A poesía en voz de Plácido

A poesía en voz de Plácido

Por Daniel Landesa (Texturas Internacionais 4, decembro de 2002)

Dixo o poeta alemán Johann Wolfgang von Goethe que “o que non sabe leva-la conta / por espacio de tres mil anos / queda como un ignorante na escuridade / e só vive ó día”. Quizais fose este o presuposto que abocase a Plácido Castro á súa afección por tódolos saberes que estiveron á súa man. Coñecido é que se interesou pola astronomía, a historia, a política, a música; ademais dunha grande devoción polo coñecemento de culturas distintas á súa propia e á súa vez tan próximas.

Mais foi, entre todas estas materias, a poesía a súa filla predilecta, tratouna sempre con maior afecto, case coa delicadeza coa que se trata ós picariños. Para Plácido é a verba poética algo máis que unha expresión como tal; a voz do poeta, concibe o corcubionés, é unha voz que se prolonga desde o pasado, o pasado da tradición e do sentimento da terra, e que ha servir tamén coa mesma vixencia no futuro.

Segundo esta concepción, a poesía ten unha serie de connotacións transcendentais. Como tal a lírica provoca a expresión, mais, á súa vez contén un nexo entre o pasado e o futuro no seu ámbito cultural. Adquire así a poesía, dentro desta concepción, un carácter eterno; imperecedoira por tanto, por ser nacida de sentimentos arraigados no ser humano, tamén supón un compendio de tódolos saberes, sentimentos e vivencias, como puido comprobar o propio Plácido no seu breve labor como poeta. Considéraa, entón, representativa do individuo en tanto que este procura transmitir nos versos a propia complexidade. Do mesmo modo será debedora dun contorno sociocultural proxectado cara ó futuro.

Na filosofía que expresa Plácido Castro en diversos artigos, a poesía é a forma básica e necesaria que un pobo ten para expresarse, para construí-la súa identidade. Deste modo no ámbito galego, considera Plácido o sentimento céltico, expreso ou latente, un elemento esencial da arte poética. E é mediante este argumento co que este digno representante do galeguismo de preguerra conxugou as súas amadas patrias, a galega, principal, e a das Illas Británicas, con cada un dos seus pobos (mesmo os non propiamente celtas que toman estas características por evidentes motivos de inevitable préstamo entre pobos raianos), e polas que sempre amosou unha sincera devoción.

Partindo deste ser galego e do seu coñecemento de certas culturas, de modo sobranceiro a irlandesa, non dubida en considera-la saudade como o elemento configurador do espírito céltico, manifestado no axioma “the remote as remote” (o afastado na distancia). Será esta argumentación, tomada do inglés Havelock Ellis (O espírito céltico na literatura) a que o leve a incluír á literatura galega dentro da expresión de orixe celta, logo de analiza-los motivos que aparecen tanto na lírica galega medieval coma os de autores modernos. Así mesmo tamén considerará como literaturas propiamente célticas á galesa e irlandesa, e incluirá tamén certos autores ingleses de relevancia (Shakespeare, Keats, Coleridge) e sobre todo a Christina Rossetti á cal dedicou Plácido traduccións e ensaios. No traballo máis importante neste sentido, un estudio inédito sobre as similitudes existentes en xeral, e sobre a saudade en particular, nas obras de Rosalía e Rossetti, chega á conclusión de que esta é, polo carácter da súa poesía, predominantemente de base céltica.

Na obra de Plácido temos exemplos abondo que demostran esta súa aproximación á poesía, ben nos seus artigos xornalísticos, nas traduccións e sobre todo no ensaio sobre a saudade antes citado. Semella non importarlle a época, a posición ideolóxica nin a postura estilística; considera que tódolos poetas dunha mesma área cultural deben ter un nexo coa súa propia idiosincrasia; e, como xa se indicou, será este sentimento céltico, manifestado principalmente pola saudade, o que lle sexa propio á cultura galega, así como a outros pobos considerados culturalmente celtas.