúrxica. A reivindicación e promoción das festas populares forma parte desa conciencia acerca do elevado valor da nosa cultura, da nosa gastronomía, e da beleza da nosa terra e paisaxe. Reivindica a importancia do camiño de Santiago.
As súas reflexións sobre a importancia da limpeza e hixiene nos establecementos frecuentados por turistas e do persoal que os atende; a necesidade da amabilidade e a atención nas relacións persoais; a formación profesional das persoas relacionadas con este sector; a aposta polo ensino de idiomas; a promoción dos deportes coma o golf ou a pesca fluvial, e, sobre todo, a defensa a ultranza da beleza existente, son constantes aportacións de Plácido Castro, profundo coñecedor da nosa identidade, inimigo irreconciliable de tódalas xeralizacións, e polo mesmo sagaz crítico dos frecuentes tópicos con que algúns foráneos pretenden canonizarnos (“os menos alegres”, etc).
Se en 1955, desde a capital británica, colaboraba con Alvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro e outros, na realización da 1ª Festa do viño albariño, agora, en 1961, con Luís Bouza Brey, a quen lle unía unha fonda amistade, e Máximo Sar, promovía a realización da Romaría Viquinga de Catoira. O propósito consistía en rememorar un dos mais sinalados feitos da historia local, a chegada ó lugar onde se elevan as Torres do Oeste duns viquingos invasores había dez sécuños, capitaneados polo temible Ulfo, e a milagrosa conversión de tan feroz pirata pola elocuencia do Bispo Cresconio.
Reunidos no “Ateneo del Ullán”, en plena cantina da estación de Renfe, organizaban conferencias e outras actividades de carácter literario. Hipólito de Sá comenta que uns meses antes do seu pasamento, Plácido andaba a cavilar sobre a orientación literaria que cumpría dar á conmemoración viquinga co obxecto de asegurar a perpetuación dunhas ruínas, as Torres do Oeste, tan vencelladas á historia medieval da Sede compostelana. No pregón da romaría de 1967, celebrada unhas semanas despois do seu pasamento, Otero Pedrayo faría unha sentida lembranza da súa persoa e figura.
O seu coñecemento das linguas nórdicas e incluso dos seus dialectos, unido ó amor e dominio da lingua propia, levoulle a realizar numerosas e inimitables traduccións ó galego, traduccións feitas con gran pulcritude e máximo respecto ó texto. Esa habilidade, combinada coa súa innata sensibilidade poética, culminaron en traduccións cargadas de matices, de musicalidade descriptiva, de emotivo lirismo. Darío Alvarez Blazquez dicía que Plácido “tiña a sensibilidade típica do poeta, na súa vida e nas súas obras”.
Realizou múltiples traduccións e de tódolos xéneros. Dende conto (“Su primer vuelo”, do escritor irlandés Liam O’Flaherty), ata teatro, pero sobre todo poesía. Admiraba profundamente a poesía inglesa, que estimaba como a mais rica e variada de todas. Naqueles anos, a traducción ó galego de poesía era case a única maneira de introducir o noso idioma nos medios masivos de comunicación como a prensa diaria. A poesía en galego era mais tolerada polo réxime por considerala menos nociva que outros xéneros. Así, a poesía irlandesa, directamente traducida ó galego, insertabase en textos escritos en castelán.
Normalmente partía da versión inglesa, non gaélica. Seamus Cartan, Egan O’Rahilly, Raftery, William Blake, eran traducidos ó galego, demostrando así que unha traducción ó castelán non supón barreira infranqueable algunha para que esa mesma obra poida ser traducida ó noso idioma.
A obra de Christina Rossetti (1830-1894), unha das poetisas máis sobresaíntes de Inglaterra, irmá de Dante Gabriel Rossetti (1828-1882), pintor e poeta que en 1848, xunto con Millais, H. Hunt, J. Collison e outros funda a “Irmandade prerrafaelita”, é obxecto dun estudio global que Plácido sitúa en perspectiva coas afinidades e disimilitudes de Rosalía de Castro (1837-1885). Tratase dunha obra inédita que debeu realizar como traballo científico a presentar á Comisión Permanente do Patronato Nacional de Ensino Medio e Profesional para acceder a unha praza de profesor numerario.
O texto básico está escrito en español, pero os poemas de Christina Rosetti que acompaña como selección están traducidos ó galego e non ó castelán. Tratase sen dubida de algo mais que o mero escrúpulo dun rigoroso traductor.
Na súa análise, Plácido revela un profundo coñecemento da obra poética de ámbalas dúas escritoras, reivindica o patriotismo de Rosalía, abundando no aspecto romántico (descrición do medio e a azarosa vida da nosa autora) pero con un texto requintado, dicindo sen dicir, utilizando a forma literaria como diluínte, disimulando o que de verdade se pensa, pero sen por iso deixar de transmitir a quen desexa entendelo así, a identificación nacional de Rosalía, a súa rebelión indómita e non choriqueira.
Segundo Plácido, Rosalía e Christina compartían moitas cousas (enfermidades, perdas familiares, decepcións amorosas, temperamento triste, o lirismo da dor, a preocupación pola morte e a vellez, o pronto comezo na poesía, o sentido máxico da natureza) e tamén algunhas diferencias importantes. A Rossetti era mais individualista, mais virada para o seu adentro, menos preocupada socialmente que Rosalía, capaz de compartir as inquedanzas do pobo do seu tempo, da súa Galicia doente; tamén na profunda relixiosidade de ámbalas dúas (a Rossetti era anglicana), mais dominante e intelectual no caso da autora inglesa, mais natural en Rosalía.
