David Reinero (18/08/2001)
A relación de Plácido Castro co xornalismo iniciouse sendo el mozo, ó finalizar os seus estudios de Filoloxía, coma tantos outros xornalistas da época. Foi en 1927, cando comezou a colaborar con diversos xornais españois e estranxeiros como El Pueblo Gallego de Vigo, Informaciones de Madrid ou Jornal de Noticias de Porto, enviando crónicas e reportaxes dende as illas británicas. Entre os seus textos atópanse dende noticias políticas sobre a actividade parlamentaria ata críticas teatrais e literarias pasando por unha seria de reportaxes sobre Irlanda realizadas durante unha viaxe por aquel país e ilustradas por el mesmo con fotografías. A súa entrada no mundo do xornalismo presenta tamén algunha que outra implicación familiar coma a curiosidade de que o seu pai, Plácido Castro Rivas, deputado liberal, doara en 1928 varios inmobles á Asociación de Periodistas de Madrid para que foran destinados a usos sociais.
A paixón declarada de Plácido Castro polo sistema político inglés parece estenderse tamén ós medios de comunicación. Durante a súa estancia en Londres, Castro foi membro da Society of Foreign Journalist e The Foreign Press Association in London. Incluso de volta en Cambados continuaría lendo a prensa e revistas inglesas que chegaban ó porto de Vigo e que facía que lle enviaran. Ese “universalismo” dos medios de comunicación británicos foi tamén apoiado persoalmente por el coa súa participación coma redactor e locutor nos programas en galego da BBC, entre 1949 e 1955, e que constitúen a primeira emisión regular nesta lingua da historia da radio.
Do compromiso político á crítica literaria
Na producción periodística de Plácido Castro pódense distinguir dúas etapas claramente diferenciadas. A primeira abranguería dende os seus primeiros escritos ata o comezo da Guerra Civil e nela pódese observar unha clara implicación política do autor. É a época das súas colaboracións en A Nosa Terra ou Ser, publicacións do Partido Galeguista, e nas que critica o centralismo do estado español ou eloxia o sistema británico da Commonwealth –mantendo á marxe, iso si, as actitudes inglesas con respecto a Irlanda-. Nesta etapa, incluso os seus artigos literarios teñen un marcado carácter nacionalista, recollendo maioritariamente comentarios acerca de obras irlandesas, escocesas ou galesas.
Trala ruptura que supón a Guerra Civil e a súa condena por “fomentar la situación anárquica en que se encontraba España”, os seus escritos periodísticos tamén experimentan un cambio substancial. Nos anos inmediatamente posteriores á guerra, naturalmente condenou a un relativo abandono este tipo de creacións e refuxiouse na traducción ó galego de poesías irlandesas e noutras expresións artísticas coma a pintura e a música. Será nos seus últimos anos, trala súa nova estancia en Londres colaborando coa BBC, cando retome a ocupación de articulista en prensa diaria. Nembargantes, aínda coa presencia dun fondo e referentes comúns, a temática dos seus textos durante esta etapa cambiaría notablemente. E o mesmo sucederalle ós xéneros empregados abandonando completamente os informativos e centrándose nos de opinión e nos interpretativos coma as crónicas. Mentres segue cos comentarios literarios a obras principalmente irlandesas, os temas políticos vense substituídos agora polos que se poden considerar coma “artigos de costumes” ou de “crítica social”.
Nesta segunda etapa da súa creación periodística, destacarán pola súa cantidade os textos aparecidos no Faro de Vigo entre 1960 e 1967. Neste diario publicará os dous tipos de artigos mencionados: “literarios” e “de costumes”. Os primeiros, dentro da sección “Arte y Letras”, voltarán recurrentemente sobre Yeats, Hemingway ou William Blake, entre outros, e insertos nestes comentarios, escritos en castelán, aparecerán numerosas traduccións ó galego de poemas irlandeses. Pero Castro non se contenta con referirse unicamente á literatura; o seu interese alcanza tamén á música, a pintura e a vida cultural en xeral. –Chega incluso a dedicar varios artigos ó fenómeno que supoñía naquel entón a aparición dos Beatles e incluso ás peculiaridades dalgún libro publicado por John Lennon que relaciona co Finnegan´s Wake de James Joyce–.
O “costumismo”
O outro gran grupo de artigos desta segunda etapa vén determinado por unha temática “costumista”, entendida en Plácido Castro coma unha exposición do “característico” galego sobre o que aplica categorías ou costumes universais, froito das súas viaxes e coñecementos, para enxalzar o positivo e criticar o negativo. Polas datas dos artigos, parece que tamén este tipo de escritura “castrense” ten a súa orixe en Inglaterra. Será nas súas colaboracións desde Londres co “Jornal de Noticias” do Porto cando comecen a aparecer, mesturados con crónicas políticas, algúns comentarios acerca da forma de comportarse dos británicos ou sobre noticias curiosas ó modo dunha “revista de prensa”.
En xeral, a estructura deste tipo de artigos pódese considerar retórica. Castro emprega unha longa exposición de antecedentes, exemplos, argumentacións para, moitas veces, descubrir só ó final do texto o motivo do mesmo. O autor a miúdo comeza referíndose a modo de pretexto a outras informacións ou opinións publicadas das que vai derivando temas colaterais ata chegar ó punto que lle interesa destacar. Así, son numerosas as citas que realiza a artigos de Álvaro Cunqueiro publicados no mesmo diario baixo o título de “El Envés”. En moitas ocasións, os comentarios de Castro son meras glosas; noutras, pártese dos presupostos de Cunqueiro para aventurar novas conclusións. E o mesmo fará cos artigos de Vicente Risco en “El Pueblo Gallego”.
