Hai figuras na constelación da Galicia máis universal que precisan de moito tempo, demasiado tempo, para brillaren con luz propia e seren visibles para a comunidade á que tantos esforzos lle dedicaron. É o caso de Plácido Castro, un intelectual, político, xornalista, profesor de inglés, tradutor, pintor… Naquel “tempo no que había tanto que facer” en palabras de Xosé María Álvarez Blázquez, o inxente labor de Plácido Castro apenas foi percibido pola nosa sociedade. Semella que neste 2019, coa instalación en Cambados da Fundación que leva o seu nome, e a organización dunha exposición en Vilagarcía que rememora as súas estadías e traballos en Irlanda, van ser fitos que sobrancean na visibilidade deste protagonista fundamental da historia de Galicia.
Plácido Ramón Castro del Río (Corcubión, 1902-Cambados, 1967) era fillo dun empresario do sector mineiro e armador de Corcubión, Plácido Castro Rivas, un liberal que envía ao seu fillo a formarse en Glasgow, Gran Bretaña, cando aínda ten só seis anos. Permanece nesa cidade ata 1929, despois de rematar os seus estudios universitarios, acadando a licenciatura de Filoloxía inglesa en 1922, validando a titulación o que o capacitaba para exercer a docencia da lingua inglesa en territorio do ministerio de educación do goberno de España. Regresando, durante o seu período de formación, ao seu país en diferentes períodos vacacionais nos que aproveita para afondar no coñecemento da lingua, literatura, historia e cultura galega que sente como propias. Sucesivas viaxes por diversos territorios da Gran Bretaña como Escocia, Gales, Irlanda e Inglaterra lévano a tecer unha rede intelectual de vencellos emocionais intrínsecos con esas vellas nacións e a súa idea dunha Galicia aínda precisada de moito traballo ata acadar o recoñecemento entre as nacionalidades europeas.
Nos anos finais da década de 1920 desenvolve unha teorización arredor do celtismo, das nacións celtas, vencelladas pola morriña ou a saudade na que implica na coas británicas, non só a Galicia tamén a Portugal, país polo que vai sentir unha enorme simpatía. Correspondente de prensa e colaborador de varios medios de comunicación como Informaciones, de Madrid, ou El Pueblo Gallego, ou o Galicia, mais tarde Faro de Vigo, nos que comeza a colaborar sendo residente en Londres. Admirador da personalidade británica e dos seus costumes, dedica moitos dos seus traballos de prensa a difundir os seus valores políticos como o parlamentarismo, o liberalismo, e a democracia plena, non tutelada; e a desfacer tópicos como a uniformización británica a respecto das nacións que a forman, aproveitando as diferentes efemérides reivindicativas destas realidades políticas.
Foi Plácido un pioneiro na tradución de textos literarios do inglés, idioma que non só dominaba como calquera nativo ben formado, se non lingua na que mesmo chegou a pensar e a facer propia; asumindo na súa personalidade boa parte dos rasgos que definen a vida social británica: o té das cinco, o gintonic, ou a querencia pola súa monarquía sendo republicano confeso… Así será tradutor de obras de W.B. Yeats, Ernest Dowson, Thomas Hardy, William B. Davies, Christina Rossetti, ou As Rubáyiát de Omar Kayyam, dende a versión inglesa de Edward Fitzgerald.