No final da súa vida, recopila e retorna ós seus comezos, ós pilares sobre os que construíu o seu discurso vital. Busca a presencia da saudade na poesía de ámbalas dúas poetisas, recupera a discusión sobre a esencia da morriña, reflexiona sobre a presencia do celtismo na literatura inglesa, aproveitando para discrepar daquelas aseveracións modernas que negan a existencia dun temperamento céltico, daqueles que consideran o celtismo simplemente como unha teoría imaxinativa pero con escasa correspondencia na realidade.
Toda esa experiencia culminou na súa obra clave, a traducción en 1965 de As Rubáyiát de Omar Khayyám, poeta persa e tamén astrónomo, que viviu na segunda metade do século XI, é dicir, na mesma época dos nosos Cancioneiros. A versión de Plácido Castro basease na do poeta inglés Edward Fitzgerald.
Segundo conta, Omar Khayyám, home de ideas atrevidas e bastante arredadas da ortodoxia, Rei dos Sabios, obxecto do favor de Visires e Sultáns, foi autor tamén dun Tratado de álxebra e dunhas Táboas Astronómicas.
Rubáyiát é o plural de rubai, unha palabra persa que significa cuarteta. Pero unha clase de cuarteta especial na que riman o primeiro, o segundo e o cuarto versos, quedando ceibe o terceiro. Deste xeito, asegura Darío Alvarez Blazquez, o cuarto verso adquire un grande relevo, unha grande forza expresiva ó contrapoñerse ó terceiro.
Todos coinciden en sinalar as dificultades engadidas por esta técnica á natural laboriosidade de toda traducción, pero igualmente no excelente labor realizado por Plácido, tan paciente como tenaz e rigoroso, conseguindo ó mesmo tempo unha grande fidelidade ó texto orixinal e a conservación da rima e o ritmo dos rubayiat. Resultan así uns versos floridos, fondos e belos.
A traducción apareceu publicada no número oito da revista “Grial”. Na súa introducción, Plácido asegura que “a astronomía é a mais poética imaxinación dos nosos días, aquelo que arreda ata mais lonxe os lindeiros da imaxinación e da fantasía, o que nos fai sentir a suprema saudade, o tremor do vertigo do Infinito”.
Fitzgerald traballou durante tres anos para facer a versión inglesa (75 cuartetas). Plácido parte da versión orixinal de 1859, pois con posterioridade, o poeta inglés, quen ó parecer sostiña unha grande afinidade cos sentimentos do poeta persa, efectuou algunhas variacións, sempre insatisfeito polo seu labor e desexoso de melloralo. Toda a obra é un canto ó valor da traducción. Tampouco Plácido realiza unha versión estrictamente literal, senón que participa desa comunión de afinidades de autor e traductores. Na traducción galega haberá sen dubida un pouco de Omar Khayyám, de Edward Fitzgerald e tamén de Plácido Castro.
Como el mesmo relata na introducción, tratase ademais, dunha obra curiosa, no sentido de que no intre da súa publicación, en Inglaterra pasou totalmente desapercibida, e de súpeto, xurdiu como un dos éxitos literarios mais famosos que se teñen coñecido. Acollido con ferventes loubanzas polos intelectuais, hoxe é considerada como unha xoia da literatura inglesa. Fitzgerald intentou primeiro publicala nunha revista londinense. Fracasado ise intento, conseguiu despois que o libreiro Bernard Quaritch financiara unha edición, pero non consta que se vendera un só exemplar.
Fitzgerald chegou a publicar anuncios na prensa, pagados do seu propio bolsillo, para desperta-lo interese pola súa obra. Pero nin así. E dous anos mais tarde, sen que ninguén o agardase, o libro rexurdiu da man do movemento dos prerrafaelitas, convertidos en ferventes admiradores desta obra, decididos a erguela como bandeira dos que loitaban contra os convencionalismos nas artes e na vida social. Inicialmente non se deu a coñecer a identidade do autor.
Edición tras edición, vendéronse millóns de exemplares ata converterse nun libro obxecto de venerado culto e de gran popularidade. Incluso formáronse Clubes de Omar Khayyám, tanto en Inglaterra como en Estados Unidos. Sen dúbida non estamos ante unha obra calquera. A elección de Plácido non foi casual.
Coa satisfacción de ver culminada esta versión, amplamente recoñecida nos medios intelectuais pola súa gran calidade, Plácido falecería en Cambados o 17 de xullo de 1967, véspera dunha celebración mais daquel aquelarre de intolerancia que coutou severamente a súa evolución persoal e as expectativas que tiña postas en Galicia. Con posterioridade, na revista Grial, publicaranse, a título póstumo, un traballo seu sobre Yeats (1967) e “Laios gaélicos” (en 1974).
No primeiro aniversario do seu pasamento, Faro de Vigo, xornal no que tanto colaborara, anuncia unha páxina especial de homenaxe que ata hoxe non se chegou a realizar. ¿Esquecemento?, ¿silencio?. A fin de contas, outra de tantas lembranzas e recoñecementos dos que todos somos debedores con Plácido R. Castro del Río.