O turismo será un tema moi recorrente neste tipo de artigos e servirá como punto de vista externo e medio de referencia para observar “o galego”. Desta forma, as súas “Consideraciones sobre el turismo” tamén poden enmarcarse dentro da categoría de “crítica social”. Esta serie de catro artigos numerados e correlativos apareceu publicada en abril de 1962 no Faro de Vigo. Non son os únicos textos nos que o escritor se refire ó tema, pero si os que sistematizan dunha forma máis clara e explicativa as opinións de Castro con respecto a aquel novo fenómeno social que comezaba a chegar a Galicia.
O estilo aquí é meramente expositivo, enumerativo. Nestes artigos avogarase pola formación dos profesionais da hostelería, a hixiene nos establecementos ou a diversificación da oferta de ocio. Presenta incluso solucións prácticas inmediatas como a posta en marcha de cursos formativos aproveitando os recursos educativos e persoal existentes, á espera da creación dunha escola de hostelería especializada. Pero Plácido Castro, ó mesmo tempo que pide unha mellora de infraestructuras e comunicacións, advirte dos perigos da urbanización incontrolada. Denuncia, xa en 1962, a ameaza que supoñía para a natureza e a beleza das costas un desenvolvementismo aínda incipiente asociado ó turismo.
Coma sempre, Castro comparará a situación de Galicia coa doutras rexións e intentará aplicar nela solucións universais. Así, e recorrendo de novo a exemplos británicos, recomendará publicitar adecuadamente os reclamos turísticos das nosas costas invitando a periodistas estranxeiros de “los más importantes periódicos y revistas, los cuales –por ejemplo en Inglaterra– publican cada semana tres o cuatro grandes páginas de artículos, fotografías y anuncios relacionados con los viajes y las vacaciones en el país y en el extranjero”.
Castro tamén xogará neste tipo de artigos cos elementos característicos dos seus comentarios artísticos. O que comeza coma un artigo literario sobre as illas e as implicacións culturais do seu illamento, remata sorprendentemente coa reivindicación concreta e localista dunha ponte á Illa de Arousa, destacando o aproveitamento que suporía das súas grandes calidades turísticas.
O turismo servirá de enlace e pretexto para falar da arte galega. Castro non só defenderá a conservación dos espacios naturais e das obras de arte. Considerará que a conservación pola conservación non serve de nada, que hai que aportar algo novo ó que legaron os antepasados e dinamizar as expresións culturais. De novo recorrerá á comparación entre o tratamento que se lle daba en Galicia a arte Románica, por exemplo, co que se lograra en Navarra vinculando ambas rexións a través do Camiño de Santiago, “histórica vía internacinal” y “tradicional punto de unión de España –y naturalmente de Galicia- con el resto de Europa”.
A súa análise sociolóxica tamén se estende ós “coches de liña”, “uno de los más instructivos observatorios de la vida cotidiana de nuestro pueblo”. Deles sérvese para destruír tópicos galegos como a reserva e o pechado do seu carácter. Das conversacións alí producidas extrae conclusións tales como que “el exhibicionismo gallego no se manifiesta con tanta insistencia en ninguna otra ocasión, como en estas exposiciones públicas de enfermedades, operaciones, padecimientos. Se saca todo a relucir”.
A pesares de semellante variedade temática, Castro era consciente en parte do minoritario do seu público e así o expresa con modestia. No Faro de Vigo do 25 de novembro de 1961, por exemplo, ironiza acerca do número de lectores e da súa autoría ou contribucións novidosas: “Perdóneme el lector –y porqué no ser optimista y decir “los lectores”- estas divagaciones sin trascendencia, y que por lo tanto son también inofensivas, en atención a que le he dado a conocer un bonito cuento. Lo cual es para mí una satisfacción relativa, ya que es la única parte de este artículo que no es mía”.
O ton empregado neste tipo de textos periodísticos destaca pola súa claridade e accesibilidade. Castro, que presenta sempre unha notable profundidade de contido nos seus textos, tanto se fala da obra de Chesterton coma se describe a evolución das romarías galegas, emprega nos seus artigos de crítica social un léxico chan, sinxelo. En ocasións incluso cun ton humorístico ou irónico, distorsionando e esaxerando a realidade case ó nivel dun Larra. Así escribirá cando se refira ós avances da medicina e ás implicacións éticas que suporía a implantación de partes artificiais no corpo humano –tema, coma tantos outros, aínda vixente e de plena actualidade–. Para el, ”el humorismo de nuestros días, cuando no es completamente elemental, no puede librarse de ser negro, a su manera tremendamente serio, apto para encararse con los más angustiosos problemas que nos rodean, quizá en el fondo la única manera sensata de apreciarlo”.
Será ás festas populares ás que dedique o seu derradeiro artigo en prensa, o domingo 21 de maio de 1967. Nas páxinas do Faro de Vigo dedicadas ás Festas de Santa Rita en Vilagarcía amosaba o seu temor ante a progresiva desaparición e distorsión das romarías. Dous meses antes da súa morte, Plácido Castro continuaba reafirmando o seu desexo de convivencia entre o galego e o universal: antes, dende os seus artigos políticos e conferencias; agora, dende as súas columnas de crítica social e as súas particulares descricións das costumes populares.
David Reinero é licenciado en Xornalismo e colaborador do IGADI