Sendo moi cativo, foi enviado pola familia a estudar no Reino Unido. Na Universidade de Glasgow licenciouse en Filoloxía Inglesa. Alí recibiu unha formación moi exquisita para a época, que puido complementar coas súas viaxes polas Illas e, sobre todo, Irlanda, naquel tempo unha referencia para o movemento galeguista, onde atoparía un valioso conxunto de experiencias útiles. O contacto coa sociedade británica da época, a educación recibida e unha curiosidade innata fixeron agromar nel un amplo saber e un profundo sentimento humanista que despregou con humildade tanto en mil citas e erudicións como no seu compromiso cotián.