Dende os primeiros meses da década de 1930 está aliñado en posicións políticas na tendencia do nacionalismo galego daquela en construción, sendo logo membro e presidente das Irmandades da Fala da Coruña, fundador e secretario de Relacións Internacionais do Partido Galeguista, presidente do PG na Coruña, dirixindo a campaña a favor do Estatuto de Autonomía para Galicia, e representante deste partido no IX Congreso de Nacionalidades Europeas celebrado en Berna, entre o 16 e 0 18 de setembro de 1933. Nesa ocasión Galicia, na súa voz, acada o seu mais importante recoñecemento internacional, xa que nese foro -que mantiña relacións privilexiadas coa Sociedade das Nacións (actualmente a ONU)- de protección e defensa dos dereitos das minorías nacionais europeas, por vez primeira Galicia foi recoñecida como unha nación, con todos os dereitos e lexitimidade para dispoñer dela mesma e do seu futuro. O discurso preparado en colaboración co deputado do Partido Galeguista nas Cortes españolas, Ramón Otero Pedrayo, e lido en galego por Plácido Castro, repetido en inglés nunha tradución súa, foi acollido con entusiasmo polos representantes doutras nacionalidades europeas. Plácido Castro acadaba para Galicia unha representatividade que -nas súas propias palabras- deixaba esclarecido que “calquera que sexa o rexime político, en que Galicia viva, a nosa Terra, autónoma ou non, está xa proclamada moralmente como unha nación”. Aquel IX Congreso no que Galicia quedaba para sempre proclamada como unha nación europea, insistía no ideario de respeito polas minorías nacionais da vella Europa, reclamando unha representatividade electoral acorde co número dos membros reais de cada comunidade nacional, protección legal para as mesmas, plena dispoñibilidade do uso do idioma propio tamén no mundo educativo e a vivir plenamente dacordo cos seus usos e costumes tradicionais, entre outras proclamas e demandas. A guerra española de 1936, e a europea de 1939, crebaron aquela andaina. Así quedaba rota a voz de Plácido Castro que representando a Galicia, por primeira vez era escoitada en foros internacionais.
A sublevación militar de 1936 que daría remate ao período da II República, tronzou os mellores soños daquela xeración de galeguistas aliñados arredor de Bóveda e Castelao no Partido Galeguista e dos progresistas republicanos en xeral. A Plácido váille tocar a persecución e o cárcere, o pagamento de fortes multas e o desafiuzamento de propiedades do patrimonio familiar e persoal, o desterro e o exilio. Rachábanlle a voz, pero en absoluto a súa vontade de continuar no servizo ao seu país. Casa con Jesusa Sineiro, en Cambados, en 1944, terán oito fillos e fillas e decídese polo exilio sabedor de que non tiña outro xeito de vida e viaxa a Inglaterra para traballar como locutor e redactor na BBC, sección de programas en galego, portugués e español. Ata 1957 a lingua dos galegos, impedida de expresión normalizada no noso país, escoitábase nas emisións da británica e prestixiosa BBC, nas tardiñas de cada sábado. Dende Londres será correspondente do Jornal de Noticias, con sede en Porto, ou do La Nación, de Bos Aires.
Cumpridas todas as condenas derivadas dos expedientes de responsabilidades políticas instruídos polo rexime franquista, regresa de Londres en 1956, recuperando a súa habilitación e traballando como profesor de lingua inglesa no Instituto Laboral de Vilagarcía, onde varias xeracións de arousáns serán alumnos seus, sen calquera coñecemento do seu pasado de compromiso político ou cultural; moi apreciando polo alumnado, caracterizado polo seu carácter apacible e os seus avanzados métodos de aprendizaxe do inglés con gravacións en soporte disco ou magnéticas, e os seus apuntamentos e exercicios divulgados en papel multi copiado en ciclostil. Foi comisionado polo ministerio de Educación para representar ao profesorado do Estado español na Conferencia Europea de Educación, celebrada en Viena, en 1964, dedicada ao “ensino dos idiomas modernos” ou que significou un enorme recoñecemento das súas altas capacidades para a didáctica de idiomas non propios.
Con residencia familiar en Cambados, e posto laboral en Vilagarcía, Plácido Castro implícase, a falta de actividade política posible, no deseño e desenvolvemento de proxectos de romaxes de carácter popular como a Festa Viquinga, a do Albariño ou o Camiño xacobeo. Organízase no grupo de tendencia culturalista que se xunta en Vigo e Coruxo arredor dos Álvarez Blázquez, Xaime Illa e Fernández del Riego. Inicia nos primeiros meses da 1960 as súas colaboracións en medios como o Diario de Pontevedra, El Pueblo Gallego e sobre todo no Faro de Vigo, diario no que expresa as súas avanzadas opinións sobre o turismo, o patrimonio natural e o medio ambiente, a cultura propia e o patrimonio etnográfico, e o civil e relixioso.
No verán de 1967, en período non lectivo e ferido por unha doenza que levou de xeito moi discreto, faleceu na vila cambadesa onde foi soterrado no cimiterio de Santa Mariña Dozo. No seguinte traballo veremos as relacións de Plácido Castro con Irlanda, motivo da exposición que pode verse na Sala Ribas Briones ata xullo.